sábado, 9 de diciembre de 2017

PERCORREMOS VENEZUELA CON JESÚS E ESTELA


Hai uns días tivemos o pracer de recibir a visita dun venezolano moi especial, Jesús, pai de Estela, alumna de 5ºB. Xuntos, nos levaron de viaxe por Venezuela, nunha sesión na que desfrutamos enormemente escoitando faltar do Salto de Ángel, do Escudo guayanés, do asado negro...






Jesús e Estela comezaron explicándonos a orixe do nome Venezuela, punto no que, como nos contaron, existen diversas teorías. Entre elas, destacaremos dúas: unha que afirma que Venezuela é un nome autóctono que en lingua indíxena significa "Agua grande", en alusión ao gran Lago Maracaibo; e outra, máis aceptada, que defende que foron os conquistadores españois quenes bautizaron así a esta rexión, por mor da semellanza das construcións indíxenas coa paisaxe da cidade italiana de Venecia.




Grazas a Jesús e a Estela, agora coñecemos moitos outros aspectos do país, como que Venezuela é a nación con máis petróleo do mundo; que nela atopamos o lago máis grande de toda América Latina: o Lago Maracaibo; ou que neste país tamén se encontra unha auténtica marabilla da natureza, como o Salto de Ángel, o salto de auga máis alto do mundo, cunha altura de 979 metros e 807 metros de caída ininterrompida.



En Venezuela, tal e como nos contaron os nosos guías, se encontra tamén o fermoso Archipiélago Los Roques, un dos principais atractivos turísticos do país. Aí temos o arrecife de coral máis grande do Caribe e o parque mariño máis grande de América Latina.



E continuando con outras marabillas da natureza, non podemos deixar de referirnos, seguindo a Estela e a Jesús, ao Escudo guayanés, unha das formacións xeolóxicas máis antigas da Terra, situado, entre outros países, en Venezuela. Nel chaman a atención os tepuyes, unhas mesetas moi elevadas e de pendentes verticais, destacando o Monte Roraima.



Nesta sesión tamén coñecemos marabillas feitas polo ser humano, como a Ponte de Maracaibo, a segunda máis longa de América Latina, con 8678 metros de lonxitude.



Ou o teleférico de Mérida, o máis alto do mundo e o segundo máis longo, con 12,5 kilómetros de traxecto e unha altura de 4765 metros sobre o nivel do mar.



Este teleférico chega até o punto máis alto do país, o Pico Bolívar, situado a 4978 metros sobre o nivel do mar.



Con Jesús e con Estela tamén nos detivemos, novamente, nas comidas máis típicas de Venezuela. Aquí vos deixamos algunhas das que máis nos encheron o ollo:

Pabellón criollo: prato nacional por excelencia, composto por arroz branco cocido, carne, feixóns negros e plátano fritido.

Hallaca: masa de fariña de millo sazonada con caldo de galiña ou de polo e onoto,  rechea con guiso de carne de res, porco e galiña ou polo, ao cal se lle engaden olivas, uvas pasas, alcaparras, cebola e pimentón. Envólvese todo en follas de plátano, logrando unha forma rectangular, e finalmente se ata e se ferve en auga.

Cachapa: prato típico a base de millo, ao que se lle engaden diferentes ingredientes como queixo, azucre, ovo, sal, fariña de trigo, ou leite, e que se cociña en tixola ou en budare.

Asado negro: prato consistente nunha tallada de carne con forma cilíndrica, extraída da parte traseira da res, que  se prepara con especias e papelón (produto directo da melaza da cana de azucre fervida e callada en forma de pasta). O papelón, xunto co viño e o ají doce, dálle un ton escuro e un sabor doce.

Pelao guayanés: preparado con galiña ou polo e arroz,  aos que se lles engade unha grande cantidade de ingredientes, como papelón, cebola, pimentón, ajíes doces, allo, tomate, pementa negra...

O que acabamos de ver non é máis que un pequeno exemplo de todo o que aprendemos con Jesús e con Estela, un pai e unha filla xeniais que malia levar con nós tan só uns meses, xa forman parte da familia do Fogar.


GuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario