Esta semana, nos días previos ao Samaín, a biblioteca encheuse de monstros, bruxas, vampiros, momias e mil e un libros nos que o medo, o misterio e o terror están moi presentes. Estes libros están á vosa disposición para que os leades na biblioteca ou para que os levedes en préstamo para a vosa casa. Aquí vos deixamos unha pequena mostra das obras que podedes encontrar:
- As fronteiras do medo (Rodeira), obra mestra da literatura de terror, escrita por un xenio das nosas letras: Agustín Fernández Paz. O libro sitúanos perante seis relatos vencellados por un tema común, o medo, e nos lembra a escrita de grandes autores do xénero, como Lovecraft ou Poe. A presenza do estraño e da xeografía galega pódese observar en todos os relatos, entre os que podemos destacar "A porta do alén", que abre o libro e no que o autor nos sorprende cun final inesperado; ou "A voz do sangue", máis terrorífico que o anterior e no que, a partir dunha porta que non debe abrirse, se nos amosa a forza do destino, do que non se pode fuxir.
- Drácula (Xerais), unha das novelas máis coñecidas da historia, publicada en 1897 e ideada pola mente xenial do irlandés Bram Stoker, que converteu o protagonista da obra no vampiro máis famoso de todos os tempos. Nesta obra, que fará desfrutar a calquera afeccionado á literatura de terror, atoparedes non só o terrible conde e o seu castelo , senón tamén ao doutor van Helsing, a misteriosa paisaxe de Transilvania e os diferentes xeitos de loitar contra os vampiros: allos, estacas...
- Cando petan na porta pola noite (Xerais), obra na que outro grande das nosas letras, como é Xabier P. DoCampo, nos presenta catro relatos de misterio ("O espello do viaxeiro", "O fornadas", "A loba" e "O cumpremortes"), escritos con tal mestría que, ao lelos, o lector pensará que se atopa sentado nunha noite escura de inverno perante dunha lareira escoitándoos na voz dun orador acostumado a contar historias de medo. Estes catro relatos nos achegan ao misterio e ao terror, á vida no mundo rural (onde se sitúan maioritariamente estas historias), coa súa característica hospitalidade, e aos contos de medo tan presentes na nosa tradición e na nosa literatura oral.
- Frankenstein o el moderno Prometeo (Oxford), un clásico da novela gótica, escrito pola autora inglesa Mary Shelley e publicado en 1818. Esta obra non é unha simple novela de medo, senón un texto que trata de ir máis alá, explorando temas como a moral científica ou a creación e destrución da vida por parte do home. A novela narra a historia de Víctor Frankenstein, un xoven estudante de medicina obsesionado por coñecer os segredos da alma humana, que crea un corpo a partir da unión de partes de diferentes cadáveres diseccionados. A través da electricidade, Víctor consegue dar vida ao monstro, que logra fuxir do laboratorio...
Cómpre sinalar que, se ben ao monstro protagonista desta obra se lle coñece popularmente como Frankenstein, en realidade, dito monstro non recibe tal nome no libro, onde se refiren a el como "ser demoníaco", "enxendro", "a criatura"...
- Los mejores relatos de terror (Alfaguara), unha atinada antoloxía que reúne oito historias creadas por grandes mestres do xénero. O lector que se mergulle nas páxinas desta obra encontrará relatos tan terroríficos como o coñecido "O estraño caso do señor Valdemar", escrito por Edgar Allan Poe, un dos máis grandes autores estadounidenses, considerado como un dos inventores do xénero de terror; ou "A verdade acerca de Pyecraft", do non menos coñecido H. G. Wells, un dos escritores británicos máis xeniais do s. XX, famoso, principalmente, polas súas novelas de anticipación científica como A máquina do tempo ou A guerra dos mundos, ambas á vosa disposición na biblioteca do Fogar.
- La niebla (Grijalbo), un terrorífico libro escrito por Stephen King, no que a historia nos sitúa nunha pequena cidade de Maine que unha mañá, logo dunha violenta tormenta, se ve invadida por unha néboa que oculta monstros doutro mundo.
- Relatos de terror (Xerais), que reúne oito contos de Lovecraft ("A tumba", "Do máis alá", "Herbert West, reanimador", "O can", "A cerimonia", "El", "A besta da cova" e "O alquimista"), inventor do conto materialista de terror, no que utiliza os símbolos que se manteñen no inconsciente das persoas para espertar eses terrores ancestrais que xacen no noso cerebro. Un libro para ler en noites de tormenta, que fará tremer até ao máis valente.
- Pel de lobo (Xerais), unha novela engaiolante, de aventuras e terror, fantasticamente escrita por Xosé Miranda, e que recrea o mito do lobishome, presente nunhas páxinas impregnadas dunha atmosfera desacougante de principio a fin.
- Dr. Jekyll e Mr. Hyde (Xerais), novela de terror aparecida en 1886 e escrita polo xenial R. L. Stevenson (autor dunha das obras de aventuras máis lida de todos os tempos, A illa do tesouro), na que se narra a historia dun científico que, grazas ao descubrimento dunha droga, consegue un desdobramento da súa personalidade, o que lle permite separar a súa metade boa da súa metade maligna.
- Tres pasos polo misterio (Xerais), do xa mencionado Agustín Fernández Paz, contén tres relatos cun protagonista común: o misterio. En cada un deles, unha persoa narra un suceso inquedante e inexplicable que acabou por mudar de xeito profundo a súa vida. O arqueólogo de “A serpe de pedra” conta os terribles acontecementos acaecidos nun museo de Lugo provocados pola maldición agochada durante miles de anos baixo un monumento megalítico. O xove peregrino de “A vella foto das estrelas” relata como, debido a un encontro marabilloso acaecido no Camiño de Santiago, tocou o misterio da presenza terrible e marabillosa que vén coa noite chea de estrelas. O historiador de “As sombras do faro” rememora, trinta anos despois, os estraños e desacougantes sucesos, tan claros na súa memoria, da enigmática torre de Pontebranca, un faro derruído, onde se viviron experiencias terribles. Estamos, pois, perante un libro que guía os nosos pasos polos camiños do misterio, da intriga e do terror.
- La sombra del gato y otros relatos de terror (Alfaguara), escrito pola sevillana Concha López Narvaez, unha das autoras españolas máis recoñecidas dentro da literatura infantil e xuvenil, contén catro relatos ("La sombra del gato", "La isla de los hombres feroces", "La verdadera muerte de Sir William de Letchword" e "El anillo del alquimista") nos que os protagonistas deixan escapar o mal que dalgunha maneira poderían ter controlado, e é este mal incontrolado o que, crecendo e estendéndose, dá lugar ao terror.
- Si quieres pasar miedo (Espasa), unha obra da escritora alemá Angela Sommer-Bodenburg, creadora da famosa saga vampírica para nenos El pequeño vampiro. Neste libro, nos presenta diferentes historias tan terroríficas como divertidas, que farán desfrutar a todo lector afeccionado aos contos de medo que se achegue ás súas páxinas.
- Malos tiempos para fantasmas (Espasa) é unha obra de Walter J. M. Wippersberg, protagonizada por Max, unha pantasma que, xunto co seu pai sae unha noite para conseguir asustar a alguén, porén, non teñen éxito, pois a xente xa non se asusta tan doadamente coma antes e xa non cren en bruxas nin en pantasmas. Este fracaso chega a ouvidos da comunidade de pantasmas que, conscientes de que unha situación como esta podería supor a súa fin, decide nunha reunión xeral de pantasmas que Max debe volver intentar asustar a alguén, e conseguilo.
- Vouvos papar (Xerais), de Luz Méndez e Pere Tobaruela, cóntanos a historia de Tucho e Mucha, dous nenos que, conectados polo correo electrónico e o programa de chat, desfrutan do seu xogo favorito, o "Buscaminas", cando, de súpeto, os chucha o seu ordenador. Quen os quere papar? Se queres encontrar respostas a esta pregunta, mergúllate nas páxinas desta apaixonante aventura que se desenvolve no mundo das pantallas e dos programas informáticos.
- Fantasmas no corredor (Xerais), de Agustín Fernández Paz, unha divertida historia de medo que nos achega a Mariña e á súa familia, que acaban de mudarse a unha nova casa, na que a protagonista axiña realiza un descubrimento terrorífico: o corredor está cheo de fantasmas. Uns fantasmas que polo día non se ven, mais que pola noite saen das paredes e andan de troula polo corredor. Só Mariña coñece a súa existencia, pois ninguén máis da familia os ve, polo que será a nena quen deberá atopar unha proba que lle permita desvelar a presenza destas terribles criaturas.
E, como cada mes, na biblioteca recibimos novos libros, os cales podedes atopar na mesa de "Novidades". Entre estas novidades correspondentes ao mes de novembro, encontraredes algunha tan terrorífica como Cuentos de fantasmas (Oxford), unha selección que reúne algúns dos mellores contos de pantasmas de todos os tempos, escritos por grandes autores da literatura universal, como Daniel Defoe, Charles Dickens, Edgar Allan Poe ou Guy de Maupassant.
Entre os relatos contidos nesta antoloxía, destaca "La leyenda de Sleepy Hollow" (tamén coñecido como "La leyenda del Jinete sin Cabeza"), de Washington Irving, fantasticamente levada ao cine en 1999 polo xenial Tim Burton e protagonizada por Johnny Depp. A película, que acadou un Óscar á mellor dirección artística (2000), é unha boa opción para a noite do Samaín. O relato, e o libro que o contén, estanvos a agardar na biblioteca.
E para despedirnos, aquí vos deixamos este fantástico vídeo de Paco Nogueiras e o seu tema "No Samaín", unha das doce cancións incluídas no libro-CD-DVD titulado Brinca Vai!, editado por Kalandraka. Feliz Samaín a todos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario