jueves, 18 de mayo de 2017

OS NOSOS VELLIÑOS

Con motivo do Día do Libro, celebrado o pasado 23 de abril, decidimos homenaxear os libros máis antigos da biblioteca do cole, para o cal creamos unha exposición con obras que se remontan até o s.XVIII, como é o caso do "avó" da biblioteca, un volume dos Soliloquios de San Agustín publicado en 1788. Un grupo de estudantes de 4ºC de Primaria, composto por Mateo, Nuria, Manuel, Anxo, Candela e Antía, foi o encargado de montar a exposición, á cal chamamos "Os nosos velliños". A idea de realizar esta exposición xurdiu logo de ver no blog da Biblioteca Fiz Vergara Vilariño, do IES Gregorio Fernández, unha actividade semellante realizada polos nosos compañeiros dese centro anos atrás. A vós, compañeiros de Biblioteca Fiz Vergara Vilariño, queremos darvos os parabéns polo enorme traballo que vides realizando. 



Antía, Anxo, Manuel, Nuria, Candela e Mateo fixeron de guías da exposición, recibindo aos alumnos que acudían a vela e amosándolles as diferentes obras.








Ao longo de varias semanas, o alumnado que pasou pola biblioteca puido desfrutar dun Quijote do s.XIX, de xornais de comezos do s.XX, de novelas xuvenís publicadas nos anos 60 e 70 do pasado século...




Aquí tedes unha pequena mostra das obras expostas:










Os encargados da exposición, ademais, crearon unha liña do tempo na que os alumnos puideron ver o que estaba a pasar no mundo no momento no que se estaban a publicar esas obras. Así, fomos achegándonos a feitos e persoeiros de moi diversa índole: vimos como no s.XVIII, cando o noso "avó" se publicou, estaba a extinguirse o uro e falecía Isaac Newton; ou como no s.XIX, cando algúns dos nosos "velliños" estaban a ver a luz, grandes inventos, como a locomotora, a radio ou o cinematógrafo comezaban a revolucionar o mundo. Analizando década a década, percorremos o século XX, no que chamaron a nosa atención persoas como Martin Luther King, Valentina Tereshkova ou Nelson Mandela; e feitos como o paso do Cometa Haley, o descubrimento da antiga cidade de Machu Pichu, o afundimento do Titanic ou a chegada do home ao Polo Sur e, décadas máis tarde,... á Lúa! Nestas fotos podedes ver, no mantel azul da exposición, as fotos da liña do tempo:




E cales foron as obras que máis chamaron a atención do alumnado? Sen dúbida, unha delas foi o libro Los automóviles, de Alain Grée, publicada pola editorial Casterman en París no ano 1968, e xa en español por Editorial Juventud, nunha primeira edición que data do ano 1971.







Igualmente chamativas resultáronnlles as ilustracións do resto das obras da sección dedicada aos anos 60 e 70 do século pasado.




A exposición foise enriquecendo co  que cada un fomos achegando. Cómpre destacar neste sentido a colección de libros antigos que nos trouxo Rosa, titora de 4ºB de Primaria, coa que puidemos desfrutar de xoias como as publicadas na Editorial Calleja, creada por Saturnino Calleja. Estamos a falar dos populares Cuentos de Calleja.



Desde aquí queremos dar as grazas a Candela, a Anxo, a Manuel, a Antía, a Mateo e a Nuria, por todo o esforzo que fixeron durante a preparación da exposición. A este grupo xenial, queremos dicirvos unha cousa: é un pracer compartir o día a día da biblioteca con vós. Simplemente: grazas por ser como sodes.


2 comentarios:

  1. Muchas gracias al personal de la biblioteca y a estos niños maravillosos

    ResponderEliminar