viernes, 25 de noviembre de 2022

VISITAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, POLA IGUALDADE, POLO PLANETA...

Estes días a biblioteca do Fogar volveu ser escenario dunha chea de visitas nas que, grazas a vós, os pícaros puideron desfrutar de contos sobre diferentes temas. Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, esta temática foi a que ocupou a maior parte das sesións. 

Fostes moitas as mamás e os papás que nos visitastes para achegarnos a figuras femininas da relevancia de Marie Curie, Amelia Earhart, Dian Fossey ou Agatha Christie, e tamén a lecturas fundamentais como O libro dos porcos (Kalandraka), Maruxa (OQO), Até as princesas soltan peidos (Algar), A historia dos bonobos con lentes (Kalandraka) ou Unha feliz catástrofe (Kalandraka), moitas das cales continúan a percorrer as clases baixo a forma de libros viaxeiros.

E se todas e cada unha das visitas que recibimos na biblioteca son para nós máxicas, houbo unha que nos emocionou especialmente. Estamos a referirnos á visita de Puri, unha das profesoras máis queridas do noso colexio. Logo de toda unha vida educando nenas e nenos desde as aulas de Infantil, esta súper muller decidíu interromper por uns momentos a súa merecida xubilación para agasallarnos cunha sesión de contacontos que nos fixo desfrutar a todos. Desde aquí agradecémoslle enormemente que nos regalase este tempiño no regreso ao que é a súa casa. 


As visitas continuarán durante os vindeiros días, nas que as mamás e os papás que o desexedes podedes seguir vindo pola biblioteca a achegar os pícaros a algunha figura feminina que consideredes de relevancia. Estamos especialmente impacientes por coñecer a Isabel Zendal, a enfermeira galega que protagonizará unha das visitas confirmadas da próxima semana con 4ºB e 5ºB de Primaria.





No hay comentarios:

Publicar un comentario