martes, 5 de noviembre de 2019

ENTRE AVOAS E CONTOS, PASOU O SAMAÍN...

A semana pasada continuamos a recibir unhas visitas que nos encantan: as das avoas dos pícaros de Infantil e Primaria. Este foi o caso de Manuela, avoa de Enma, de 3ºC de Primaria, que nos levou de viaxe até os tempos da súa infancia e nos describiu como eran os xogos cos que se divertían neses anos, como eran as escolas e a comida desa época, etc. Tamén vivimos con ela a experiencia dunha muller traballadora nuns anos nos que, como nos contou, para a mentalidade de moitas persoas o feito de que unha muller traballase fóra da casa estaba mal visto. E con ela coñecemos máis cousas dunha familia moi especial para nós, como por exemplo, o seu libro favorito: El abuelo Camilo



Tamén Isabel, avoa de Miguel, alumno de 1ºB de Primaria, nos agasallou cun deses momentos que nos fan desfrutar de verdade, como é un contacontos realizado por unha persoa amante das palabras, das boas historias e dos nenos e das nenas do Fogar. Unha persoa, antiga profesora do noso colexio, á que desde aquí lle lembramos que esta sempre será a súa casa. Con Isabel viaxamos até a prehistoria a través do álbum Orq (de David Elliot, publicado por PlanetaDeAgostini) e das aventuras dos seus entrañables protagonistas: un neno cavernícola e o seu mamut.



Yolanda, avoa de Carlota, de 3ºA de Primaria, foi outra das valentes que nos visitou a pasada semana e á que lle temos que agradecer a súa amabilidade e cercanía con todos nós. Ademais, Yolanda nos fixo desfrutar con varios contos que nos encantaron: La hormiga Cantiga y el gigantón Glotón, El terrible señor Frog y La casa de chocolate.



E entre as visitas das avoas non podía faltar unha persoa sempre disposta a colaborar nas actividades que propoñemos: Mercedes, avoa de Pepe, de 1ºA de Primaria. Desde aquí queremos dar as grazas a Mercedes polas experiencias que compartiu con nós. Con ela asistimos ao colexio da súa infancia, vivimos como eran as festas na súa mocidade e experimentamos mil e unha vivencias dunha persoa que dedicou moitos anos da súa vida a unha profesión que lle encanta: a docencia. A Mercedes queremos dicirlle: grazas pola forza e a vitalidade que nos transmites cada vez que nos visitas.



E como vedes na foto de arriba, Mercedes tamén nos leu un conto sobre a festividade que estivemos a celebrar a semana pasada: o Samaín. O álbum O noso Samaín, de Loretta Birott Bermejo, e publicado por Editorial Galaxia, foi unha das lecturas que protagonizou moitas das sesións de biblioteca nestes días. Un dos grupos que máis desfrutou coa obra foi 2ºB de Primaria, que a escoitou da boca dunha das nosas contacontos favoritas: a nosa compañeira Paula.



O Samaín e o magosto foi o tema de investigación estrela nestes días, e nel se centraron grupos como o de 4ºA de Primaria, que, coa axuda da súa profe Ana, está a aprender un montón de cousas sobre estas festividades. 




E na semana do Samaín non podían faltar os contos de monstros, pantasmas e bruxas. Unha destas últimas, a Bruxa Gertrudis, foi a protagonista do contacontos que realizou a profe Puri na sesión semanal de biblioteca de 6ºA e 6ºB de Infantil. Con esta divertida bruxa e con esta contacontos de primeira, os pícaros de  pasárono en grande.



E logo de escoitar o conto, nada mellor que colorear algunhas das ilustracións do álbum:








Mais como non todo ían ser bruxas e Samaín, outros grupos, como 4ºB e 4ºC de Infantil decidiron centrarse noutras temáticas, como as aves. Así, as profes Nerea e Natalia leron para os pícaros dúas obras que nos encantan: O polo Pepe (SM)  e Kiwi (La Fragantina).




Logo da lectura presentaron varios dos libros sobre aves cos que conta a biblio e explicaron onde estaban situados:



Finalmente, os pícaros mergulláronse entre as páxinas de diferentes libros sobre esta temática e, coa axuda das profes, foron recollendo información sobre a mesma:





A semana do Samaín rematou e outra comezou, con novos contos, novas visitas e novas actividades. Moi pronto teredes noticias delas!








No hay comentarios:

Publicar un comentario