Ao longo dos últimos días foron moitos os contos que lemos e escoitamos na biblioteca. Contos que nos falaron de prexuízos, de solidariedade e colaboración, de valorar o que temos e... de amizade.
Cos pequenos de 4º de Inf. C desfrutamos da obra Me duele la lengua (Edebé), de Margarita Mainé, un libro enormemente divertido que nos amosa a importancia da tolerancia e da solidariedade a través da historia de Mariano, un neno a quen lle encanta falar en todo momento e lugar, movendo a súa lingua sen parar. Porén, Mariano atoparase cun grave problema cando un día cae e morde a lingua...
Las zapatillas del abuelo (Edebé), de Joy Watson, foi outra das obras escollidas para estes días. Con ela botamos uns bos risos xunto cos nenos de 4º de Inf. A, que gozaron cos intentos da avoa de se desfacer das zapatillas vellas do avó. Malia todos os trucos que emprega, non hai maneira de que o avó as tire. Así, a tarefa semella imposible, até que un día...
Helena Blanco Rodríguez, Adriana Otero Gómez e Sara Paz Añón, alumnas de 4ºA de Primaria, encargáronse de achegarnos o conto:
Mais na biblioteca tamén nos mergullamos estes días no mar dos libros pop-up, ferramenta que empregamos para profundar no apaixonante mundo dos animais. Deste xeito, Isabel García López e Icía Gómez Betancur, alumnas de 4ºA de Primaria, achegaron os nenos de 4º de Inf. aos leóns, aos crocodilos, aos elefantes, aos flamengos, aos búfalos e a unhas simpáticas criaturas que causaron sensación entre os pequenos: os suricatos.
Os animais volveron ser protagonistas nas sesións desenvolvidas cos pícaros de 6º de Inf. arredor da obra Despois da chuvia (Kalandraka), gañadora no 2015 da VIII edición do prestixioso Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Con texto e ilustracións do cordobés Miguel Cerro, esta historia sitúanos perante unha desgraza: un terrible diluvio inunda o bosque e os seus habitantes vense na obriga de procurar un refuxio. Xa a salvo nunha cova, chega o momento de ir na procura de auga, de alimentos, etc. O pequeno raposo ofrécese voluntario, porén, o grupo, desconfía das súas capacidades e das súas intencións, polo que vai encomendando as diferentes tarefas a outros animais. Estamos perante un conto tremendamente rico, que nos fala de supervivencia, das necesidades básicas, da solidariedade e do traballo en equipo na busca dun ben común, mais tamén da desconfianza e dos prexuízos. O protagonista da obra encheunos de tenrura cando, desde a súa inxenuidade e inocencia, comeza a intentar conseguir o inacadable. Credes que o logrou?
Así de atentos permaneceron os nenos durante a lectura:
Porén, se alguén conseguiu que os pequenos desfrutasen con esta obra, eses foron Carmen Martínez Barrio e Iago Lohier Gesto, alumnos de 3ºA de Primaria, que esta semana debutaron como contacontos, deixándonos a todos abraiados co seu bo facer nesta faceta.
Iago e Carmen atevéronse non só cos nenos de 6º de Inf. B, grupo ao que pertence Elsa, a irmá de Iago, senón que contaron outro conto aos pícaros de 1ºC de Primaria, clase na que está Irene, irmá de Carmen. O libro escollido para 1º foi A vella na botella (OQO), de Roberto Mezquita, co que xa desfrutaron outros grupos anteriormente, e que nos lembra a importancia de valorar o que temos.
Aquí podedes ver a estes contacontos xeniais:
Os nenos de 1º de Primaria desfrutaron tamén da divertidísima obra de Andy Cutbill A vaca que puxo un ovo (OQO), que inundou de risos a biblioteca.
Candela Garea Veiga, Inés Mena Sierra e Lucía Perticaro Corsani, alumnas de 4ºC de Primaria, foron as encargadas de contar este conto aos pequenos. Unha vez rematada a lectura, os nenos puideron desfrutar pintando debuxos inspirados nas ilustracións do libro.
Os animais encheron de novo a biblioteca da man da obra de Norbert Landa titulada ¡Atrapemos al monstruo! (Ediciones Elfos), un libro que fixo escachar coa risa aos pequenos de 1ºA de Primaria, e que nos ensinou que moitas veces as cousas non son o que parecen.
Nesta ocasión, o encargado de contar este conto foi Martín Seisdedos Vázquez, que fixo desfrutar enormemente a un público entre o que se atopaba a súa irmá Uxía.
Mais se estes días houbo unha obra que estivo verdadeiramente presente na biblioteca, esa foi El oso y el piano, escrita e ilustrada por David Litchfield e publicada pola editorial Blume. Esta historia, enormemente fermosa, serviunos para debater cos nenos dos diferentes grupos (6º de Inf., e 2º e 3º de Primaria) sobre un dos grandes tesouros da vida: a amizade.
Na lectura deste libro participaron alumnos de Secundaria, como María Señarís Pose e Antía Otero Balastegui (ambas de 4ºESO A), Marta García Rojo e Julia Rey Rodríguez (de 3ºESO A e 3ºESO B, respectivemente), ou Santiago Molinelli Marcote (1ºESO B).
Esta historia enganchou desde a primeira páxina os pequenos, que seguiron así de atentos a lectura:
Unha vez acabado de ler o libro, chegou a hora de falar sobre a amizade, e os nenos foron explicándonos o que é para eles un amigo: "alguén moi especial", "unha persoa que me escoita", "alguén que sempre esta aí para axudarme"... E logo do debate, os alumnos de 2º e 3º de Primaria tiveron que pensar nun dos seus amigos, describilo e logo debuxalo. O resultado foron unhas fermosas fichas que se convertiron en agasallos para eses amigos.
E nunhas horas comeza unha nova semana de contos na que remataremos unha actividade que xa comezamos hai uns días, e na que recibimos unha visita moi especial: a do terrible Grúfalo...
No hay comentarios:
Publicar un comentario