A pasada semana comezámola cos nenos de 4º de Inf. A e cun conto enormemente divertido que xa vimos anteriormente con outros grupos: Tío Lobo (Kalandraka), un conto popular italiano adaptado por Xosé Ballesteros, que xira arredor do engano e da mentira. A lectura deste conto permitiunos coñecer a Carmela, protagonista da historia, unha nena moi larpeira que comeu todas as chulas que fixera a súa nai, incluso as que lle tiña que levar ao seu tío Lobo. Este, ao coñecer o que a nena fixera, enfadouse moito e dedicoulle unha terrible ameaza: esta noite papará a nena...
Alba Soutullo Ogea e Helena Blanco Rodríguez, alumnas de 4º A de Primaria, foron as encargadas de contar esta historia aos nenos.
Os contacontos proseguiron con Solamente un poco de gripe (Corimbo), un álbum ilustrado co que Didier Dufresne e Armelle Modéré achegan os máis pequenos á gripe, un mal tan común nesta época do ano, e que é desdramatizado nesta divertida e entrañable obra.
Noelia Ares Vázquez e Carmen Cordonié Rodríguez, alumnas de 4ºA de Primaria, fixeron gozar os pequenos dos grupos B e C de 4º de Inf.
O resto das sesións de contacontos adicámolas a unha actividade tan didáctica como divertida: navegar polo mar das nosas emocións, a partir da lectura de O monstro de cores, unha obra xenial escrita e ilustrada por Anna Llenas, e publicada pola editorial Flamboyant. Deste xeito, a alegría, a tristeza, o medo, o amor, a calma ou a furia foron cuestións sobre as que conversamos animadamente nestes días. E logo da lectura e do posterior intercambio de ideas, a biblioteca encheuse de cores grazas ao traballo duns pequenos artistas que pintaron cadanseu monstro da cor da emoción que predominaba neles nese momento: amarelo-alegría, verde-calma, azul-tristeza... O rosa, a cor do amor na obra de Llenas, estivo moi presente nesta actividade.
Aquí tedes algunhas fotos das distintas sesións:
E a biblioteca quedou así de fermosa, ateigada de monstros de cores:
E logo dunha semana marcada polas emocións, xa estamos mergullados noutra, na que un dos tesouros máis prezados da vida, a amizade, será un tema moi presente nos contacontos destes días.
No hay comentarios:
Publicar un comentario