domingo, 13 de marzo de 2016

DESPOIS DA CHUVIA UNHA VACA PUXO UN OVO E UN OSO TOCOU UN PIANO

Ao longo dos últimos días foron moitos os contos que lemos e escoitamos na biblioteca. Contos que nos falaron de prexuízos, de solidariedade e colaboración, de valorar o que temos e... de amizade.

Cos pequenos de 4º de Inf. C desfrutamos da obra Me duele la lengua (Edebé), de Margarita Mainé, un libro enormemente divertido que nos amosa a importancia da tolerancia e da solidariedade a través da historia de Mariano, un neno a quen lle encanta falar en todo momento e lugar, movendo a súa lingua sen parar. Porén, Mariano atoparase cun grave problema cando un día cae e morde a lingua...



Aquí tedes unhas fotos dos pícaros atendendo á lectura:





Las zapatillas del abuelo (Edebé), de Joy Watson, foi outra das obras escollidas para estes días. Con ela botamos uns bos risos xunto cos nenos de 4º de Inf. A, que gozaron cos intentos da avoa de se desfacer das zapatillas vellas do avó. Malia todos os trucos que emprega, non hai maneira de que o avó as tire. Así, a tarefa semella imposible, até que un día... 




Helena Blanco Rodríguez, Adriana Otero Gómez e Sara Paz Añón, alumnas de 4ºA de Primaria, encargáronse de achegarnos o conto:




Mais na biblioteca tamén nos mergullamos estes días no mar dos libros pop-up, ferramenta que empregamos para profundar no apaixonante mundo dos animais. Deste xeito, Isabel García López e Icía Gómez Betancur, alumnas de 4ºA de Primaria, achegaron os nenos de 4º de Inf. aos leóns, aos crocodilos, aos elefantes, aos flamengos, aos búfalos e a unhas simpáticas criaturas que causaron sensación entre os pequenos: os suricatos.







Os animais volveron ser protagonistas nas sesións desenvolvidas cos pícaros de 6º de Inf. arredor da obra Despois da chuvia (Kalandraka), gañadora no 2015 da VIII edición do prestixioso Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Con texto e ilustracións do cordobés Miguel Cerro, esta historia sitúanos perante unha desgraza: un terrible diluvio inunda o bosque e os seus habitantes vense na obriga de procurar un refuxio. Xa a salvo nunha cova, chega o momento de ir na procura de auga, de alimentos, etc. O pequeno raposo ofrécese voluntario, porén, o grupo, desconfía das súas capacidades e das súas intencións, polo que vai encomendando as diferentes tarefas a outros animais. Estamos perante un conto tremendamente rico, que nos fala de supervivencia, das necesidades básicas, da solidariedade e do traballo en equipo na busca dun ben común, mais tamén da desconfianza e dos prexuízos. O protagonista da obra encheunos de tenrura cando, desde a súa inxenuidade e inocencia, comeza a intentar conseguir o inacadable. Credes que o logrou?




Así de atentos permaneceron os nenos durante a lectura:



Porén, se alguén conseguiu que os pequenos desfrutasen con esta obra, eses foron Carmen Martínez Barrio e Iago Lohier Gesto, alumnos de 3ºA de Primaria, que esta semana debutaron como contacontos, deixándonos a todos abraiados co seu bo facer nesta faceta.





Iago e Carmen atevéronse non só cos nenos de 6º de Inf. B, grupo ao que pertence Elsa, a irmá de Iago, senón que contaron outro conto aos pícaros de 1ºC de Primaria, clase na que está Irene, irmá de Carmen. O libro escollido para 1º foi A vella na botella (OQO), de Roberto Mezquita, co que xa desfrutaron outros grupos anteriormente, e que nos lembra a importancia de valorar o que temos.


Aquí podedes ver a estes contacontos xeniais:




Os nenos de 1º de Primaria desfrutaron tamén da divertidísima obra de Andy Cutbill A vaca que puxo un ovo (OQO), que inundou de risos a biblioteca.



Candela Garea Veiga, Inés Mena Sierra e Lucía Perticaro Corsani, alumnas de 4ºC de Primaria, foron as encargadas de contar este conto aos pequenos. Unha vez rematada a lectura, os nenos puideron desfrutar pintando debuxos inspirados nas ilustracións do libro.





Os animais encheron de novo a biblioteca da man da obra de Norbert Landa titulada ¡Atrapemos al monstruo! (Ediciones Elfos), un libro que fixo escachar coa risa aos pequenos de 1ºA de Primaria, e que nos ensinou que moitas veces as cousas non son o que parecen.


Nesta ocasión, o encargado de contar este conto foi Martín Seisdedos Vázquez, que fixo desfrutar enormemente a un público entre o que se atopaba a súa irmá Uxía.





Mais se estes días houbo unha obra que estivo verdadeiramente presente na biblioteca, esa foi El oso y el piano, escrita e ilustrada por David Litchfield e publicada pola editorial Blume. Esta historia, enormemente fermosa, serviunos para debater cos nenos dos diferentes grupos (6º de Inf., e 2º e 3º de Primaria) sobre un dos grandes tesouros da vida: a amizade.



Na lectura deste libro participaron alumnos de Secundaria, como María Señarís Pose e Antía Otero Balastegui (ambas de 4ºESO A), Marta García Rojo e Julia Rey Rodríguez (de 3ºESO A e 3ºESO B, respectivemente), ou Santiago Molinelli Marcote (1ºESO B).







Esta historia enganchou desde a primeira páxina os pequenos, que seguiron así de atentos a lectura:



Unha vez acabado de ler o libro, chegou a hora de falar sobre a amizade, e os nenos foron explicándonos o que é para eles un amigo: "alguén moi especial", "unha persoa que me escoita", "alguén que sempre esta aí para axudarme"... E logo do debate, os alumnos de 2º e 3º de Primaria tiveron que pensar nun dos seus amigos, describilo e logo debuxalo. O resultado foron unhas fermosas fichas que se convertiron en agasallos para eses amigos.





E nunhas horas comeza unha nova semana de contos na que remataremos unha actividade que xa comezamos hai uns días, e na que recibimos unha visita moi especial: a do terrible Grúfalo...

miércoles, 9 de marzo de 2016

XA HAI GAÑADORES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA!

Xa temos gañadores do concurso de fotografía, convocado este ano baixo o lema "Un recuncho para o meu libro", e que gozou dunha alta participación. Desde o blog queremos felicitar a todos aqueles alumnos que nos enviastes fotos e que nos puxestes moi difícil a elección dos vencedores, debido á enorme calidade dos documentos presentados. 

Finalmente, na categoría de Primaria, a vencedora foi Paula Martínez Gómez, alumna de 6ºA, grazas a esta fermosa foto sacada en Loiba (Ortigueira), nun banco escollido como o máis bonito do mundo, desde o que se poden contemplar unhas vistas impresionantes, que van desde o cabo de Estaca de Bares a Cabo Ortegal. Sen dúbida, estamos perante un lugar ideal para relaxarnos e desfrutar dunha boa lectura.



Moitos parebéns, Paula! Agardamos que desfrutes do libro e do disco que levaches como premio pola túa bela fotografía.




E se na categoría de Primaria o premio recaeu en Paula, na categoría de Secundaria, FP e Bacharelato, a gañadora foi, un ano máis, Lucía Costa López, alumna de 1ºESO A. O xurado valorou esta fermosa imaxe que nos amosa que o mellor lugar para un libro é aquel no que o podes compartir coa xente que queres. Lucía, non temos dúbida de que compartir un libro co teu irmán Diego (presente na foto), é un deses pequenos praceres da vida.



Ao igual que lle desexamos a Paula, tamén agardamos que tí desfrutes cos premios que che entregamos como vencedora do concurso.



Nos vindeiros días realizaremos unha exposición coas mellores fotos desta edición. Novamente, parabéns a todos os participantes.

lunes, 7 de marzo de 2016

FOGAR DE SANTA MARGARIDA: CAMPIÓN DO CLUB DE DEBATE LOCAL 2016

Hoxe a familia do Fogar está de noraboa, pois os nosos representantes no Club de debate 2016 veñen de se proclamaren campións da fase local no certame celebrado onte no Centro Ágora. Nesta edición, na que se debateu sobre a conveniencia ou non de educarmos os nenos sen os levarmos á escola, os nosos alumnos de 4º da ESO demostraron que o traballo ten a súa recompensa. E é que esta vitoria é froito de moitas horas de investigación, de ensaios e, en definitiva, de esforzo por parte dun grupo de rapaces e rapazas cos que é un auténtico pracer compartir o día a día no Centro. 



Diego Pampín Gil, Cristina Mouriño Domínguez, Alberto Gil Besada, Alba Boedo Méndez, Icía Varela Gómez, Sara Sánchez Varela, Nerea Castiñeira Rial, Lucía Sánchez Abad, Antía Otero Balastegui, María Señarís Pose, desde a Biblioteca só vos queremos dicir: parabéns! Non só pola vitoria de onte, senón simplemente por ser como sodes.

E parabéns, moi merecidos tamén, para vós, Carolina e Xosé Manuel, por agasallar a este fantástico grupo de rapaces co voso cariño e o voso tempo.

viernes, 4 de marzo de 2016

O HOMIÑO DE PAPEL CHEGA AO FOGAR

Durante o pasado mes de febreiro, a biblioteca do Fogar recibiu unha visita moi especial: a do homiño de papel, protagonista dunha fermosa obra que nos lembrou ao longo destas semanas que na vida non existen só cousas tristes, senón que tamén encontramos outras tan fermosas como a solidariedade, a colaboración, a amizade, a axuda, a xenerosidade, a familia, etc.


Así, arredor desta obra xenial titulada O homiño de papel, escrita por Fernando Alonso e publicada en galego pola editorial Everest, levamos a cabo cos diferentes grupos de 2º e 3º de Primaria unha actividade que comezou coa lectura do libro. Para esta lectura contamos coa colaboración de varias alumnas de cursos superiores, a quen, desde o blog, felicitamos polo ben que achegaron o texto aos pequenos.







E logo da lectura do conto, decidimos axudar ao homiño de papel e, por grupos, buscamos nos xornais historias felices para que llas conte aos nenos:






E, así, encontramos historias que nos falan de axuda, de cooperación, de superación, de esperanza, de soños, de amizade e de amor entre as persoas. Estas historias as pegamos nos nosos homiños de papel particulares e despois as fomos comentando entre todos, guiados polas alumnas maiores.





O resultado foron homiños de papel como o que vos amosamos aquí, que agora decoran as clases de 2º e 3º de Primaria. Este homiño da foto, que nestes momentos adorna a biblioteca, elaborárono Candela Garea Veiga, Valentín Fernández Blanco, Antón Regueiro López, Noa Tenreiro Fraga e Adrián Vázquez Couceiro, alumnos de 4ºC de Primaria.



martes, 1 de marzo de 2016

CUN POUCO DE GRIPE COÑECEMOS UN LOBO E PINTAMOS UN MONSTRO DE CORES

A pasada semana comezámola cos nenos de 4º de Inf. A e cun conto enormemente divertido que xa vimos anteriormente con outros grupos: Tío Lobo (Kalandraka), un conto popular italiano adaptado por Xosé Ballesteros, que xira arredor do engano e da mentira. A lectura deste conto permitiunos coñecer a Carmela, protagonista da historia, unha nena moi larpeira que comeu todas as chulas que fixera a súa nai, incluso as que lle tiña que levar ao seu tío Lobo. Este, ao coñecer o que a nena fixera, enfadouse moito e dedicoulle unha terrible ameaza: esta noite papará a nena...


Alba Soutullo Ogea e Helena Blanco Rodríguez, alumnas de 4º A de Primaria, foron as encargadas de contar esta historia aos nenos.




Os contacontos proseguiron con Solamente un poco de gripe (Corimbo), un álbum ilustrado co que Didier Dufresne e Armelle Modéré achegan os máis pequenos á gripe, un mal tan común nesta época do ano, e que é desdramatizado nesta divertida e entrañable obra.



Noelia Ares Vázquez e Carmen Cordonié Rodríguez, alumnas de 4ºA de Primaria, fixeron gozar os pequenos dos grupos B e C de 4º de Inf.



O resto das sesións de contacontos adicámolas a unha actividade tan didáctica como divertida: navegar polo mar das nosas emocións, a partir da lectura de O monstro de cores, unha obra xenial escrita e ilustrada por Anna Llenas, e publicada pola editorial Flamboyant. Deste xeito, a alegría, a tristeza, o medo, o amor, a calma ou a furia foron cuestións sobre as que conversamos animadamente nestes días. E logo da lectura e do posterior intercambio de ideas, a biblioteca encheuse de cores grazas ao traballo duns pequenos artistas que pintaron cadanseu monstro da cor da emoción que predominaba neles nese momento: amarelo-alegría, verde-calma, azul-tristeza... O rosa, a cor do amor na obra de Llenas, estivo moi presente nesta actividade.




Aquí tedes algunhas fotos das distintas sesións:


















E a biblioteca quedou así de fermosa, ateigada de monstros de cores:








E logo dunha semana marcada polas emocións, xa estamos mergullados noutra, na que un dos tesouros máis prezados da vida, a amizade, será un tema moi presente nos contacontos destes días.