miércoles, 22 de abril de 2015

ELEMENTAL, MEU QUERIDO WATSON!

Logo dun mes no que o amor inundou a biblioteca cunha mesa dedicada a libros centrados nesta temática, chega o momento de cambiar. Atrás deixamos títulos como Canciones para Paula, Veinte poemas de amor y una canción desesperada ou Chamábase Jan, que tanto vos fixeron desfrutar, e agora chega o turno de obras como Estudio en escarlata, Flanagan 007 ou Asasinato dun siareiro, e é que a nova mesa temática estará dedicada á novela policiaca. Así que, se queres meterte na pel de Sherlock Holmes e do seu inseparable Watson, desfrutar da intelixencia de Hércules Poirot ou resolver os casos máis difíciles na compaña de Cuatro amigos y medio, non dubides en pasar pola biblioteca a mergullarte neste mundo de detectives, misterios sen resolver, traizóns, roubos, conspiracións, intriga e, tamén , humor, creado por magos do xénero como Arthur Conan Doyle ou Agatha Christie.



E como xa sabedes, unha nova mesa temática supón tamén un novo concurso de "Adiviña o fragmento". Nesta ocasión, o fragmento seleccionado (que, coma sempre, permanecerá exposto na porta da biblioteca) corresponderá a unha das obras da mesa policiaca. Cres que serás quen de descubrir a cal dos libros pertence? Métete na pel dun detective e inténtao!

Na mesa dedicada ao amor, a gañadora do concurso foi Paula Martínez Gómez, de 5ºA, que adiviñou que o fragmento seleccionado pertencía a Mujercitas, a obra mestra de Louisa May Alcott. Moitos parabéns, Paula!


No hay comentarios:

Publicar un comentario