jueves, 7 de mayo de 2020

CHEGOU O MES DAS LETRAS GALEGAS!

Chegou maio, e con el o Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista ao escritor e docente ferrolán Ricardo Carvalho Calero, autor dunha notable obra literaria que abrangue a narrativa, o ensaio, a poesía e o teatro.



Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz vos convidamos a todos a que estes días vos acheguedes a esta figura fundamental da nosa cultura, que chegou a manter unha relación moi estreita con persoeiros da talla de Castelao, Risco ou Otero Pedrayo, así como con outros intelectuais destacados da Xeración Nós. 

Para aqueles que desexedes coñecer máis sobre o protagonista do Días das Letras Galegas 2020, aquí vos deixamos varios recursos que nos chegaron desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.




- Os estudantes de Secundaria e Bacharelato poderedes encontrar aquí abundante información sobre Carvalho Calero, con interesantes vídeos sobre esta figura:




Sete palabras do teatro de Carvalho - Portal das Palabras

A poesía de Carvalho Calero en sete palabras - Portal das Palabras

O Portal da Lingua Galega

Carvalho Calero 2020 - AGAL




-  Ao alumnado de Infantil e Primaria vos deixamos aquí unha serie de divertidas actividades que podedes realizar en familia, e que van acompañadas de interesantes datos sobre o autor homenaxeado :

Primavera das Letras - Real Academia Galega

Seminario Galán

Agardamos que todos desfrutedes aprendendo moitas cousas sobre unha das figuras fundamentais das nosas letras.





jueves, 19 de diciembre de 2019

DIRECTO DESDE AS MONTAÑAS DO COUREL, CHEGOU O APALPADOR!

Onte, os pícaros de Infantil desfrutaron dunha visita moi especial: a do Apalpador. Tal e como nos contou, estando el na súa terra, as montañas do Courel, escoitou falar do bos que son os nenos e as nenas do Fogar e, por esta razón, quixo vir coñecelos.  E así, unha por unha, este simpático castañeiro foi percorrendo as diferentes clases, parolando cos rapaces e deixando en cada unha un agasallo moi doce para os pícaros.



O Apalpador comezou visitando as clases de 4º de Infantil, como a dos Natalitos:





Tamén charlou cos Iriños:





E cos Jesusitos:





Logo, o Apalpador detívose a falar cos rapaces de 5º de Infantil, como os Cristinitos:





Tamén os Lolitos puideron conversar co Apalpador e contarlle que agasallos van pedir polo Nadal:





E os Mariachis conquistaron ao Apalpador cando, ao entrar este na súa clase, observou que estaban coloreando debuxos seus:







Por último, o Apalpador visitou as clases de 6º de Infantil, comezando polos Puritos:





Logo detívose cos Gemitos:





E rematou cos Caritos:





Desde aquí queremos dar as grazas ao Apalpador polo cariño e simpatía que amosou cara a todos nós, e tamén a Alejandro, papá de Miriam, alumna de 6ºA de Infantil, por falarlle ao seu amigo castañeiro dos pícaros do Fogar e conseguir que nos visitase.




miércoles, 18 de diciembre de 2019

CLUB DE BANDA DESEÑADA: ENCONTRO CON MANEL CRÁNEO

Onte, no Club de Banda Deseñada, tivemos o pracer de recibir a visita dun dos nosos artistas favoritos, o coruñés Manel Cráneo, co que mantivemos un encontro-xantar no que nos achegamos ás súas facetas de ilustrador e de editor.




Así, hai varias semanas comezamos a achegarnos ao seu traballo, lendo e comentando as súas obras:


Entre as que máis nos gustaron, sen dúbida, está Destino Herguss, unha apaixonante novela gráfica de ciencia-ficción, con grandes doses de acción, misterio, aventura, humor e crítica social, que nos descubriu un universo sorprendente creado por Cráneo: o Planeta Mincha.




Ademais de achegarnos ás súas obras, durante estas semanas nos mergullamos tamén no seu proxecto Demo Editorial, o principal referente dentro da edición de banda deseñada en lingua galega, e que a día de hoxe conta entre o seu catálogo con obras de autores da categoría de David Rubín, de Inacio Vilariño, de Jano, de Tokio ou do propio Manel Cráneo.

E por fin chegou o momento tan desexado: o encontro con Cráneo. Un encontro que só podemos definir como extraordinario, e no que desfrutamos desde o primeiro minuto. Entre petiscos, tortilla e empanada, Cráneo falounos do seu labor como artista gráfico, dos seus inicios neste eido, das súas diferentes obras, do proceso creativo, do seu proxecto editorial, do traballo dun editor, da situación actual da banda deseñada galega, e de mil e unha cousas máis, nunha conversa na que Manel, un dos grandes do cómic galego, destacou pola súa humildade e cercanía.










Desde o Club de Banda Deseñada queremos darche as grazas, Manel, por todo o que nos ensinaches na tarde de onte e por todo o respecto e cariño que amosaches cara ao traballo dos rapaces. Queda pendente a visita ás instalacións de Demo Editorial, experiencia da que desfrutaremos no segundo trimestre.

E todos aqueles que desexedes coñecer algo máis sobre Cráneo e sobre o seu proxecto editorial, non tedes máis que picar aquí.



lunes, 2 de diciembre de 2019

NATALIA REGRESA Á SÚA CASA E AS AVOAS E OS AVÓS SEGUEN A VISITAR A BIBLIOTECA

Hai ocasións nas que temos a sorte de recibir unhas visitas moi especiais, como cando regresan á súa casa algúns dos nosos exalumnos. Esta semana puidemos desfrutar dun tempiño con Natalia, que nos regalou a súa tarde e nos leu Artur e Clementina (Kalandraka), o célebre álbum creado por Adela Turin e Nella Bosnia. Natalia escolleu esta obra para tratar cos pícaros de 6ºA e 6ºB de Infantil un tema fundamental: a igualdade.




Esta obra, que reivindica o rol feminino na sociedade, combate os estereótipos sexistas e denuncia a discriminación, segue a resultar fundamental hoxe en día.



E logo da lectura, chegou o momento de falar sobre ela:



As visitas non se detiveron aí, pois as avoas e os avós continúan a pasar pola biblioteca para coñecela e para ensinarnos moitas cousas. Estes días os nenos e as nenas de 1ºA de Primaria tiveron o pracer de compartir un tempo con Ángeles e Manolo, avós de María. Con eles aprendemos moitas cousas sobre a nosa cidade, sobre os diferentes barrios e sobre como foi cambiando A Coruña co paso dos anos. Un percorrido turístico realizado grazas a dous guías, Manolo e Ángeles, aos que só podemos definir como espectaculares.



En 1ºA tamén puideron desfrutar dun tempiño marabilloso con outra avoa xenial, Carmen, avoa de Carmen, que foi respondendo as mil e unha preguntas que os pícaros lle foron realizando. A Carmen lle agradecemos a súa paciencia e cercanía cos pequenos.


E, por suposto, queremos dar as grazas a todos os que nos estades a visitar por todo o que nos ensinades e polo ben que nolo facedes pasar.