sábado, 12 de noviembre de 2016

CONTOS DE AVOAS, DE IRMÁNS E DE BRUXAS, MENTRES TRABALLAMOS POLA IGUALDADE

Polo xeral, comezamos as entradas do blog cun pequeno resumo das actividades deses días na biblioteca. Esta semana cremos que o mellor resumo é esta foto de Sofía e Enma, dúas irmás de ollos de mar e sorriso permanente:



Esta semana continuamos a traballar un tema que consideramos capital: a igualdade. Para iso, seguimos a ler obras como Maruxa (OQO), unha divertida historia con texto de Eva Mejuto, coa que insistimos na necesidade de repartir xustamente as tarefas do fogar. Desta vez, foron os pequenos de 4º Inf. C quenes desfrutaron da lectura desta obra, que correu a cargo de Carmen, Lía e Antón, de 4ºA de Primaria.




Todos os que vos mergulledes neste álbum desfrutaredes, sen dúbida, coas fermosas ilustracións da artista portuguesa Mafalda Milhões:





O libro dos Porcos (Kalandraka), de Anthony Browne, é outra das obras que nos está a ocupar estes días, e coas que estamos a incidir cos máis pequenos na necesidade de repartir as tarefas da casa. 



Aquí tedes os pícaros de 5º Inf. A atendendo á lectura, trala cal conversamos acerca de como eles poden axudar na casa a papá e a mamá.






E, como non, esta semana continuamos coas visitas das avoas, que acudiron ao Fogar a contarnos contos e anécdotas da súa infancia. Unha destas visitas estivo protagonizada por Carmen, avoa de Uxía e de Aitana, que nos contou Antón el ratón, co que gozaron os pícaros de 5º Inf. B.




Este grupo tamén desfrutou esta semana coa lectura de Oscar y el dragón hambriento (Juventud), un divertido conto sobre a astucia e a amizade, creado por Ute Krause.




Isabel, avoa de Irene, de 6º Inf. A, tamén nos regalou o seu tempo e acudiu á biblioteca para falarnos dunha cidade que visitamos recentemente, Santiago de Compostela. Con ela lembramos os lugares que percorremos na excursión á Catedral e aprendemos moitas cousas que non sabiamos sobre a capital de Galiza.






Ana, avoa de Alma, de 6º Inf.,  tamén nos visitou, para regalarnos un encontro no que, ademais de divertirnos con contos, respondeu ás mil e unha preguntas que os pícaros lle realizaron. Ana, grazas pola túa paciencia e amabilidade cos pequenos.





Outra das obras coa que desfrutaron os alumnos de Infantil foi A casa da mosca chosca, un divertido conto popular ruso adaptado para Kalandraka por Eva Mejuto. Aquí tedes os nenos e as nenas de 5º de Inf. C atentos á historia da Moucha Repoucha, do Lobicán Pillabán, do Morcego Chairego e dos demais animais deste conto, co que xa riron a cachón os pícaros de 1ºA de Primaria, grupo co que lemos esta obra hai unhas semanas.








E as avoas non só se deixaron ver por Infantil, senón que os grupos de Primaria tamén tiveron a oportunidade de desfrutar delas. Este foi o caso de 2ºA, que o pasou ao grande con Socorro, unha avoa que xa nos visitara semanas atrás, e que agora volveu para manter un encontro cos compañeiros da súa neta Uxía. Nesta ocasión, Socorro nos leu ¡Soy un dragón! (Edelvives), unha historia creada por Thierry Robberecht, que nos serviu para achegarnos cos pequenos ao mundo das emocións, e para conversar sobre o que acontece no noso interior cando sentimos ira, rabia ou enfado.





Logo de escoitar a Socorro, ao alumnado de 2ºA lle agardaba unha sorpresa: de detrás das estanterías xurdiron de súpeto Inés e Emily, dúas bruxas de 4ºA de Primaria, que lles contaron un terrorífico conto, titulado O monstro do armario, da colección "O baúl dos monstros", creada por Enric Lluch e publicada en galego por Baía Edicións.




Nesta obra nos atopamos cun monstro do armario que se fixo maior e ao que lle chega, polo tanto, o momento de independizarse e sair á procura dun bo armario para vivir só. O noso monstro terá moita sorte e irá a parar a un sitio cheo da súa comida favorita... Estamos ante unha divertida obra que, ao igual que os outros títulos da colección "O baúl dos monstros", protagonizados por bruxas, vampiros ou homes do saco, intenta que os pequenos perdan o medo a estas criaturas.



Sofía e Pablo, de 4ºB de Primaria, tamén divertiron os pequenos cunha obra desta colección. Aquí os tedes cos pícaros de 4º Inf. A, no momento en que, tras a lectura, chega a rolda de preguntas sobre o conto.



Como vistes ao comezo, Enma, irmá de Sofía, desfrutou especialmente con esta sesión:






Tamén Leo, de 3ºC, quixo contar unha historia ao grupo da súa irmá Noa, 6º Inf. C. Os nenos e as nenas desta clase desfrutaron, así, de A cousa que máis doe do mundo (OQO), unha adaptación dun conto popular de Costa de Marfil, realizada por Paco Liván, con ilustracións de Roger Olmos.





Esta obra, coa que xa traballamos este curso con outros grupos, serviulle a Leo para conversar cos pequenos sobre a mentira, tema central do álbum. Aquí o podedes ver dirixindo a sesión:





Outro grupo de 3º de Primaria, formado por Daniela, Nicolás, Elizaveta, Luis, Icía, Ana e Carla, representaron para os máis pequenos, as nenas e os nenos da Gardería, A ratiña presumida, dramatizando a versión de José Antonio López Parreño, publicada por Kalandraka.






Outro grupo de 3ºA, ao igual que o anterior, composto por Olalla, Lucía, Ainara e Nicolás, leu para 1ºC una obra enormemente divertida, ¿Cómo machacar brujas? (Edaf), de Catherine Leblanc.






Logo de asistir á lectura desta obra e de escoitar os prácticos e inxeniosos consellos que nela se nos dan, os pícaros de 1ºC xa nunca volverán ter medo ás bruxas.



Nun mes no que a palabra "igualdade" está a ser a auténtica protagonista, seguimos a traballar un álbum que xa comezamos a ler a pasada semana, titulado Mandela (Juventud) e creado por Kadir Nelson. Nesta ocasión foron nenos e as nenas de 4ºA quenes asistiron á lectura dunha obra que os achegou a unha figura como a de Nelson Mandela, un auténtico exemplo na loita pola igualdade das persoas.





Nesta sesión, os rapaces coñeceron unha realidade tan dura como a do apartheid en África do Sur,  nuns anos nos que a segregación racial chegaba a todos os ámbitos da vida: educación, sanidade...

"Para uso exclusivo de brancos".
Con 4ºB rimos e sufrimos co protagonista de Un vampiro con problemas (SM), de Markus Grolik, unha obra que nos ensinou como debemos enfrontar os nosos medos e axudar aos demais.






Nun mes no que se conmemora o Día Europeo das Persoas Sen Fogar, comezamos a achegarnos a esta triste realidade co alumnado de 5ºB de Primaria, por medio da lectura de Una vida cualquiera (Lóguez), unha obra de Kirsten Boie cuxo contido se resume perfectamente na portada: "Un libro para niños sobre las personas sin hogar". Na sesión dedicada a esta obra fumos lendo, un a un, unha historia que trata de remover a nosa conciencia.






Os maiores de Primaria tamén se achegaron a unha realidade dura, como é a guerra, por medio dun álbum da editorial Kalandraka, titulado O principio. Aquí podedes ver a Xoel e a Álvaro lendo a obra aos seus compañeiros de 6ºA:




Este álbum, escrito por Paula Carballeira e ilustrado por Sonja Danowski, nos achega aos efectos crueis e devastadores das guerras, transmitíndonos, malia todo, unha mensaxe de esperanza.



Candela e Antón, alumnos tamén de 6ºA, leron para os seus compañeiros a historia de Malala, unha nena paquistaní que se converteu nun símbolo da loita polo dereito de todos, nenas e nenos, á educación. 



A obra que serviu para presentar a vida desta loitadora pola igualdade foi Malala/Iqbal (Juventud), que se está a converter nun auténtico éxito na biblioteca do Fogar.





Para despedirnos vos amosamos novos libros que seguen a chegar á biblioteca. Tres deles, pertencentes á colección "Pequeña y GRANDE", de Alba Editorial, nos achegan a tres mulleres de referencia: Agatha Christie, a escritora máis lida de todos os tempos, cuxas novelas foron traducidas a  máis de cen idiomas; Frida Kahlo, a pintora máis destacada da historia da arte mexicana e unha das grandes iconas artísticas do século XX; e Marie Curie, a primeira muller doutora en Ciencias e profesora na Universidade de París, ademais da primeira persoa na historia en recibir dous premios Nobel.



E tamén vos queremos amosar Primeros animales, un fermoso libro co que Carla (4ºB) se divertiu enormemente cando comezaba a ler e que agora nos regalou para que os máis pequenos poidan agora desfrutar tamén del na biblioteca do Fogar. Carla, Antón e todos os que compartides a vosa xenerosidade cos vosos compañeiros do Colexio doando libros para a biblioteca, desde o Plan Lector vos dicimos un enorme : GRAZAS!








GuardarGuardarGuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario