Un dos pilares fundamentais da biblioteca do Fogar constituídelo vós, as familias. Por esta razón sempre nos gusta propoñervos actividades nas que poidades visitarnos, pasar un tempiño cos vosos fillos e o seu grupo, e coñecernos de maneira máis cercana a nós, os diferentes profesionais que, no día a día, pasamos tantas horas cos vosos pícaros.
Así, ao longo do curso irémosvos convidando a que veñades pola biblioteca a traballar con nós diferentes temáticas. Logo de desfrutar cos vosos contos de Samaín, nesta segunda quincena de novembro invitámosvos ás mamás e aos papás de Infantil e de 4º, 5º e 6º de Primaria a que nos visitedes para falarnos de grandes mulleres. Só tedes que pensar nalgunha figura feminina que vos pareza especialmente relevante no ámbito da ciencia, da arte, dos dereitos humanos, etc., e vir pola biblioteca a falar sobre ela co grupo dos vosos fillos, avisando previamente ao titor para fixar o momento da visita.
Esta actividade, destinada a traballar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pretende poñer en valor o papel da muller na sociedade.
Desde aquí animámosvos a participar e aproveitamos para darvos as grazas a todos aqueles que xa pasastes este curso pola biblioteca. Grazas por regalarnos o voso tempo.
E aqueles que non poidades vir pola bibloteca nesta ocasión, non vos preocupedes. En decembro teredes a oportunidade de visitar a biblioteca para lernos contos sobre o Nadal e para explicarnos como celebrades nas vosas casas esas datas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario