miércoles, 6 de junio de 2018

RECIBIMOS A VISITA DA ASOCIACIÓN PARKINSON GALICIA-CORUÑA

Hai uns días vos falamos da Asociación Parkinson Galicia-Coruña e do proxecto "Ponte en mi lugar", dirixido a dar a coñecer unha realidade como a do Parkinson, unha enfermidade que afecta a 6,3 millóns de persoas en todo o mundo. Resultado deste proxecto, xurdiu a obra de teatro "O rei melón", nunha colaboración entre o alumnado de 5º de Primaria do noso colexio e un grupo de pacientes da Asociación Parquinson Galicia-Coruña. Tanto na web do Fogar como no blog podedes encontrar información sobre a mesma, fotos, etc.

Unha vez representado "O rei melón" diante de pacientes da Asociación, quedaba a segunda parte do proxecto: traballadores e pacientes da Asociación nos visitarían para desenvolver un taller co alumnado de 5º de Primaria, no que, dunha maneira divertida e amena, nos achegarían ao día a día dun enfermo de Parkinson. Así foi como recibimos a Julio e a Luis, pacientes da Asociación, e a Belén, a Sandra e a Eva, traballadoras da mesma.



Todos eles nos foron achegando, a través de diferentes probas, ao mundo do Parkinson, nunha sesión que comezou cunha breve charla introductoria sobre a enfermidade.



A continuación, o alumnado de 5º, dividido en pequenos grupos, foi percorrendo diferentes espazos, en cada un  dos cales tivo que superar unha proba que lle permitiu aos nenos e ás nenas experimentar o que sinte un enfermo de Parkinson en determinada situación.


















Unha vez que todos os alumnos pasaron polas diferentes probas, reflexionamos xuntos sobre o que aprendemos ao longo da sesión e os membros da Asociación responderon a todas as preguntas que lles fixemos.




Finalmente, cada estudante cubriu un breve cuestionario no que plasmou todo o que aprendera, e realizou un debuxo referente ao seu sentir ao longo da sesión. 




Desde aquí queremos agradecer á Asociación Parkinson Galicia-Coruña todo o esforzo realizado nun proxecto coma este, que axuda a fomentar no alumnado valores fundamentais como a sensibilidade, a empatía, o respecto, a superación ou a gratitude, ademais de facernos a todos máis conscientes dunha enfermidade como o Parkinson.

A todos os que queirades saber máis sobre o traballo desenvolvido pola Asociación Parkinson Galicia-Coruña, vos convidamos a visitar a súa web, á que podedes acceder picando aquí.






No hay comentarios:

Publicar un comentario