martes, 3 de febrero de 2026

Entrevista a Ángeles Buján

 

Ángeles Buján: «Na vila todo son vantaxes»

 

Maria de los Ángeles Buján Burgo, ou Mari Buján, como a coñecemos todos, é unha Concelleira traballadora, próxima e moi querida polos veciños de Friol.

 

MARCO BUJÁN VILLAR (2º ESO A)

 

Quen é Mari?

Son unha rapaza de 42 anos que estudou en Lugo Enxeñaría Técnica Forestal e, despois de pasar por varios traballos, a día de hoxe son Concelleira de Cultura, Turismo e Desenvolvemento Local, ademais de Delegada de Alcaldía no Concello de Friol (Lugo).

 

Entón, en que traballaches antes?

Durante a miña época de estudante gañei algúns cartos traballando na recepción das piscinas do Club Fluvial que temos en Friol, e tamén como camareira. Cando estaba rematando a carreira fun facer prácticas a unha empresa de traballos forestais, onde me contrataron para traballar ó rematar o período de prácticas, e alí estiven traballando varios anos. Despois, xa en Friol, traballei como bombeira forestal, nun supermercado e no GDR  (Grupo do Desenvolvemento Rural) ata chegar ó meu posto actual.

 

Que afeccións ten unha concelleira?

Unha concelleira non sei, a min encántame xogar cos nenos, gústame a cociña, estar con amigos, coa familia e tamén ler, viaxar… E xogar ó fútbol, de feito xoguei varios anos.

 

En que equipo xogaches?

Xoguei sempre no Peluquería Mixta de Friol, un equipo de fútbol sala feminino. Hai que pensar que isto foi hai 30 anos e de feito fomos un dos primeiros equipos femininos que houbo na provincia de Lugo.

 

E como empezaches a xogar?

Pois veu o adestrador buscarnos ó cole porque quería formar un equipo feminino. Empezamos moi poucas rapazas, todas da vila, iso si, e algunhas non moi convencidas… Pero pasabámolo moi ben xogando, nas pretempadas, nos adestramentos, e pouco a pouco fomos creando equipo.

A medida que pasaban os anos fomos mellorando e empezaron a vir rapazas de fóra que querían xogar no noso equipo. No meu último ano como “futbolista” o equipo comezou a xogar tamén en fútbol campo.

 

Cal foi a vosa mellor tempada e que destacarías desta etapa deportiva?

A nosa mellor tempada a nivel futbolístico foi ese último ano meu, que competimos por primeira vez a fútbol campo, porque gañamos todos os partidos, gañamos a Liga, a Copa Deputación, a Copa Galicia… Pero o mellor deste deporte de equipo foi iso, facer equipo, desfrutar xogando, as rapazas coas que xoguei e que a día de hoxe seguimos sendo moi boas amigas, traballar para arrancar un equipo feminino, facer deporte…

 

Agora que xa coñecemos un pouco máis as túas afeccións, porque non volvemos ó tema laboral? Como é un día calquera para a Concelleira de Friol?

Dentro das miñas tarefas habituais está atender os veciños que veñen con calquera petición ou proposta, xestionar os servizos que ofrecen dende o Concello, colaborar cos funcionarios, axudar no que necesite o meu xefe (o alcalde). A isto hai que engadir a organización dos eventos culturais, deportivos e lúdicos que se desenvolven na vila ó longo do ano, que tamén dan o seu traballiño…

 

E cales son os eventos máis importantes?

Un dos eventos polo que máis nos coñecen é a Feira do Queixo de Friol e o Pan de Ousá que se celebra todos os anos en marzo. Ademais, o primeiro domingo de cada mes celebramos a nosa feira mensual.

Celebramos tamén outras feiras como a feira do gando vacún de carne, feira do cabalo, poxa de gando frisón, rapa das bestas e numerosas probas deportivas como a andaina popular, a carreira popular...

No mes de maio temos o Friulio e no mes de novembro o Samaín, nos que recreamos o noso pasado Castrexo, no Castro Friulio que está na zona mais elevada da contorna do complexo fluvial... Aproveitando este entorno, no mes de setembro celebramos unha malla tradicional para revivir este traballo que facían os nosos maiores.

E por se había pouca troula, o último venres de agosto, para despedir o verán, celebramos a Festa da Xuventude.

 

E ofrecedes actividades para os veciños ó longo do ano?

Durante todo o ano hai clases de baile e ximnasia de mantemento. Colaboramos coa ANPA e co cole para intentar traer ao noso concello actividades e servizos para os nosos pequenos, e tamén para que poidan ir a clases de natación a Lugo durante o inverno, xa que as nosas piscinas non son cubertas nin climatizadas.

Colaboramos coas asociacións e cos clubs deportivos da vila, e con outras entidades, no desenvolvemento das actividades que nos propoñen como a Transgalaica (unha competición ciclista), Campionato de España de ciclismo paralímpico, as Olimpíadas Rurais de Galicia, Campionato Rexional da Real Sociedade Canina de España, Somos Chef 2026, concentración de coches clásicos…

Durante o verán, nas fins de semana, organízanse actividades de tipo cultural como maxia, teatro, música, contacontos… Ademais, tamén ofrecemos campamentos durante toda a época estival para os nenos e nenas, tanto do concello como de fóra del.

 

A min convencíchesme de vir vivir aquí. Podes contarnos algunha outra vantaxe de vivir en Friol?

Á parte das actividades e servizos que xa che contei, e algúns máis, cabe resaltar a proximidade a Lugo, as boas comunicacións con outras cidades como A Coruña ou Santiago, a nosa localización céntrica dentro da comunidade… Ademais de todo isto, temos que destacar o que ocorre en máis concellos rurais, pero especialmente en Friol, que é a proximidade que temos entre a veciñanza, que nos coñecemos todos, a tranquilidade de vivir nun concello pequeno, nunha vila, onde os cativos poden saír á rúa a xogar tranquilos, respirar aire puro, maior posibilidade de vivir nunha casiña con horta, animais… Na vila todo son vantaxes e, se o precisas, a cidade está preto.