Como é habitual na biblioteca do Fogar, esta semana viaxamos por un mundo que nos encanta: o mundo dos contos. Diferentes obras protagonizaron, así, os contacontos destes días, algúns dos cales foron desenvolvidos polos propios alumnos.
Un dos contacontos que máis fixo desfrutar aos pícaros foi o que realizaron Michela, Violeta e Martina, alumnas de 4ºB de Primaria.
Este trío xenial leu para os nenos e as nenas de 2ºA de Primaria un álbum enormemente divertido: Finn Herman, escrito por Mats Letén e ilustrado por Hanne Bartholin.
O público escoitou moi atento a lectura desta obra publicada pola editorial Libros del Zorro Rojo. Unha lectura que Martina, Violeta e Michela acompañaron cun fermoso espectáculo de monicreques, co que escenificaron esta historia protagonizada por un crocodilo moi famento que, durante un pequeno paseo pola cidade, vai engulindo todo o que se cruza no seu camiño.
E logo da lectura, estas tres contacontos de primeira propuxeron aos pequenos de 2ºA que coloreasen e montasen o seu propio crocodilo. Os pícaros, por suposto, aceptaron o reto.
Outros dos alumnos que quixeron participar nestas tardes de contos na biblio foron Andrea e Marcos, de 3º da ESO, que leron para os pequenos de 6ºA e 6ºB de Infantil o álbum Contín Contón, unha fermosa obra de Antón Cortizas publicada por Edicións Embora. A través das aventuras do divertido esquío que protagoniza a obra, fómonos achegando ao outono, coas súas cores e froitos característicos.
Os petos de Loreto, do xenial Quentin Blake, e publicado por Kalandraka, foi outra das obras coas que desfrutaron estes días os pícaros de Infantil. A profe Nerea leu este divertidísimo álbum para os pequenos de 4ºB e 4ºC de Infantil.
E despois demostrounos a todos que os seus petos, ao igual que os de Loreto, están cheos de sorpresas:
Os contacontos desta semana tamén nos serviron para achegarnos a un tema que está moi de actualidade: as eleccións. A obra escollida para traballar esta temática foi O país dos mandóns, un fermoso álbum escrito por Paloma Rodríguez e Cristina Justo, publicado por Edicións Embora nunha colección que vos recomendamos a todos: A igualdade conta. A profe Ana leu a obra para os seus alumnos de 4ºA, que escoitaron moi atentos e logo estableceron un interesante debate sobre o tema.
A seguir, divididos en grupos, mergulláronse na tarefa de formar partidos políticos, elaborando cadanseu programa electoral.
Con O país dos mandóns, ademais de achegarnos ao tema das eleccións, comezamos a traballar unha temática que protagonizará este mes na biblio do Fogar: a igualdade. Así, co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller ás portas, fomos xa mergullándonos en obras como Maruxa, un álbum crítico e divertido creado por Eva Mejuto e Mafalda Milhoes para Kalandraka, e que nos fala da necesidade de estableceer un reparto igualitario das tarefas do fogar.
Maruxa e Pepiño vivían na aldea.
Maruxa cosía, varría e labraba.
Pepiño cantaba, folgaba e durmía.
Mais un día…
Os pícaros de 5ºA e 5ºB de Infantil foron uns dos que puideron desfrutar deste álbum da boca da profe Cris.
E, por suposto, esta semana tamén continuamos co tema central deste curso: as tradicións galegas. Así, os grupos seguiron a achegarse a diferentes aspectos da nosa cultura, como as lendas galegas. A lenda de Breogán e Xerión foi a escollida pola profe Nuria para ler aos seus alumnos de 2ºB de Primaria
En 6º de Primaria, pola súa banda, andan a achegarse ás particularidades de cada unha das provincias galegas, procurando información sobre diferentes aspectos: festas, gastronomía, lendas...
A busca de información en diferentes soportes tratamos de que sexa unha constante no labor diario dos alumnos, polo que cada día acuden á biblioteca os grupos para investigar sobre os temas que andan a traballar na aula. En 4º de Primaria, por exemplo, andan a recoller información sobre os seres vivos.
E malia que outubro xa rematou, decidimos dar continuidade ao "Mes dos avós" e estes días seguimos a recibir visitas de avoas e avós, que nos contaron lendas, nos achegaron aos tempos da súa infancia, nos falaron dos oficios que desempeñaron, etc. Algúns dos avós que nos visitaron estes días foron: Nieves, avoa de Carlota, de 1ºB de Primaria.
Tila, avoa de Andrea, de 1ºA de Primaria:
E Luis, avó de Cristian, de 3ºC de Primaria:
E despedimos esta semana cunha foto á que titulamos: "Un recreo na biblioteca do Fogar".
No hay comentarios:
Publicar un comentario