viernes, 22 de diciembre de 2017

CONTINUAMOS A NOSA VIAXE POLA CHINA CON 5ºC DE PRIMARIA

Ao longo deste 1º trimestre foron varios os grupos que estiveron a investigar sobre a China; entre eles, 5ºC de Primaria, que logo de afondar en aspectos como a gastronomía, nos fixeron desfrutar cunhas sesións dedicadas a temas como as danzas tradicionais, os traxes típicos e as festas máis importantes do país.

O grupo formado por Miguel, Nicole, Miriam, Claudia Sánchez, Ariadna e Nuria, falounos de danzas como o Baile da Primavera, o Baile dos Farois ou o Baile do Dragón, e incluso se atreveron a executalos para nós.







Outro grupo, composto por Claudia Rodríguez, Aroa, Lucas, Antía, Elena e Julia, nos achegou aos traxes típicos chineses, como o qipao, vestido de orixe manchú, considerado a variedade máis representativa da indumentaria do país; ou o hanfu, o vestido chinés tradicional e unha das vestimentas máis antigas do mundo.



Finalmente, un grupo formado por Manuel, Diego Nicolás, Alba, Laura, Candela e Anxo falou aos nenos e ás nenas de 2ºC de celebracións como a Festa da Primavera, a Festa dos Farois, a Festa do Día dos Defuntos ou o Festival do Barco Dragón.







Os pícaros quedaron impresionados coa vistosidade das festas chinesas. Aquí vos deixamos algunhas das que falaron:

Festa da Primavera: tamén coñecida como Festa do Aninovo, é a festividade máis importante do calendario chinés. Aínda que as tradicións respecto a esta festa varían segundo a rexión, sempre se celebra en familia, e nela destacan o uso de petardos e fogos artificiais, e os vistosos desfiles do León e do Dragón.


Festa dos Farois: celebración que marca o final das festividades polo Aninovo chinés coa primeira lúa chea do ano. Nesta noite iluminada, miles de lanternas colgan das casas e dos negocios ao longo das rúas, preparando o escenario para os desfiles e espectáculos cheos de cor que dan remate ás celebracións.

Día dos Defuntos: festividade que se celebra quince días despois do equinoccio de primavera, nunha xornada na que, ao igual que acontece en Galicia, as familias se reunen nos cemiterios para lembrar aos seus parentes falecidos, adornar as súas lápidas e queimar todo tipo de obxectos de papel para que non lles falte nada na outra vida.

Festival do Barco Dragón: festa pagá declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, na que se realizan ofrendas a un heroe local, ademais de impresionantes competicións deportivas, como regatas ou paseos en barcos-dragón.


Grazas aos nenos e as nenas de 5ºC, agora xa coñecemos moito máis sobre unha cultura tan rica como a chinesa. Rematamos así este trimestre dedicado a investigar sobre este xigante asiático. Logo das vacacións de Nadal, os alumnos de 5ºC comezarán a investigar sobre un novo país: Inglaterra.




No hay comentarios:

Publicar un comentario