Esta semana tivemos unha visita moi especial na biblio. A Bruxa Maruxa viu as marabillosas creacións que os pícaros de Infantil elaboraron para o I Certame de Cabazas que celebramos polo Samaín, e quixo vir polo cole para coñecer a estes pequenos artistas.
Maruxa falou cos nenos dun tema que lle preocupa moito: a mala fama que teñen as bruxas! Porque, como nos explicou, as bruxas non son malas. A súa mala sona é culpa dos monstros, que non perden ocasión para dicir que as bruxas converten os nenos en sapos, ou que fan sopa coas súas orellas. E como nos contou Maruxa: todo iso é mentira!
Estes monstros son uns troleiros e, ademais, eles si que desfrutan dando sustos aos nenos. Pero a Bruxa Maruxa ensinounos diferentes trucos para desfacernos deles. Uns trucos que aparecen nun libro máxico elaborado polas bruxas: ¿Cómo machacar monstruos? (EDAF)
E Maruxa trouxo consigo a súa caixa máxica con diferentes obxectos que nos foi amosando, como a lupa xigante que detecta a presenza de monstros:
Desde aquí queremos dar as grazas a Maruxa, xa que logo de todo o que nos explicou agora sabemos que non lle temos que ter medo ás bruxas, pois non son malas, nin tampouco aos monstros, pois aprendemos como desfacernos deles.
E tan contentas quedaron na Asociación Internacional de Bruxas, que algunha outra integrante deste grupo xa nos anunciou que nos vai visitar ao longo do curso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario