Ao longo do mes de abril, a nosa biblioteca escolar encheuse de maxia, creatividade e moita imaxinación grazas ao concurso de debuxo coa temática “O bosque encantado”. Recibimos un montón de propostas cheas de detalles sorprendentes: árbores que falan, criaturas misteriosas, camiños secretos e mundos agochados entre a vexetación.
Queremos felicitar a todo o alumnado participante polo seu esforzo e pola calidade dos seus traballos. Non foi nada doado escoller! E, por suposto, tamén queremos dar os parabéns aos gañadores: Brais (4ºEPO A) e Alicia (5ºEPO A), os cales reciciron cadanseu premio esta mañá.
Moitas grazas a todos os que participastes por encher a nosa biblioteca de fantasía.
E sen perder tempo, … viaxamos ao Xapón! Esta será a temática do mes de maio, en consonancia co Mes do Xapón que estamos a celebrar na biblioteca.
Este mes é moi especial para nós, xa que contamos coa chegada ao noso colexio da profesora xaponesa Haruna, que nos achegará á súa cultura, tradicións e curiosidades do seu país.
Animámosvos a participar creando debuxos inspirados no Xapón: templos, paisaxes, flores de cerdeira, anime, tradicións… ¡deixade voar a vosa imaxinación!
Grazas por facer da nosa biblioteca un lugar cheo de vida, arte e aprendizaxe.


