Como todos sabedes, unha das cousas que máis nos gusta facer na Biblioteca Agustín Fernández Paz é falar de libros. Por esta razón, esta semana comezamos unha nova actividade no blog dirixida a recomendarnos lecturas. De maneira periódica iremos publicando entradas nas que diferentes persoas vencelladas ao Fogar irán compartindo os seus gustos lectores. Agardamos que vos guste a iniciativa. Para comezar a devandita actividade, ninguén mellor que un dos nosos docentes máis lectores: Xosé Manuel Varela, profesor de Lingua Galega e Literatura na ESO.
1.
O libro da túa infancia…
A
galiña azul de Carlos Casares. Foi a miña primeira lectura, tanto de lingua
galega como de castelá. Noutrora nas casas e nas unitarias das aldeas non había
moitas lecturas ou case ningunha. Fascináronme as historias do seu protagonista
Leoncio, inventor do idioma papapío, e de cómo se amañou para que as
autoridades non capturasen a galiña azul.
2. Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar?
Son
máis lector de narrativa e dentro dela calquera subxénero. Se tiver que
escoller un subxénero quedaríame cos magníficos libros de literatura de medo de
Agustín Fernández Paz, aínda que tampouco desbotase a contística do benquerido
Xabier P. Docampo. Dentro do xénero de humor o meu preferido é Suso Lista,
autor dunha triloxía de relatos cos cales non paras de rir en toda a lectura.
3.
Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías?
Teño
a sorte de coñecer en persoa ao longo de varias décadas a moitos dos autores
que lía ou fun lendo. Na actualidade, gustaríame ter un encontro con Care
Santos, autora que fascina aos novos lectores.
4.
O teu libro favorito…
O
meu libro de cabeceira é un clásico do século XIX: Queixumes dos pinos de
Eduardo Pondal. Non só porque os poemas están ambientados en espazos vitais que
coñezo moi ben, senón tamén pola creación dun mundo mítico para Galicia.
5.
Se tiveses o poder de convertirte nunha personaxe literaria, cal elixirías?
Converteríame
en calquera bardo que cita Pondal na súa obra, por exemplo, no bardo Gundar ou
en calquera outro. Son personaxes evocadores, que gustan de espazos románticos
e que rebordan coñecemento e respecto pola natureza.
6.
Unha obra para tremer de medo…
Aire negro de Agustín Fernández Paz. Trata dunha
muller que non só está recluída nunha cela senón que tamén está capturada polos
seus medos. É unha narración xuvenil ou para adultos na que tamén aparecen
reflectidos os tempos da escola.
7. Un libro para escachar co riso…
Coma
a roda no muíño de Suso Lista publicado por Edicións Embora. É
unha novela longa do Camiño de Santiago pero que non remata en Santiago senón
na Costa da Morte. Todo o tránsito que realiza Ulises na súa peregrinación
desde Suíza a Santiago e despois á Costa da Morte está inzado de momentos
hilariantes e esperpénticos.
8.
Que supón para ti a lectura dun libro?
Para min un libro ten que
sorprenderme en calquera ámbito, desde a trama ata a lingua na que está
escrito. Agardo nel que me manteña activo para seguir pasando páxinas e que me
descubra mundos novos ou relación humanas que non coñecía.
9.
Lectura en papel ou dixital?
Prefiro
a lectura en papel porque leo en calquera lado: no coche, no despacho, na cama…
Ademais, desde os trece anos que comecei a crear a miña biblioteca persoal
encántame ir enriquecendo os anaqueis con novos títulos en papel. Tras tanto
tempo xa teño un problema de espazo na casa e os libros obsérvanme desde todas
as estancias da vivenda. Calquera día vanme dicir: un dos dous deberá cambiar
de morada.
10.
Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e
que che gustase especialmente:
“Eu nacín na pequena
Ponteceso”. É un verso dun poema que
Eduardo Pondal dedica ao seu val nativo. Nel canta as bondades do rural fronte
aos feitos gloriosos das grandes ciudades. É un poema que está moito de
actualidade dado que nestes tempos que corren moita xente urbana volveu ao rural
ou aos modos de vida do rural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario