viernes, 5 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: LECTURAS PARA ESO, FP E BACHARELATO

Se onte vos deixabamos unha listaxe de lecturas, dirixidas ao alumnado de Infantil e Primaria, dedicadas a traballar a igualdade de xénero e a poñer en valor o papel da muller na sociedade, nesta ocasión, toca centrarnos nos cursos superiores. Así, tamén para o alumnado destes niveis fixemos unha selección de libros cos que pretendemos poñer o noso pequeno gran de area nese inmenso traballo que é a coeducación.


Agardamos que estas dez obras que vos propoñemos, adecuadas non só para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, senón para calquera día do ano, nos leven a todos ao desfrute coa lectura, á reflexión e á concienciación. Na listaxe poderedes encontrar novela, álbum ilustrado, poesía, relatos, teatro e até novela gráfica. Picando no título, atoparedes información sobre cada unha das obras propostas e mesmo poderedes acceder, nalgúns casos, aos primeiros capítulos das mesmas.

1.Mujeres de ciencia (Nórdica Libros): comezamos a nosa listaxe recomendándovos tres xoias literarias escritas e ilustradas por Rachel Ignotofski,. A primeira delas nos achega a cincuenta mulleres que, en diferentes épocas, acadaron grandes logros no eido da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas. Nestas páxinas, fermosamente ilustradas, poderedes coñecer moitas cousas sobre figuras tan sobranceiras como Hipatia, Marie Curie, Jane Goodall, Ada Lovelace ou Valentina Tereshkova, pero tamén sobre outras mulleres que, malia os seus logros, acadaron menos renome, como Karen Horney, Gerty Cori ou Patricia Bath.

2.Mujeres en el arte (Nórdica Libros): o segundo dos libros que vos propoñemos de Rachel Ignotofski. Coa mesma estructura do anterior, nesta ocasión a autora achéganos a mulleres destacadas no mundo da arte, desde Frida Kahlo ou Georgia O`Keeffe até Tarsila do Amaral ou Zaha Hadid.

3.Mujeres en el deporte (Nórdica Libros), a terceira das obras de Rachel Ignotofski, preséntanos, na mesma liña que as anteriores, a 50 destacadas deportistas cuxos logros van desde a década de 1800 até a actualidade. Nestas páxinas podemos ver figuras tan coñecidas como a tenista Serena Williams, pero tamén moitas outras máis anónimas, como Patti McGee, pioneira do skateboarding.

4.El diario azul de Carlota (Destino): escrito por Gemma Lienas e recomendado para nenas e nenos a partir de 12 anos, trátase dunha obra imprescindible que se centra na violencia de xénero, pero que tamén trata a violencia infantil e a violencia escolar.

5.Astrolabio (Anaya): Premio SGAE de Teatro Infantil 2018, esta obra escrita por Paco Romeu e ilustrada por Ana Oncina, fálanos da viaxe de Duna, unha nena beduina que logrará fuxir dun matrimonio concertado. Libro recomendado a partir de 12 anos.

6.Como tú: 20 relatos + 20 ilustraciones por la igualdad (Anaya): outra obra imprescindible para xóvenes a partir de 14 anos, na que vinte escritores e vinte ilustradores se xuntaron para crear un libro que nos fala de igualdade e do poder da educación como ferramenta fundamental para lograr un mundo máis xusto en cuestión de xénero.

7.Miedo a los perros que me han dicho que no muerden (SM): Javier García Rodríguez agasállanos cunha xoia literaria, dirixida a maiores de 14 anos, na que a través da poesía envía unha mensaxe de igualdade entre os xóvenes. Este libro forma parte da campaña "Orgullosa de ti", desenvolvida pola editorial SM, e que busca fomentar a igualdade a través da lectura, mediante obras que nos ofrecen protagonistas femininas fortes e independentes. O poemario que aquí vos recomendamos trata de acabar con certos estereotipos, como a existencia de cousas de chicos e cousas de chicas, e centra a súa mensaxe nos medos dos xóvenes. Como mostra, deixámosvos un podcast no que atoparedes un petisco da beleza, a sensibilidade e a forza deste poemario. Non tedes máis que picar aquí.

8.La tribuna (SM): un clásico do s.XIX, no que Emilia Pardo Bazán nos sitúa nunha sociedade machista e hipócrita na que unha humilde obreira trata de loitar pola xustiza. Axeitado para lectores a partir de 14 anos.

9.Sally Heathcote. Sufragista (Ediciones La Cúpula): esta novela gráfica de de K. Charlesworth, Bryan Talbot e Mary M. Talbot, dura e realista, constitúe unha lectura imprescindible para todo aquel que desexe coñecer como foi a loita por acadar o voto para as mulleres.

10.Yo soy Malala (Alianza Editorial): nesta listaxe non podía faltar o testemuño de Malala Yousafzai, unha valente rapaza de Pakistán tiroteada polos talibáns por mor da súa loita a prol do dereito das nenas á educación.



No hay comentarios:

Publicar un comentario