martes, 16 de marzo de 2021

DÍA MUNDIAL DOS DEREITOS DO CONSUMIDOR: POR UN CONSUMO RESPONSABLE, SOSTIBLE E RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE

En 1983, a ONU instituìu o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, que se vén celebrando desde entón cada 15 de marzo. Este ano, os esforzos ao celebrarmos este Día céntranse en sensibilizar sobre a necesidade dun consumo máis racional e sostible, respectuoso coa contorna, e combativo co risco real que supón a contaminación por plásticos.

Porque cremos que o respecto ao medio ambiente é cousa de todos, aquí vos deixamos varias ligazóns á web da OCU, nas que poderedes atopar abondosa información sobre temas como a obsolescencia ou a reciclaxe, e sobre os sete pasos que todo consumidor pode seguir para frear a contaminación por plásticos: 

-Reemplazar o plástico por outras alternativas.

-Replantexarse se de verdade é imprescindible recorrer a el.

-Rexeitar produtos con exceso de embalaxes.

-Reducir o número de residuos.

-Reutilizar os obxectos dos que non poidas prescindir.

-Reciclar os restos de xeito adecuado.

-Reparar antes de desbotar.

E, por suposto, aquí vos recomendamos unha lectura, axeitada para lectores a partir de 8 anos, que vos permitirá afondar neste tema: Un mar de plásticos, de Kirsti Blom e Geir Wing Gabrielsen, publicada en castelán por Takatuka.


Nesta obra explícasenos como cada ano se fabrican centos de toneladas de plástico, un 10% das cales van parar ao mar, o que está a provocar a formación de xigantescas illas de lixo, como a enorme mancha de residuos do Pacífico, situada entre o Xapón e os Estados Unidos, e que posúe un tamaño máis grande que España, Francia e Alemaña xuntas.


Nas páxinas do libro, veredes como o océano se está a converter nun xigantesco vertedoiro de lixo, que afecta gravemente á saúde da flora e a fauna mariñas. 


A historia dun fulmar boreal, un ave mariña que habita as costas do Atlántico Norte, serve de fío condutor para explicar as fatais consecuencias do uso masivo de plástico e a necesidade de limitar drásticamente o seu uso. 


Picando aquí, poderedes ver unha mostra do interior do libro.




No hay comentarios:

Publicar un comentario