lunes, 25 de noviembre de 2019

CONTACONTOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, PARA CELEBRAR A DIFERENZA, PARA SER FIEL A UN MESMO...

Na biblio encántanos facer moitas cousas: sesións do Club de Banda Deseñada, teatro, investigacións, exposicións, encontros con autores, etc. Unha das actividades que máis nos gusta é desenvolver contacontos para os diferentes grupos, e nisto os alumnos de Primaria son uns expertos, como ben demostraron Lucía, Martina, Paula e Laura, de 4ºB. 





Estas catro contacontos de primeira fixeron desfrutar aos pícaros de 6ºA e 6ºB de Infantil cunha das nosas obras favoritas Guapa, coa que a súa autora, Canizales, gañou o Premio Apila Primera Impresión 2016. Recomendámosvos a todos este fermoso álbum que vos achegará á divertida historia dunha bruxa que terá que aprender a que non lle afecte o que pensen os demais, porque o verdadeiramente importante é ser fiel a un mesmo. 



E unha vez rematada a lectura da obra, todos coloreamos as nosas propias bruxas e os nosos propios ogros, personaxes principais do álbum.








Tanto desfrutaron estas contacontos coa actividade, que xa andan a aproveitar os recreos para ensaiar e preparar outro álbum para os pícaros de Infantil:



E se hai un grupo que destaque por ser unha fantástica canteira de contacontos ese é 1ºB de Primaria. En cada sesión semanal de biblioteca un dos alumnos do grupo le un conto para os seus compañeiros. Os últimos en facelo foron Jorge e Manu, que nos permitiron desfrutar a todos con La vocecita (Kókinos) e Tibulí (Planeta DeAgostini).






Foron moitos os contacontos que vivimos estes días. Algúns, como Elmer, un dos clásicos da literatura infantil, creado por David McKee e publicado en castelán por Beascoa, nos levou a falar do valor da diferenza.



Con el desfrutaron en 4º de Infantil:




Gustoulles tanto que decidiron crear os seus propios Elmer:







Outros nos achegaron a diferentes mulleres que, cos seus inventos, intentaron mellorar o mundo. O álbum Inventoras y sus inventos, creado por Aitziber Lopez e Luciano Lozano e publicado por Flamboyant, é unha xoia que vos recomendamos a todos.



Os alumnos de 2ºA de Primaria traballaron esta obra coa súa profe Ana e coñeceron figuras como Martha Coston, que inventou as bengalas marítimas, Katherine Burr, inventora do vidro antirreflectante, Sarah Mather, inventora do periscopio submarino, ou Ángela Ruiz Robles, creadora da chamada enciclopedia mecánica, o "avó" dos libros electrónicos que empregamos na actualidade.



Esta obra, que pon en valor o papel da muller na sociedade, resultou enormemente útil para comezar a traballar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebrará o vindeiro luns, día 25 de novembro. Este é o tema fundamental do libro de Fina Casalderrey Xela volveuse vampira!!, publicado por Baía Edicións, e co que os nenos e as nenas de 2ºA se achegaron a esta dura realidade.






Ao longo destas semanas continuaremos a traballar esta data a través de obras como Rosa Caramelo (Kalandraka), Artur e Clementina (Kalandraka), O país dos mandóns (Embora Edicións), Maruxa (OQO) ou A historia dos bonobos con lentes (Kalandraka). Esta última foi a protagonista das sesións de biblioteca da pasada semana en 5º de Infantil.





E queremos despedirnos cunha foto que demostra que todos temos o noso recunchiño favorito para ler:




No hay comentarios:

Publicar un comentario