lunes, 19 de abril de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... FERNANDO TENREIRO

Hoxe falamos de libros cun dos grandes lectores do noso colexio, o noso compañeiro Fernando Tenreiro, profesor de Xestión do Pequeno Comercio, Marketing e DPV no CFGM de Comercio e Marketing. Nas respostas ás preguntas que lle formulamos, Fernando ofrécenos un percorrido por obras como As Aventuras de Alicia no País das Maravillas, O estranxeiroO escarabello de ouro e outros contos ou O atraso económico de Galiza, ademais de achegarnos a algúns dos grandes autores da literatura universal, como Sartre, Galeano, Capote, Dahl ou Maupassant. Aquí vos deixamos con el:


1.O libro da túa infancia…

Las aventuras del barón de Münchausen, de Rudolf Erich Raspe. Este clásico da literatura infantil recolle as delirantes fazañas do protagonista, unha especie de antiheroe, ás veces cómico e en outras moitas, lastimoso. Lembro que na portada do libro aparecía o barón “cabalgando” sobre unha bala de canón.

 

2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar?

Novela clásica. Desfruto dos clásicos porque son universais e atemporais: Los caminos de la libertad, de Jean Paul Sartre; As aventuras de Alicia no País das Maravillas; Los miserables, de Victor Hugo; O estranxeiro, de Albert Camus…

Ensaio. Gústanme os ensaios porque permítenme profundizar en aspectos da realidade que me interesan: Las venas abiertas de América Latina, de Eduardo Galeano; O atraso económico de Galiza, de Xosé Manuel Beiras; Chavs: La demonización de la clase obrera, de Owen Jones; Narrativas económicas, de Robert J. Schiller…

Contos, ou a arte de contar unha historia nunhas poucas páxinas: Cuentos esenciales, de Guy de Maupassant; Cuentos completos, de Roald Dahl; Narraciones extraordinarias, de Edgar Allan Poe (tradución de Julio Cortázar), Manual para mujeres de la limpieza, de Lucia Berlin…

 

3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías?

Gustaríame ter coñecido a Julio Cortázar. É un autor que leo e releo dende a miña adolescencia. Un dos grandes escritores de contos en castelán, comprometido coa defensa dos dereitos humanos e da democracia. 

 

4.O teu libro favorito…

A peste, de Albert Camus. Iste libro é unha metáfora do eterno retorno do fascismo ambientada nun Orán illado pola epidemia que a asolaga.

A sangre fría, de Truman Capote. Trátase dunha novela de non ficción na que se recrean as circunstancias relacionadas co salvaxe asasinato de catro membros dunha mesma familia nun pequeno pobo de Kansas.

El maestro y Margarita, de Mijaíl Bulgákov. Trátase dunha sátira da sociedade soviética nos tempos de Stalin co Demo coma protagonista.

 

5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías?

Pippi Långstrump, a nena ácrata protagonista das historias curtas da serie Pippi, creación da escritora sueca Astrid Lindgren. Penso que é a personaxe de contos para nenos máis imaxinativa e rebelde, carente de prexuizos e contraria a calquera tipo de convencionalismo.

 

6.Unha obra para tremer de medo…

Calquera libro de contos de Edgar Allan Poe ou Lovecraft.

Como teño que elexir unha soa obra, quédome con O escarabello de ouro e outros contos, unha selección de contos de Poe publicada por Xerais.

 

7.Un libro para escachar co riso…

Non son de libros de humor, pero agradoume El abuelo que volvió para salvar al mundo, de Jonas Jonasson. Narra as peripecias dun ancián que fuxe dunha residencia da terceira idade o mesmo día que cumpre os 100 anos.

 

8.Que supón para ti a lectura dun libro?

O pracer de desconectar temporalmente do mundo real, de coñecer formas de pensar e vivir distintas das miñas.

 

9.Lectura en papel ou dixital?

Sempre en papel. Gústame o olor a libro vello e o tacto do papel. Non gosto nada da lectura dixital.

 

10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

“Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí.”. Trátase dun microrrelato de Augusto Monterroso, un dos máis curtos escritos en lingua castelá.



viernes, 16 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 Xabier Fernández Mateo, un universitario en Santiago de Compostela

Xabier é un estudante universitario que vive en Santiago de Compostela, onde está rematando o cuarto curso do Grao en Química. Combina as horas de estudo con algunhas actividades de lecer, organizando as súas tarefas e aproveitando o tempo ao máximo.

Daniel Fernández Rivera (1ºeso c)


Xabier, a que te dedicas?

Son estudante de Químicas na Facultade de Santiago.


Vives alí ou vas á facultade empregando algún medio de transporte?

Comparto piso en Santiago con outros dous compañeiros da facultade e vou á clase en autobús.


Que tal te encontras vivindo en Santiago?

Moi ben, Santiago é una cidade con moitos lugares para visitar e para divertirse. Alí vive unha morea de estudantes. Podes coñecer a moita xente e facer moi bos amigos. (Sorrí).


E teus pais onde viven?

En Cambre, preto da Coruña. Está moi lonxe de Santiago, así que non paga a pena andar indo e vindo tódolos días porque sería perder máis dunha hora ao día.


As fins de semana volves cos teus pais ou prefires quedar alí?

Depende, se teño moitos exames prefiro quedar alí para non perder moito tempo. Senón, paso as fins de semana cos meus pais e así vexo os meus familiares e amigos.


Por que decidiches estudar Químicas?

Paréceme moi interesante, xa que grazas á química se realizan investigacións no ámbito da saúde, na industria e na alimentación. Ademais, cando remate a carreira penso que poderei atopar un traballo con facilidade.


Que é o máis difícil da carreira de Químicas dende o teu punto de vista?

Todo o relacionado coas matemáticas, xa que non me gustan nada. (Baixa a cabeza). Existen moitas materias na carreira que teñen que ver co cálculo e coa estatística.


E o máis sinxelo?

Calquera materia relacionada coa química orgánica, inorgánica ou analítica. É dicir, resúltame doado calquera tema que teña moito que ver coa química.


Que fas polas mañás?

Polas mañás vou a clase e nas horas libres estudo na biblioteca da cacultade.


E polas tardes?

Polas tardes estudo cun grupo de compañeiros no noso piso. Tamén fago deporte dous días á semana.


Que deportes practicas?

Vou á piscina e xogo ao fútbol.


Que fas no teu tempo de lecer?

Os xoves e os venres pola tarde saio cun grupo de amigos e divertímonos moito. Por mor da pandemia, os grupos teñen que ser moi reducidos e respectamos tódalas restricións. Somos moi responsables.


Cal é o teu segredo para poder facer tantas cousas durante o día?

Organizarme moi ben e aproveitar o tempo ao máximo.


Onde che gustaría traballar cando remates a carreira?

Nunha empresa de hidrocarburos. Por exemplo, Repsol. Non me importaría traballar fóra de España.


Que consello lle podes dar a un estudante?

Que estude moito, se divirta e, sobre todo, desfrute de cada intre da súa vida.

 

Así é o día a día dun estudante na Facultade de Químicas de Santiago de Compostela que, sen dúbida, conseguirá todo o que se propoña na súa vida.



ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“DEBILIDADE ESPECIAL”

 

Esta é Nora Abad, unha actriz dobradora de series e películas. Moita xente pensará que a dobraxe non é máis que substituír o diálogo dunha lingua a outra. Pero é moito máis ca iso. É un traballo pouco común.

PAULA RIVERA ABAD (1ºESO B)



Que querías ser de pequena?

Eu, dende pequena, sempre sentín unha debilidade especial polo mundo da interpretación e pola música.


Cal foi a dobraxe que máis che gustou facer e por que?

A que máis me gustou facer foi a triloxía da Guerras das Galaxias porque vira películas había anos e quedara prendada dela. Foi unha honra ter dobrado a princesa Leia.


Que dobraxe foi o que sempre quixeches facer?

Dende que levo traballando, sempre quixen facer unha película con frases improvisadas e disparatadas.


Se puideras coñecer algún actor ou actriz quen sería?

Teño desmitificados os actores, pero de coñecer algún gustaríame que fose para que me ensinase os seus métodos: Anthony Hopkins ou Cate Blanchett.


Por que decidiches meterte neste traballo?

Porque tiven un amigo que me deu esa grande oportunidade e este traballo sempre me gustou.


En que series ou películas traballaches?

Son actriz de dobraxe dende o ano 1989. Algunhas son: Shin Chan, O curioso caso de Benjamin Button, Matrix, Residen Evil...


Que personaxes dobraches?

Dobrei moitas series e películas. Entón, fixen moitos personaxes como Señorita Iashinara (Shin Chan), a princesa Leia (Guerra das Galaxias), Alice (Resident Evil), Catwomen (Cabaleiro escuro)...


Que prefires versión orixinal ou dobrada?

Habitualmente vexo as versións dobradas, pero defendo que haxa opcións para poder ver os produtos en calquera idioma.


Desde que linguas traduces?

Eu non teño que traducir. O que ten que traducir é o tradutor non o  actor. Chegan ós nosos estudios produtos de fala inglesa, francesa, turca, alemá, italiana, xaponesa, española...


Como se fai este traballo?

Ao ser un pouco longo vouno resumir un pouco. Despois de pasar polo equipo de produción, que se encarga de procurar un tradutor e de poñer nas mans do director a película para que este a axuste, chega á sala de dobraxe. Unha vez alí, o actor de dobraxe ensaia, tantas veces como sexa necesario, o take, que son as partes nas que se divide a película para dobrar. É necesario escoitar o actor para poder imitalo con fidelidade. Se o personaxe ao que lles prestas a túa voz é bo actor, basta con mirarlle aos ollos. Unha vez que estás seguro do take, gravas. Pero se queres traballar diso porque che gusta, todo se pode conseguir con esforzo.


Cal foi o personaxe que máis che gustou facer e por que?

Foi Daisy Fuller, pola dificultade da súa execución. Trataba dunha señora de 94 anos que estaba moribunda na súa cama. Entón, era moi difícil para min dobrar esa voz.


Cal foi a primeira dobraxe que fixeches?

Non recordo moi ben o título pero acórdome de que era unha serie de avogados.


Cal foi a última dobraxe que fixeches?

A última que estou facendo é a de Flashdance. Trata dunha escola de danza. Aínda que aínda non a rematei. O último día que a fixen foi o mércores 7 de abril.


Que cualidades son necesarias para ser actor de dobraxe?

O primeiro, e máis importante, a interpretación. Ser actor de voz é iso, ser actor. Entón, tes que aprender a sincronizarte, a ter reflexos para capturar rapidamente os detalles tanto do actor (os seus xestos, expresións...) como da montaxe da propia escena (se o teu personaxe sae da imaxe por un momento e despois volve pero sen deixar de falar, se hai moita xente, ruído de fondo ou non...) . Todo isto dálle pistas á hora de interpretar e axustar a voz a esa situación.

 

Moitas grazas, Nora, por darnos información sobre o teu traballo.

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL: LECTURAS RECOMENDADAS

Aínda que poidamos pensar que a escravitude infantil é un mal do pasado, o certo é que na actualidade máis de 200 millóns de nenos e nenas seguen a padecer esta triste realidade, a través do traballo forzoso, a escravitude doméstica, o matrimonio forzado, o recrutamento como soldados...

Por esta razón, até que ningún neno no mundo se vexa obrigado a sufrir traballlos ilegais, degradantes e perigosos, é tan importante que continuemos a crear conciencia sobre este tema. Con este obxectivo, diversas ONG impulsaron en 1997 a creación do Día Internacional contra a Escravitude Infantil, data que se vén celebrando desde ese ano cada 16 de abril. 

O detonante desta celebración foi honrar a memoria de Iqbal Masih, un neno paquistaní que, logo de fuxir do traballo forzado ao que se viu sometido desde os catro anos, comezou a denunciar a escravitude que padecían moitos pícaros coma el nas fábricas de alfombras do seu país. A súa loita a prol dos dereitos da infancia o levaría a ser asasinado o 16 de abril de 1995.

Cremos que a historia de valentía e de loita de Iqbal é un exemplo que merece ser coñecido por todos, polo que aquí vos recomendamos tres obras nas que poderedes achegarvos á súa figura:


-Malala/Iqbal (Juventud): este álbum ilustrado, creado por Jeanette Winter para lectores a partir de 7 anos, permitirá aos cativos coñecer, dunha maneira sinxela, a figura de Iqbal. Ademais, esta obra achéganos a unha segunda historia igual de valiosa, a de Malala Yousafzai, unha valente nena paquistaní que sufriu un atentado por mor da súa actividade como firme defensora do dereito das nenas a ir á escola.







-La historia de Iqbal (SM): esta obra de Francesco D'Adamo está dirixida a lectores de 10 a 14 anos e pertence á Serie Vermella da prestixiosa colección El Barco de Vapor, da editorial SM. O libro achéganos á historia de Iqbal a través da vida de Fátima, unha rapaza paquistaní que traballa recluída nunha fábrica de alfombras á que un día chega un neno escravo, Iqbal, que iniciará unha dura loita contra a escravitude infantil.







-Iqbal Masih. Lágrimas, sorpresas y coraje (Oxford): Miguel Griot nos trae esta obra dirixida a lectores a partir de 14 anos, na que coñeceremos como foi realmente a historia de Iqbal a través do testemuño de diversas persoas que o coñeceron. Nestas páxinas poderedes ver como se converteu en neno escravo, como eran as condicións de vida na fábrica de alfombras na que era obrigado a traballar até 12 horas diarias, como logrou fuxir desa terrible situación e como se converteu nun símbolo na loita a prol dereitos da infancia.






Co fermoso sorriso de Iqbal, despedímonos desexando que a historia deste neno valente nos inspire a todos para loitar, como fixo el, a favor dun mundo máis xusto.




lunes, 12 de abril de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... CARLOS MEDRANO

Estamos outra vez aquí cunha nova xeira de recomendacións lectoras, nesta ocasión a cargo de Carlos Medrano, docente de Lingua Galega e Literatura na ESO e de Inglés en Primaria no noso colexio. Sen dúbida desfrutaredes co percorrido lector que Carlos nos propón a seguir. Un auténtico apaixonado da literatura que deixa ben ás claras o seu amor polos libros nas súas respostas ás cuestións que lle achegamos. Aquí vos deixamos con el:


1.O libro da túa infancia…

O primeiro libro que me marcou foi Miguel Strogoff, de Xules Verne. Regaláronmo cando debía ter 9 ou 10 anos e lembro que pasei días enganchado ás aventuras do correo do Tsar, que debía atravesar Siberia para avisar da invasión dos tártaros. Nunca antes lera un libro de aventuras e Verne foi unha grande elección como agasallo. Sen dúbida!

 

 2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar? 

Depende moito do momento, ás veces préstame ler algo policíaco ou de aventuras. Tamén me encanta ler cómics. Outras prefiro algo de ensaio. Os libros penso que son como a música ou a comida: hai moitas opcións e cambiar e probar cousas diferentes é o mellor.

 

3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías? 

Sen dúbida, gustariame coñecer escritores galegos do noso pasado. Algún xograr ou trobador medieval como Martín Codax. Ou como non, Rosalía de Castro. Saber como era a súa vida, as súas motivacións… Espértame moita curiosidade coñecer épocas tan diferentes ás actuais.

 

4. O teu libro favorito… 

Difícil elección. Se cadra, por dicir algo,  os libros de relatos do escritor arxentino Jorge Luís Borges, como Ficciones, El Aleph ou El libro de arena. Algúns dos contos que conteñen, como «El libro de arena», para min son fascinantes, e verdadeiras obras mestras.

Esta é una lectura da miña mocidade, unha época en que devoraba autores iberoamericanos.

 

5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías? 

Pois xa postos, por variar, vou sacar a miña vea «friki» de lector de cómics Marvel. Obviamente, un superheroe. Non sei, moitos dos creados por Stan Lee e Jack Kirby me valerían, sobre todo se teñen un punto de «mala uva». Cáenme ben Ollo de Falcón, Magneto, Wolverine…

 

6.Unha obra para tremer de medo… 

Unha das obras do xénero fantástico e de terror que máis me impactaron foron As Aventuras de Arthur Gordon Pym, de Edgard Allan Poe. Conta a viaxe chea de penalidades do buque Jane Guy, de Liverpool, polo mar Antártico. O protagonista, o mozo Arthur, é un dos poucos sobreviventes e acaba adentrándose no descoñecido canto máis viaxa ao sur. Resultoume desacougante, especialmente nos últimos capítulos.


7.Un libro para escachar co riso… 

Pois agora vénme á cabeza calquera cómic de Astérix. Un título en concreto podería ser A Cizaña. Para derrotar á irredutible aldea gala, Xulio César renuncia á fórza militar e decide envíar un «infiltrado», Tullius Detritus, un romano cun don innato para malmeter e sementar a discordia. Páxina a páxina, un esmendréllase vendo a malicia de Detritus e as broncas que xera entre os pobres galos.

 

8.Que supón para ti a lectura dun libro?

Supoño que o mesmo que para moitos. Un tempo de desconexión, que tanta falta fai. Unha forma de viaxar sen moverte do asento. Unha xeito de recrear ideas e mundos na nosa mente. Case un acto de rebeldía na era de Twitter, Tic-Toc e YouTube.

 

9.Lectura en papel ou dixital?

Nunca lin un libro dixital. As lecturas en pantalla que fago, como as que facemos case todos, son pescudando algo en Internet ou consultando prensa en liña, por exemplo. De todos os xeitos, a iso non lle chamaría, en propiedade, lectura. O proceso pausado e reflexivo de lectura para min só se dá en papel, tanto de libros como de prensa. Non dependes da rede eléctrica, nin da wifi, nin cansas tanto a vista… Un libro non se rompe se cae, podes levalo a onde queiras… Creo que o invento de Gutemberg, o libro impreso, non foi superado tecnoloxicamente e aínda lle queda moito.


10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

Vai unha frase de Jorge Luís Borges, como dixen, un dos meus autores preferidos: «Que outros fachendeen das páxinas que escribiron; eu estou orgulloso das que lin».

 


miércoles, 7 de abril de 2021

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE: LECTURAS PARA TODA A FAMILIA

Hoxe, 7 de abril, celébrase o Día Mundial da Saúde, data que se vén festexando desde 1948, ano no que a Asemblea Mundial da Saúde escolleu este día para conmemorar a creación da Organización Mundial da Saúde (OMS). Coa celebración desta data preténdese, entre outras cousas, fomentar hábitos sans nas persoas. Dentro deles, ten unha especial importancia o tema da alimentación, polo que aquí vos deixamos unha pequena listaxe de libros na que encontraredes, por unha banda, obras infantís coas que poderedes tratar cos pícaros esta temática, e por outra, libros para adultos nos que poderedes encontrar recomendacións para mellorar a alimentación de toda a familia, conceptos como o de "ultraprocesado", análises sobre como inflúe a alimentación dos nenos no rendemento escolar, a importancia de comer en familia...

-A eiruguiña comellona (Kókinos): este clásico da literatura infantil, creado por Eric Carle, é unha obra ideal para traballar cos máis pequenos a alimentación saudable, resultando moi útil para familiarizalos coas diferentes froitas que aparecen no libro (mazás, peras, ameixas, amorodos e laranxas) e para amosarlles o boas que son para a saúde. Ademais, na obra vemos como a eiruga se sente mal cando come máis da conta, polo que tamén nos servirá para lembrarlle aos pícaros que é importante parar de comer cando un se sente cheo. Encontrámonos tamén con que a eiruga sofre de dores de barriga cando come alimentos pouco saudables, como pasteis ou chocolatinas, problema que soluciona grazas a unha folla verde. Isto permitiranos falar cos pequenos sobre os beneficios que os alimentos como as verduras ou as hortalizas teñen para a nosa saúde.



-La rebelión de las verduras (Lumen): esta divertidísima obra de David Aceituno e Daniel Montero Galán é ideal para achegarnos cos nosos pequenos ao mundo das verduras e dos beneficios que estas teñen para a nosa saúde. A bo seguro que escacharedes coa risa coas diferentes personaxes que aparecen na obra, unhas enfadadas verduras que inician unha revolución porque están fartas de que os nenos non terminen o prato e sempre prefiran comer macarróns.



-El recetario mágico (Play Attitude): dirixida a lectores a partir de 6-7 anos, esta obra de Desiree Arancibia achegaravos a receitas, feitizos e pocións para unha alimentación sa, divertida e nutritiva. A través dun mundo máxico, a obra espertará, a bo seguro, a curiosidade dos rapaces por descubrir os ingredientes das diferentes receitas. O libro proporciona, de maneira amena, información sobre alimentación saudable, grupos de alimentos, o aceite, o azucre, os produtos ecolóxicos..., e ofrece tamén un exemplo de menú semanal. Ademais, nel encontraredes receitas para as diferentes comidas do día, elaboradas con produtos saudables, como verduras, froitas, cereais, tofu, peixe...



-Una cocina tan grande como un huerto (Kókinos): este libro de gran formato, creado por Alain Serres e Martin Jarrie, e dirixido a lectores a partir de 8-9 anos, achéganos a 60 receitas que servirán aos rapaces para descubrir froitas e hortalizas de todo o mundo. Nelas atoparemos tomates, pementos, chícharos, cabazas, plátanos, ameixas, amorodos, dátiles..., e moitos máis ingredientes sans e saudables, protagonistas dunhas receitas que os nenos poderán preparar sós ou en familia.



-Come comida real (Paidós): este libro sitúanos perante unha guía práctica que nos axudará a desterrar os ultraprocesados da nosa alimentación e a volver comer o que o seu autor, o dietista e nutricionista, Carlos Ríos, denomina "comida real". Aqueles que desexedes achegarvos a esta obra, poderedes ler un fragmento da mesma picando aquí.



-Alimentación saludable para niños geniales (Amat Editorial): neste libro, escrito pola dietista-nutricionista e doutora en Bioquímica Griselda Herrero, veremos como unha alimentación sa e equilibrada, xunto coa actividade física, unha boa saúde do sono e unha correcta educación emocional, inflúe no rendemento escolar dos cativos.



-Coaching nutricional para niños y padres (Grijalbo): este libro de Yolanda Fleta e Jaime Giménez achéganos abondosa información sobre nutrición e sobre estratexias para conseguir que os nosos fillos coman san e se sintan mellor con eles mesmos e desenvolvan a súa intelixencia emocional. Nas páxinas da obra aprenderemos cales son aqueles alimentos que nos conveñen e cales non e poderemos elaborar entre toda a familia o menú semanal.



-El jamón de York no existe (La esfera de los libros): Marián García, doutora en Farmacia e graduada en Nutrición Humana e Dietética, ofrécenos un libro no que poderedes encontrar información sobre alimentación saudable e sobre como esta comeza á hora de facer a compra. 




martes, 6 de abril de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... WILLIAM GOICOCHEA

Hoxe traémosvos as recomendacións literarias de William Goicochea, un dos pais máis activos nas actividades da biblioteca do noso colexio. Moitas grazas, Willi, por participar unha vez máis nestas iniciativas! Aquí vos deixamos con el:


1.O libro da túa infancia…

A volta ao mundo en 80 días de Xulio Verne: trata dun home poderoso de clase social alta, Phileas Fogg, que coa excusa dun roubo ao banco de Londres embárcase nunha aposta cos seus colegas do club ao que pertencen, na que discute sobre o destino do ladrón e que a Terra nese momento é máis pequena e que pode dar a volta ao mundo en 80 días. Phileas deu a volta ao mundo facendo uso dos medios de transporte que existían a mediados do século XIX.

Espertou a miña imaxinación de vivir aquelas aventuras de Phileas Fogg , de viaxar polo mundo coma el, desfrutando da vida feita unha aventura.

 

Yo visité Ganímedes de Yosip Ibrahim: Pepe sofre un secuestro no seu xardín por parte dun OVNI, que o traslada a Ganímedes, un lugar moi avanzado en comparación coa Terra. Calquera cidadán de Ganímedes podería considerarse un deus na Terra, pola súa intelixencia superior, e polo nivel de desenvolvemento social e tecnolóxico en Ganímedes.

Aquela viaxe transportoume cara a ese mundo extraterrestre. Desde ese momento véxoos, búscoos e creo na súa existencia, ou polo menos creoume a dúbida.

 

2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar?

Novela fantástica: gústame porque aínda conservo esa mentalidade de neno que me transporta a ese mundo de fantasía onde existen problemas reais con solución fantásticas. Exemplo: O Señor dos Aneis.

Novela de aventuras: porque me divirten e me entreteñen. Exemplo: O Conde de Montecristo, Cairo branco...

Traxediagústame pola intriga que me provoca e que me leva a procurar respostas e solucións antes de terminar o libro. Tamén pola sorpresa dos eventos. Exemplo: O Rey Lear, Bodas de sangre...

Novela de misterio e suspense: porque me poño en primeira persoa. Viaxo xunto o protagonista desfrutando e sufrindo na trama que desenvolve. Exemplo: El códido Da Vinci, El asesinato de Pitágoras...

Cómic: son entretidos, moi gráficos e con superpoderes. Resolven todos os problemas que se lles presentan de forma cómica, de lectura fácil e con imaxes que che axudan a contextualizar máis do que está escrito. Exemplo: Superman, Batman, Kaliman (o mellor cómic de todos os tempos)...

Autoaxuda: gústanme porque están ateigados de filosofía de pensamento, profundidade na procura de obxetivos, planificación e organización individual, familiar e social contado a través de historias particulares con grandes ensinanzas baseadas na perseveranza e no éxito. Exemplo: El vendedor más grande del Mundo, Cómo hacer amigos e influir en las personas, La Inteligencia emocional, ¿Quién se ha llevado mi queso?...

 

3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías?

Escollería a Simone de Beauvoir porque me identifico coa súa rebeldía e porque admiro a súa valentía e a súa capacidade para converter situacións complexas e profundas en procesos simples  a través dos seus escritos.

 

 4.O teu libro favorito…

Pantaleón y las visitadoras de Mario Vargas Llosa. Foi un regalo dun amigo chamado Pantaleón Merino, lector enfermizo e patolóxico.

Por que me gusta? Por que é o meu favorito? Porque a través da literatura amosa unha realidade inimaxinable do que acontece na selva amazónica cos corpos militares. É o meu favorito porque me iniciou na lectura continua; fíxome ver o divertido e entretido que é ler.

Un libro de aventura, de intriga, de sexo e infidelidade, das forzas militares na Amazonía peruana.

 

 5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías?

Sería Gandalf de O Señor dos Aneis porque é una persoa boa, intelixente, tolerante, poderosa, sinxela, valente e desprendida.

 

6.Unha obra para tremer de medo…

La Magia Negra de Arthur Edward White, que trata de feitizos para pactos co demo e así adquirir poder e control sobre o mundo.

Dáme medo porque sentín a súa presenza e soñei moitas noites con el. Veu a por min e vino na miña porta varias veces. Non fun capaz de terminar o libro.

 

7.Un libro para escachar co riso… 

¿Quién se ha llevado mi queso? de Spencer Jhonson, que trata de catro liliputienses que viven diversas aventuras para conseguir o queixo.

 

8.Que supón para ti a lectura dun libro?

A lectura dun libro para min supón viaxar a través do tempo e do espazo sen necesidade de unidades de medida. Pódeste transportar ao reino da fantasía, ás distintas épocas da historia, podes imaxinar o futuro, podes coñecer cidades, construcións, pinturas, misterios, etc…

 

9.Lectura en papel ou dixital?

Prefiro en papel porque o teño como hábito e a dixital paréceme que vai máis encamiñada a temas científicos.


10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

“ Hay golpes en la vida, tan fuertes…¡Yo no sé!

Golpes como el odio de Dios; como si ante ellos,

La resaca de todo lo sufrido

Se empozara en el alma…¡Yo no sé!

César Vallejo

 

“¿Por qué a verte volví, Silvia querida?

¡Ay triste! ¿Para qué? ¡Para trocarse

Mi dolor en más triste despedida!”

Mariano Melgar