Este mes vai ter lugar a conmemoración do Día Internacional da Nena, polo que no Fogar xa comezamos a traballar este tema cos estudantes, achegándoos ás diferentes realidades que viven as nenas no mundo. Unha das figuras que andamos a ver estes días é a de Malala, unha nena nacida en Mingora (Paquistán), que constitue un exemplo de valentía pola súa defensa do dereito á educación. A súa loita, que a levou a gañar o Premio Nobel da Paz no 2014, conmoveu os nenos de 4º de Primaria, que escoitaron a súa historia nas sesións de biblioteca que celebramos estes días.
Os nenos puideron coñecer a historia de Malala grazas á obra Malala/Iqbal, publicada pola editorial Juventud, e na que a autora, Jeanette Winter (unha das nosas escritoras favoritas), nos achega á vida de dous nenos paquistanís que denunciaron a inxustiza no seu mundo.
A través desta obra, os nenos coñeceron como Malala se enfrontou á prohibición dos talibáns, que non deixaban que as nenas fosen á escola. Ela, ao igual que outras nenas, seguiu indo á escola, o que desatou a ira dos talibáns...
Na tarde do 9 de outubro de 2012, o autobús escolar no que viaxaba Malala foi asaltado. Un home armado preguntou cal das nenas que ían no vehículo era Malala, logo lle apuntou cunha pistola e lle disparou tres veces. Unha das balas alcanzou a Malala na cabeza, deixándoa gravemente ferida. Malala ficou varios días en estado crítico, aínda que, finalmente, logrou sobrevivir. Ameazada de morte polos talibáns, Malala, que actualmente ten dezanove anos e vive en Inglaterra, percorre o mundo defendendo o dereito de todas as persoas á educación.
Ao principio, os nenos pensaban que esta historia non era real, que só era resultado da imaxinación da autora do libro. Para demostrarlles que esta historia, chea de valentía, é absolutamente real, abondou con ensinarlles a cara de Malala. Aquí vola deixamos tamén a vós:
Malala non é máis que unha nena cuxo delito foi loitar polo dereito de todos, nenos e nenas, á educación:
Logo da lectura da obra, xurdiron numerosas preguntas e comentarios, que debatemos entre todos. Na sala a idea que máis se escoitou foi: que sorte temos de poder vir ao cole!
"Crìan que as balas nos ían facer calar, pero se equivocaron... Un neno, un mestre, un libro, un lapis poden cambiar o mundo".
A outra historia que nos permitiu coñecer este libro de Jeanette Winter foi a de Iqbal, un neno, tamén pakistaní, que foi escravizado nunha fábrica de alfombras.
Iqbal logrou fuxir da fábrica e denunciou a situación de moitos nenos que son obrigados a traballar en condicións infrahumanas. Na Pascua de 1995 foi asasinado, convertíndose nun símbolo da loita contra a explotación infantil.
Mais estes días, na biblioteca tamén nos achegamos a outros temas, como, por exemplo, o medo. Así, os nenos de 4ºB de Primaria, reflexionaron sobre esta cuestión a través da lectura do conto "La rana tiene miedo", contido na obra La rana tiene miedo y otros cuentos, con texto de Max Velthuijs e publicada por Círculo de lectores.
Aquí tedes algunhas fotos da sesión:
E un grupo de estudantes desta clase, 4ºB, fixo desfrutar aos seus compañeiros de curso cun divertido espectáculo de monicreques creado por eles mesmos. Os tres grupos de 4º gozaron con Este cuento no es mi cuento, xurdido da imaxinación de Pablo Beade Sanz, Inés Boedo Méndez, Pablo Edreira Vilariño, Rubén Fernández Carrión Carnés, Emily María Martínez Ferreira e Sofía Pazos Lorenzo.
Ao principio, o público estaba espectante: unha mesa cuberta cun papel negro?
Mais pronto os monicreques saíron a escena, e o espectáculo comezou:
E a creatividade e a imaxinación foron tamén as protagonistas da sesión semanal de biblioteca de 3ºC de Primaria. A súa mestra, Silvia, propúxolles que, divididos en grupos, inventasen historias a partir dunha serie de imaxes que lles tocaron en sorte.
Unha vez que cada grupo acabou a súa historia, fómolas contando unha por unha para desfrutalas entre todos.
A alegría e o bo humor dominaron unha sesión na que os pícaros se(nos) divertiron coa súa capacidade para crear e contar historias.
Os grupos de Infantil tamén desfrutaron de actividades na biblioteca, protagonizadas por bolboretas, osos e pitiños. Os pícaros viaxaron e viaxaron cos contos e mesmo chegaron á Lúa...
6º de Infantil C pasouno en grande grazas a Ángelo De Juán Moreira, Malena Mata Otero, Cristina Posada Fernández-Ayala e Noa Rama Budiño, estudantes de 5ºA de Primaria, que realizaron unha divertida dramatización de Orejas de mariposa (Kalandraka), unha interesantísima obra con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves, perfecta para traballar a autoestima, e que nos lembra que todos somos diferentes e, ao mesmo tempo, todos somos iguais, pois ningunha persoa vale máis que outra.
Entre o público houbo alguén que gozou especialmente con este conto: Adrián, irmán de Noa.
E logo de asistir á dramatización, nada mellor que colorear unhas fermosas bolboretas:
E a aventura e o risco chegaron á biblioteca da man de 6º de Infantil A, grupo co que fomos cazar un oso, grazas á emocionante obra de Michael Rosen titulada Imos cazar un oso (Kalandraka).
Atravesamos campos de herba...
Un bosque...
Un río...
Unha treboada...
E conseguimos cazar unha morea de sorrisos!
Rematada a aventura, aínda nos quedaba crear o noso osiño particular:
Nestes momentos, o noso osiño está a secar, mais prometemos sacarlle unha foto e colgala no blog para que o poidades coñecer:
E esta semana continuamos desfrutando cun conto que xa comezamos a ver con algúns grupos nas pasadas semanas: Cocorico (OQO), de Marisa Núñez e Helga Bansch. Unha historia que mantivo os nenos espectantes até o último momento.
Coidado, Cocorico, que aí vén Gato Pelado! Marramiauuuuu...!
Co medo que pasou, Cocorico perdeu as súas plumas, polo que decidimos axudalo e llas pegamos:
Mais as aventuras na biblioteca do Fogar non pararon aquí, e os pícaros de 5º de Infantil B subiron e subiron até tocar a Lúa, grazas a un clásico da LIX, como A que sabe a Lúa? (Kalandraka).
Esta fermosa obra de Michael Grejniec nos ensina o valor da cooperación e do traballo en equipo.
Xunto a estas actividades, iniciamos algunha outra, que nos ocupará as vindeiras semanas. Este é o caso de Biblioburro, que xa comezamos a traballar con 2ºA de Primaria e que seguiremos a tratar con outros grupos. Polo momento, aquí vos deixamos un adianto:
Ademais, vos lembramos que ao longo do mes de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas de Idade, visitarán o Centro algúns avós e algunhas avoas (de estudantes de Infantil e de 1º e 2º de Primaria), que contarán contos, lendas, experiencias, etc., e se divertirán cos grupos dos seus netos. Avoas! Avós! Estades convidados a desfrutar con nós na biblioteca. E para ir explicando a actividade aos pequenos, nada mellor que a lectura de Avós (Kalandraka), de Chema Heras e Rosa Osuna, obra que estes días está a viaxar polas clases de Infantil e dos primeiros cursos de Primaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario