Xa temos gañadores do concurso de fotografía, convocado este ano baixo o lema "Un recuncho para o meu libro", e que gozou dunha alta participación. Desde o blog queremos felicitar a todos aqueles alumnos que nos enviastes fotos e que nos puxestes moi difícil a elección dos vencedores, debido á enorme calidade dos documentos presentados.
Finalmente, na categoría de Primaria, a vencedora foi Paula Martínez Gómez, alumna de 6ºA, grazas a esta fermosa foto sacada en Loiba (Ortigueira), nun banco escollido como o máis bonito do mundo, desde o que se poden contemplar unhas vistas impresionantes, que van desde o cabo de Estaca de Bares a Cabo Ortegal. Sen dúbida, estamos perante un lugar ideal para relaxarnos e desfrutar dunha boa lectura.
Moitos parebéns, Paula! Agardamos que desfrutes do libro e do disco que levaches como premio pola túa bela fotografía.
E se na categoría de Primaria o premio recaeu en Paula, na categoría de Secundaria, FP e Bacharelato, a gañadora foi, un ano máis, Lucía Costa López, alumna de 1ºESO A. O xurado valorou esta fermosa imaxe que nos amosa que o mellor lugar para un libro é aquel no que o podes compartir coa xente que queres. Lucía, non temos dúbida de que compartir un libro co teu irmán Diego (presente na foto), é un deses pequenos praceres da vida.
Ao igual que lle desexamos a Paula, tamén agardamos que tí desfrutes cos premios que che entregamos como vencedora do concurso.
Nos vindeiros días realizaremos unha exposición coas mellores fotos desta edición. Novamente, parabéns a todos os participantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario