jueves, 24 de noviembre de 2016

TRABALLANDO POLA IGUALDADE MENTRES DESAPARECE O MAR

Esta semana na biblioteca do Fogar  recibimos a visita de máis avós e avoas, falamos sobre a igualdade, achegámonos a mulleres tan intrépidas como Amelia Earhart, debatemos sobre temas como a mentira ou o respecto á natureza, e tamén lembramos a un autor inesquecible: Agustín Fernández Paz.  Todo isto o fixemos entre sorrisos tan fermosos como os que aquí vos regalan Adriana e Sara.



Precisamente, unha das sesións máis divertidas da semana estivo protagonizada por estas xeniais contacontos de 5ºB, que fixeron desfrutar os nenos de 4º de Infantil coa lectura de El pez Arcoiris (Beascoa), de Marcus Pfister, un libro que nos lembra a importancia de compartir, e o ben que nos sentimos cando o facemos.




Logo da lectura do álbum, Adriana e Sara repartiron entre os pequenos algunhas escamas brillantes que lle caeron ao peixe Arcoiris:


Desde aquí vos recomendamos esta obra, que vos impresionará tanto pela beleza da historia que conta, como pela fermosura das súas ilustracións:



Nun mes no que a palabra igualdade está a ter un especial protagonismo, dedicamos algunhas das sesións a ler unha obra de Paloma Rodríguez e Cristina Justo, titulada O país dos mandóns, publicada por Edicións Embora na colección "A igualdade conta".



Paula, Alba, Sabrina e Candela foron as encargadas de ler esta obra aos seus compañeiros de 3ºC de Primaria. Xuntos viaxamos a un país onde uns cantos mandaban sobre o resto e non deixaban que as nenas, as nais, nin as avoas xogasen, saísen ou traballasen fóra da casa.





Outra obra que nos ocupou estes días, e coa que xa traballamos semanas atrás, foi Guapa (Apila Ediciones), escrita e ilustrada por Canizales. Con ela falamos da autoestima e reflexionamos sobre a importancia de ser fieis a nós mesmos.



Aquí podedes ver os pícaros de 5º Inf. A atendendo á lectura deste álbum:




Alicia, tía avoa de Pablo, alumno de 2ºA de Primaria, leu Guapa aos estudantes deste grupo, durante a súa visita á biblioteca:




Outra das sesións desta semana na biblioteca estivo protagonizada por Moncho, avó de Cristian Aneiros, alumno de 6º Inf.A. Moncho leunos El rey de la casa (Blackie Books), un divertidísimo álbum creado por Marta Altés, no que vemos como cambia a idílica vida dun gato cando chega a casa un can. A partir dese momento, seguirá a ser o rei da casa...? 







Mari Carmen, avoa de Alejandro, tamén nos agasallou estes días cunha visita na que, ademais de lernos Pinocho, nos fixo desfrutar coa súa simpatía, respondendo as moitas preguntas que lle fixeron os pequenos de 6º Inf. B.




Lourdes, avoa de  Jimena e de Nicolás, tamén nos regalou o seu tempo e o seu bo humor, dedicándonos unha sesión de contacontos coa que desfrutaron enormemente os pícaros de 4º Inf. A e de 5º Inf. B.



Os nenos e as nenas destes dous grupos tamén desfrutaron con Iriña bailarina, un fermoso álbum creado por Cristina Justo e Paloma Rodríguez (dúas autoras das que xa falamos liñas atrás), publicado por Embora na súa colección "A igualdade conta". 



Claudia e Aitana, alumnas de 4ºB de Primaria foron as encargadas de lernos este conto, que nos fai reflexionar sobre o sexismo laboral a través da historia dunha boneca bailarina que decide intercambiarse cos bonecos do futbolín.



Logo da lectura, coloreamos bailaríns e bailarinas, mulleres e homes futbolistas, etc.





E desde aquí queremos dar as grazas a Bárbara, tía de Martín Domínguez Piñeiro (5ºC), pois foi ela quen nos descubriu esta fermosa obra cando nos visitou o curso pasado.

Unha obra que xa nos ocupou semanas atrás e coa que estes días puideron desfrutar os pequenos de 5º Inf. C, é A cousa que máis doe do mundo (OQO), un álbum que nos levou a falar dun tema como a mentira.




Estes días tamén seguimos a ler O libro dos Porcos (Kalandraka), un álbum creado por Anthony Browne, co que vimos traballando este mes, e que nos serviu para reflexionar cos nenos sobre a necesidade de repartir xustamente as tarefas do fogar.



Foron varios os grupos que asistiron á lectura desta obra. Un deles foi 6º Inf. C:




Tamén en Primaria se divertiron e reflexionaron con esta obra. Irene e Andrea foron as encargadas de lerlla aos alumnos de 1ºB de Primaria:




Os máis pequenos do Colexio, as nenas e os nenos da Gardería, tamén desfrutaron da súa sesión de biblioteca, na que asistiron á lectura dramatizada de El cocodrilo al que no le gustaba el agua (Picarona), de Gemma Merino, unha obra chea de humor, que nos ensina que aínda que moitas veces cometemos o erro de querer ser como os demais, o mellor é ser, simplemente, como somos.



A sesión correu a cargo de Carmen, de 5ºB, e de Fernando, Fran, Nerea e Cynthia, de 1ºESO A:



Como en semanas anteriores, estes días continuamos presentando grandes mulleres, ás que quizais non se lle deu a importancia que merecen. Nesta ocasión achegámonos cos alumnos de 4ºB de Primaria á figura de Amelia Earhart, unha intrépida aviadora estadounidense entre cuxas fazañas podemos destacar a travesía en solitario do Atlántico (1932), nunca antes realizada por unha muller, e o primeiro voo exitoso entre a illa de Hawai e o territorio continental dos Estados Unidos (1935). Amelia, célebre polas súas marcas de voo, desapareceu en 1937 mentres tentaba completar a volta ao mundo pola liña do ecuador.



Hugo, Pablo e Diego foron os encargados de presentar a Amelia aos seus compañeiros, por medio da lectura de Amelia Earhart, unha obra escrita por María Isabel Sánchez Vegara e ilustrada por Mariadiamantes, publicada por Alba Editorial na súa colección "Pequeña y GRANDE", da que xa vos falamos en entradas anteriores.






As nenas e os nenos de 4ºB tamén asistiron á lectura que as súas compañeiras Olaia e Muriel realizaron do álbum Cuando desapareció el mar (Juventud), escrito por Francisco Sánchez e ilustrado por Bárbara Sansó, e que supón un canto cara ao respecto á natureza.



Con esta obra nos achegamos a un dos maiores desastres ambientais e humanos da historia: a diminución do volume da agua no Mar de Aral, un mar que na actualidade ocupa a metade da súa superficie orixinal e cuxo volume se reduciu a unha cuarta parte, deixando como resultado grandes zonas desérticas.




A traxedia ecolóxica (froito dun desmesurado crecemento económico e demográfico), coa dilapidación dos recursos naturais da zona e co envelenamento da poboación, trouxo consigo a traxedia humana a unha rexión na que a día de hoxe a maioría da xente ten enormes dificultades para acceder a agua potable, e na que algúns tipos de cancro se incremetaron até nun 200%.





O drama das persoas sen fogar foi outro tema que nos ocupou estes días, e sobre o que seguimos a reflexionar, tal e como levamos facendo desde hai varias semanas, grazas á lectura de Una vida cualquiera (Lóguez), de Kirsten Boie. 



Aquí podedes ver os nenos e as nenas de 5ºC participando na lectura colectiva da obra:




Estas foron algunhas das actividades que realizamos estes días, e que queremos compartir con vós. Momentos inesquecibles, como o dunha caixa moi especial, da que vos falaremos máis adiante...





Ou o da estrea  dunha obra de teatro creada e dirixida pola nosa compañeira Paula, unha das compoñentes do Equipo de Orientación de Secundaria, que con varias das alumnas que forman parte do Equipo de Mediadores nos achegou a un tema tan importante como o bullying. Iria, Gabriela, Julia, Alicia e Amanda, parabéns polo voso esforzo e polo ben que achegastes aos vosos compañeiros un tema tan delicado como o do acoso escolar. 




E tamén momentos como o da merecidísima homenaxe que lle brindamos a un inesquecible creador de historias, Agustín Fernández Paz, antigo profesor do Fogar, recentemente falecido. Agustín, agora a biblioteca do Fogar xa ten o privilexio de chamarse Biblioteca Agustín Fernández Paz.





Se queredes coñecer máis cousas sobre esta homenaxe a Agustín, non tedes máis que picar aquí e aquí. Nos nosos blogs irmáns, A chave e o mundo e O Ensino na Aula, atoparedes toda a información que desexedes.




GuardarGuardarGuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario