Hai uns meses recibimos a visita de Eva, nai de Enma, alumna de 6º de Infantil A, que nos fixo desfrutar cunha fantástica sesión de contacontos. Ademais desta divertida actividade, a visita tamén nos serviu para falar con Eva do seu labor na Asociación Parkinson Galicia-Coruña. Froito desta conversa xurdiu unha actividade de colaboración entre os nenos do Fogar e os pacientes desa asociación: os alumnos de 6º prepararían unha obra de teatro e os membros da asociación elaborarían o decorado para dita obra. Logo, adornariamos a biblioteca con dito decorado e os nenos de 6º representarían a obra ante os pacientes da Asociación Parkinson Galicia-Coruña.
Lucía Pérez, Andrea, Laura, Sofía, Uxía, Jaime, Abraham, Noel, Simón, Ainhoa, Shaila, Lucía Lariño, Joana e Candela, e os seus profesores Carola, Miguel e María, ilusionáronse enormemente co proxecto desde o primeiro momento. A obra Carapuchiña ao revés botaba a andar...
Os rapaces comezaban cos primeiros ensaios, coas primeiras dúbidas, cos primeiros risos e, sobre todo, cos bos momentos que nos fixo pasar esta actividade. Ir establecendo o vestiario de cada personaxe foi tamén un elemento importante, solucionado facilmente grazas á xenerosidade das familias e dos rapaces. Roupa de familiares, disfraces do entroido que tiñamos por casa, xoguetes dos nosos primos... Entre todos, compartindo, pronto tivemos disposto o vestiario.
Mais o esforzo non só comezaba no Fogar. Na Asociación Parkinson Galicia-Coruña a obra tamén botaba a andar. Foron moitas as horas que vós, os pacientes da asociación, lle dedicastes á elaboración do decorado. Por iso vos queremos dar as grazas. Sodes, simplemente, un exemplo. E neste labor houbo unha persoa fundamental: Belén, unha das logopedas da asociación, que guiou a elaboración do decorado. A ti, Belén, querémosche agradecer tamén a implicación que amosaches en todo momento. Sen todo o teu esforzo, que sabemos que foi moito, esta actividade tería resultado imposible.
Así, mentres nós ensaiabamos nos recreos, na asociación confeccionaban un decorado que, cando o recibimos, nos fixo ficar sen palabras. Desde aquí só o podemos calificar de espectacular. Queredes velo? Aquí o tedes:
Liñas atrás referinme aos ensaios nos recreos, e é que foi neses momentos, durante o recreo da mañá e o de comedor, cando, día tras día ensaiabamos na biblioteca. A vós, as actrices e os actores desta obra, queremos dicirvos desde a biblioteca, que foi un pracer compartir eses momentos con vós. En cada ensaio vos vimos dialogar, apoiarvos, axudarvos uns aos outros e, sobre todo, desfrutar. E nós desfrutamos enormemente xunto a vós.
E así pasaron os meses, até que chegou o gran día...
Tanto esforzo por parte duns e de outros, só podía ter como resultado unha sesión na que todos desfrutamos enormemente, e na que vós, as actrices e os actores de 6º, puxestes en escena toda a ilusión que fostes acumulando en cada ensaio.
Esta actividade non foi máis que unha obra feita entre dous: o Fogar e a Asociación Párkinson Galicia-Coruña. Un proxecto de colaboración no que os nenos e as nenas de 6º, e os pacientes da asociación e Belén, a súa logopeda, achegaron cada un o seu gran de area para un obxectivo común: berrar ben alto que todos contamos. Nenas e nenos, xóvenes e maiores..., todos sumamos.
E, por suposto, con esta actividade queremos dar visibilidade a unha doenza, o Parkinson, que é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente no planeta, e que afecta a 6,3 millóns de persoas en todo o mundo. Tendo en conta estes números, tórnase evidente o labor fundamental e tan necesario de entidades como a Asociación Parkinson Galicia-Coruña, que loita cada día por axudar tanto os afectados por esta enfermidade, como os seus familiares. Para todos aqueles que desexedes coñecer máis acerca do traballo que leva a cabo esta asociación, non tedes máis que visitar a súa páxina, picando aquí.
Como remate desta actividade, no mes de xuño a Asociación Párkinson Galicia-Coruña visitará, novamente, o Fogar para levar a cabo un obradoiro destinado a achegar os nosos nenos a esa realidade chamada Párkinson.
Como remate desta actividade, no mes de xuño a Asociación Párkinson Galicia-Coruña visitará, novamente, o Fogar para levar a cabo un obradoiro destinado a achegar os nosos nenos a esa realidade chamada Párkinson.
No hay comentarios:
Publicar un comentario