miércoles, 21 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Gústanme moito os animais e na carreira empezáronme a gustar as plantas”

 

Entrevistamos a Iria Louzán, unha bióloga que nos vai contar os segredos da súa profesión.

Daniela Picallos (1ºESO E)


Por que quixeches ser bióloga?

A verdade é que quería ser bióloga porque me gustan moito os animais e logo, cando estiven na carreira, empezáronme a gustar tamén as plantas.


E por que non es veterinaria?

Non podo tolerar o sufrimento dos animais. Entón, para min non era a mellor opción.


Que é o máis raro que fixeches?

Eu creo que o máis raro que fixen foi, cando estiven en Madrid cunhas prácticas de primatolixía, que é onde estudabamos os primates (un tipo de mono), morreu un dos macacos de berbería e tiven que facer a autopsia. Foi bastante raro.


Cóntanos unha anécdota da túa profesión.

Cando estaba facendo o traballo de fin de grao, necesitaba area da praia de Bastiagueiro. O que pasa é que a area non se pode coller. Entón, estaba eu co meu titor do traballo e apareceu a policía. Tivémonos que esconder detrás dunha duna (ri) porque tiñamos unha bolsa chea de area. Entón, creo que iso foi o máis así, (ri) delinquindo.


Que é o que máis che gusta da túa profesión?

A min encántame ser bióloga porque podo estudar a cantidade de animais que hai, todas as formas, os tipos de plantas. Logo descubrín os fungos e todo o que son os cogomelos. Encántame.


E por que che encantan?

Encántanme porque parécenme marabillosos. Coñeces toda a biodiversidade que hai e todas as súas formas.


Que é o que máis che custou?

Na carreira custoume moito estudar bioquímica. Bioquímica é complicadísima porque ten moitísimo de química. E, claro, a min gústame máis a parte de anatomía dos animais e plantas.


Que é o que menos che gusta?

O que menos me gusta da bioloxía eu creo que é iso. A parte máis de bioloxía celular, que ten que ver coas partes máis pequeniñas, porque todo é máis complicado, non se pode ver. A parte de bioquímica é complicadísima, pero tamén ten partes bonitas como é a xenética.


Como decidiches dar clase de bioloxía?

Vía que tiña moitísima paixón pola bioloxía e dixen pois vou intentar trasmitir esto que me gusta tanto aos máis cativos para que tamén se interesen por esta profesión.


A que idade decidiches ser bióloga?

Decidino pronto porque eu quería ser astronauta para poder estudar a vida extraterrestre. Isto é unha realidade. O que pasa que, claro, para ser astronauta tamén tes que ter moi boas notas, estudar moito, e iso xa custaba un pouco máis. Entón, máis ou menos, cando ía en primeiro, segundo da ESO. Pero os animais gustáronme sempre.


Por que elixiches ir de ciencias?

É que a parte de letras, non é que se me dera mal, pero si que é verdade que se me daba un pouco peor. Interénsame máis os temas científicos etc. Pero, bueno, no caso de inglés, por exemplo, non me gustaba nada: para min comprender os idiomas era moi complicado.


Que é para ti a bioloxía?

Para min, a verdade é que é como unha paixón, un hobby, unha carreira, un pouco de todo. Porque creo que é algo tamén interesante que en calquera momento todo está relacionado coa bioloxía, dende que vemos as noticias, ata que imos polo campo. Todo o que vemos en realidade é bioloxía.



ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Por que en vez de facer dous programas non facemos un no que caiba todo?”

 


Xosé Ramón Gayoso, un avogado que acabou sendo presentador de televisión, alcanzou a maior popularidade co programa
Luar da Televisión de Galicia.

CARLA IGLESIAS AMIAMA (1ºESO A)

 Por que decidiches traballar na televisión?

 A verdade é que non foi unha decisión miña senón da propia vida. Estudei Dereito (avogado) e cando abriu a Televisión de Galicia fun alí pedir unha praza de avogado, porque nestas empresas teñen gabinetes xurídicos. Dixeron que avogados xa tiñan, que o único que lle faltaba a esa empresa para empezar a traballar era contratar presentadores. Naquel momento dixen “bueno, e isto como é”. Respondéronme “pois nada, aquí facemos un cásting e a xente que se queira presentar que se presente e nós miramos aqueles que nos parece que poden servir para isto de traballar na pantalla e os que non, pois non”.

E así foi. Convocaron o cásting. Fun alí, elixíronme e ata o día de hoxe. Estouche falando do ano 1985. Bota contas para atrás, xa 36 anos. Xa ves. Eu non decidín traballar na tele de pronto. Eu quería traballar na tele de avogado pero acabei traballando de presentador. Non ten nada que ver unha cousa coa outra (ri) e así foi.

 

Como naceu o teu programa?

Luar naceu no ano 1992. Naceu porque na Televisión de Galicia xa había un programa espectáculo con moita música galega, bailes... e outro que se dedicaba máis á música de fóra. Viñan artistas de Madrid, Rafael, Rocío Jurado, Rocío Durcal, Manolo Escobar... Ben, aqueles cantantes que había hai case trinta anos que soaban por España. Ou sexa, un programa que se dedicaba máis aos artistas de fóra de Galicia e outro que se dedicaba máis aos artistas de aquí da terra.

Entón, houbo un momento en que os que empezamos a pensar no programa Luar dixemos: “Por que en vez de facer dous programas non facemos un no que caiba todo?; á fin e ó cabo todo é música e a ver porqué non poden convivir”.

Así naceu Luar. Aquí cabía todo o mundo. Pero fundamentalmente Luar nace para defender todo o que son as músicas e os bailes propios de Galicia. Expresións como: as corais, os grupos de baile, as bandas de música, as orquestras, os gaiteiros, as pandeiretas. E logo veñen artistas tamén de fóra e facemos unha festa entre todos. Así o levamos facendo case trinta anos. Imos polo ano 29, camiño dos trinta. E así naceu.

 

A ti paréceche fácil traballar na tele?

Ben, como todo. Supoño que se me poñen a traballar nunha carnicería para min será sumamente difícil. Algunha xente ten habilidade para cortar a carne. Eu non a teño. E outros dirán: “A min paréceme moi difícil iso de poñerme diante dun micrófono e falar”. E ben, pois a min tampouco me custa demasiado traballo.

Pero xa non é tanto se é máis ou menos difícil. Sexa o que sexa, ó que te dediques na vida, debes de ter un mínimo de capacidade, un mínimo de talento. Se te queres dedicar a cantar e non es capaz de colocar unha nota ben colocada, entón cantar non é o teu e tes que buscar outra cousa. Pero unha vez que un ten un gusto especial por algo, despois o que vén é o traballo.

É dicir, nin o que corta a carne naceu sabendo cortar a carne nin o que se pon diante dun micrófono fala sen máis. Tes que traballar, tes que estudar moito, tes que ler, temos que formarnos constantemente día a día. Para todo temos que estar constantemente estudando e traballando. Non hai máis segredo.

 

Traballaches como avogado?

Si, cheguei a traballar como avogado antes de ir á Televisión de Galicia pedir unha praza de avogado. Traballei en Madrid durante catro anos e ademais preparaba tamén oposicións para o corpo de xuíces. É dicir que eu, entre a carreira de Dereito e logo catro anos de exercicio de avogado e preparador de oposición de xuíces, estiven como uns dez ou once anos metido no mundo xurídico ata que empezou o da tele.

 

Cantos anos levas facendo Luar?

Pois agora mesmo 29 e a ver se chegamos ós trinta, que sería así unha cifra bonita. En calquera caso, os programas de televisión son como todo na vida. É dicir, duran o que os clientes digan. Mentres haxa xente vendo o programa, nós tiraremos para adiante. No momento en que non haxa xente vendo o programa, pois dedicarémonos a facer outra cousa, outro programa.

 

Participaches noutros programas ademais de Luar?

Si, o primeiro que fixen na televisión foi o acto de inauguración. A Televisión de Galicia inaugurouse o 24 de xullo do ano 1985. Iso era un sábado. E aí arrancamos a programación. Eran as sete da tarde e aparecín por primeira vez na televisión. Despois, no mes de setembro dese mesmo ano, empezaron as emisións normais da TVG e aí empecei o primeiro programa diario de mediodía que chamabamos Entre nós durante case dous anos. A continuación fixen outro programa, xa de noite, que se chamaba Lúa Nova. Seguiulle O Veciño do Xoves. Todos eles variaban a forma pero tiñan un contido similar de entrevistas, reportaxes e música.

Seguín con outros como: Corazonada, Adiviña quen vén esta noite, Pensando en ti. Estes duraron aproximadamente un ano cada un deles. E despois xa foi cando empezou Luar.

 

Cal foi o mellor momento que viviches no programa Luar?

Teño moitos, porque a min me gusta moito a música e tiña a oportunidade de coñecer os artistas que eu admiraba de mozo. Poder estar alí con eles no escenario para min eran momentos marabillosos, extraordinarios e falar con eles. Entón, teño moitos momentos estupendos.

En trinta anos pasaron moitas cousas. Por exemplo, un día que me deron unha sorpresa os compañeiros. Eu non sabía nada. Viñeron miña nai, meu pai, a miña muller e a miña filla. Iso foi unha sorpresa no día do meu cumpreanos. Foi algo moi persoal e foi un día moi bonito.

 

Traballaches noutras televisións ademais da Televisión Galega?

Non, non traballei en ningunha televisión. Fixemos programas para a Televisión Española e algún programa de cooperación con Antena 3 ou Tele 5. Mesmo coproducións con televisións doutros países como a BBC de Inglaterra. Pero cousas moi puntuais. Pero non, non traballei noutras televisións.

Nalgún momento tivemos a tentación de marchar a Madrid pero non nos decidimos. Aquela televisión que me chamaba de alí poñía empeño en que me marchara. Viñeron un día comer comigo e dixeron: “Ben, queremos convencerte”. Pero víronme tan seguro de que non me ía marchar de aquí que non me apretaron moito. Porque a min me gusta estar aquí.

Hai outra cousa á que lle dou importancia na miña vida, que é a familia. Eu sabía que se marchaba a Madrid, posiblemente sería bo a nivel profesional, pois traballas nunha televisión nacional, gañaría máis cartos, pero tamén ía perder cousas moi importantes como era ver crecer a miña filla, estar coa miña muller e iso non me custou moito tempo poñelo na balanza para darme conta de por onde tiña que ir e non me arrepinto nada.

 

Creo que de rapaz practicabas atletismo, que especialidade?

Lanzaba martelo, que é unha bóla cun cable, unha asa e dás voltas a ver canto lanzas. É rara. Non creo que coñezas a moitos lanzadores de martelo coma min (ri) pero gustábame moito. Paseino moi ben. Foron anos marabillosos alá metido no estadio de Riazor desde os 12 anos ata que marchei á Universidade. Foron, eu que sei, sete ou oito anos marabillosos.

Despois, claro, o nivel de adestramento no que eu estaba era moi alto e tiven que ir deixando porque había que estudar, porque de lanzar o martelo aquí non ía vivir. Pero fixen deporte toda a vida. Sempre me gustou moito e me segue gustando moito o deporte.

 

Segues practicando algún deporte?

Si, sigo practicando o que podo, porque os anos van pasando e cada día custa máis mover o corpo. Precisamente por iso fago deporte. Corro, aínda que agora xa non tanto porque me doe unha cadeira. Entón, vou ao ximnasio e fago natación. A min facer deporte libérame moito. Encóntrome moi ben sempre que fago deporte. Así que procuro facer deporte todo o que poida.

 

Contáronme que formaches un dúo musical, que tipo de música tocabas?

Ah, tamén si. Ben, eramos un dúo de voces e tocabamos a guitarra. Mais que tocar a guitarra rascabamos. Non chegabamos á categoría de tocar. Era un pouco rascar a guitarra. Pero pasabámolo moi ben. Faciamos música melódica. Cantabamos en galego, en castelán e ata en francés. Nós cantabamos calquera canción que nos gustaba. Metiámola no repertorio e cantabamos por aí.

Eu estudei desde os seis anos na Grande Obra de Atocha da Coruña. Nese colexio formaron unha rondalla e a min apuntáronme para tocar a bandurra. E aí empecei. Despois toquei a guitarra, empecei a cantar cancións acompañándome da guitarra. Sempre me gustou a música.

E formamos un dúo. Un amigo, que tamén era atleta. El era saltador de altura. Chámase Álvaro. Formamos un dúo e gravaramos un disco e pasabámolo moi ben.

 

Sacaches algún disco?

Si, un disco alá no ano 1978. Un LP. Aqueles discos grandes negros. Claro agora xa temos outros soportes para escoitar música. Pero daquela eran os discos negros, os de vinilo. E entón gravaramos un disco con 10 cancións nunha multinacional. Ademais que para nós era marabilloso iso de gravar coa CBS, unha das grandes multinacionais do disco que había no mundo. O dúo era Keltia, que quere dicir, en grego, “celtas”.

 

Comentáronme que tiñas uns cans, segues tendo?

Pois tiven dous cans: un golden retriever, que se chamaba Golfo, e logo outro pequerrecho, que se chamaba Fermín, era un westy.

Agora non teño pero non descarto que volverei telos. Con isto da pandemia, xa que che vou contar, está toda a vida así un pouco alterada. Pero o día que todo isto pase un pouquiño e estea a vida máis ordenada, eu seguro que volverei ter un can.

 

Así é como Xosé Ramón Gayoso acabou traballando como presentador e en contacto cunha das súas paixóns que é a música.

 

martes, 20 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Nos meus comezos chamábanme Monchu”




Entrevistamos a Ramón García, exogador de fútbol profesional.

Nahym Bravo García (1ºESO E)


Como comezaches a xogar ó fútbol?

Empecei con catro anos nos equipos de infantís progresando sucesivamente ata os xuvenís.


Como era o fútbol na túa época?

Era un fútbol moi ameno xa que era unha cidade pequena na que nos coñeciamos todos.


En que equipos xogaches?

Nos comenzos empecei en Unión África Ceutí, na cal estiven varios anos.


Que che supoñía xogar de maneira profesional?

Para min foi unha grande alegria que se interesaran equipos profesionais e que se fixaran en min.


En que posición xogabas?

Desde moi pequeno sempre xoguei de centrocampista, tanto do lado esquerdo como dereito porque son ambidestro.


Por que te retiraches?

Retireime do fútbol con vinte e oito anos por unha lesión saltando cun porteiro. Rompín a tibia e o peroné.


Segues tendo algúns amigos de cando xogabas ó fútbol profesional?

Si, teño grandes amigos e compañeiros da miña época que xogaron comigo. Algúns viven e outros, por desgraza, xa faleceron.


Como te chamaban?

Nos meus comezos de fútbol chamábanme Monchu. Despois era coñecido como Fernández.


Cal foi a túa reación cando te querían nun equipo profesional?

Para min foi unha grande alegría que se fixaran os equipos profesionais en min porque tiña unha grande ilusión no fútbol.


Cal foi o teu partido máis estraño?

Foi un partido de liga cando, querendo pasar un balón a un compañeiro que xogaba de extremo, eu deille ao balón desde o centro do campo e, en vez de saír o balón ao meu compañeiro, saíume para a portería e marquei un golazo porque o porteiro estaba moi adiantado.


Tiveches xente da túa familia que tamén xogaba ó fútbol profesional?

Si, son sobriño dun gran xogador moi coñecido que xogou no Deportivo da Coruña: Manuel Lechuga.


Xogaches con algún xogador que sexa agora mesmo famoso?

Nos meus comezos de fútbol xoguei con Pirri, que foi xogador do Real Madrid e da selección Española, e con Ramoní, que foi xogador do Español.


Xogabas moito?

Normalmente xogaba case todos os partidos mentres non estaba lesionado.


Por que?

Xogaba case sempre polas miñas condicións físicas xa que estaba en boa forma.



ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Na miña infancia xogabamos na rúa”

 


Consuelo Fernández Mouriño, natural da Coruña, ten 65 anos. Entrevistámola para saber un pouco da antiga sociedade do século XX e dos seus gustos e oficios xerais da xente.

 

Diego Delgado Morales (1ºESO E)



Cóntame un pouquiño da túa infancia, Chelo.

A miña infancia. Nacín na Coruña, crieime na rúa Noia e tiven unha infancia moi feliz (afirma coa testa) porque xogabamos na rúa. Xogabamos á comba, á mariola... Ou sexa, unha infancia moi feliz.


A que colexio foches? Rifábanche?

Empecei nun que había na rúa San Vicente e despois fun á academia “Doña Marujita Puga”. E si, si que me rifaban.


Como viviches o cambio dende a rúa Noia ata a Ronda de Outeiro?

Mal, sentíame moi triste, moi soa porque antes Os Mallos estaban sen construír. Era todo terra e parecía moi lonxe.


E que pasou despois, cóntame un pouco da túa vida?

Pois nada. Viñen a vivir a aquí e pasei dende os dez anos ata agora. Toda a miña vida practicamente.


Cando coñeciches o teu home?

O meu home coñecino pola miña amiga Lili (era seu irmán). Onde o coñecín, se son sincera, non me lembro. Coñecina a ela e despois coñecino a el. Pero non nun sitio concreto.


Cambiamos de tema, ti que querías ser cando eras moza?

Eu quería ser azafata porque me gusta moito coñecer sitios.


E que acabaches sendo?

O que eramos practicamente todas: auxiliar administrativo.


Cal cres que foi a túa amiga máis destacada?

Pois destacadas tiven bastantes. Pero acórdome de unha que tiña cando era moza. Pero xa moza de vinte ou trinta anos. Chámase Loli.


Fálanos un pouquiño de teus pais Marina e Manolo.

Meu pai era ebanista. Tiña un taller. Miña nai era costureira, ao principio de todo. Despois era ama de casa.


Con cantos anos tiveches a túa filla? Por que a esa idade?

Para hoxe era moi moza. Tiña vinte e dous anos. A esa idade porque casei e tiven a miña filla.


Imos falar dos teus gustos. Cal é a túa comida favorita? Que ten para que che guste?

Gústame sobre todo a pasta. O porqué non o sei, a verdade.


Cal é a túa etapa histórica que máis che gusta?

Gústame, sobre todo, Roma. O porqué é porque me gustan os circos, os gladiadores...


Cal é a túa película preferida?

Non teño unha en concreto. Quizais a favorita é unha que se chama: O último mohicano. Á parte de que me gusta a película, ten unha música que me encanta, preciosa.


Cal é o teu pintor favorito?

Pois Goya porque me gusta moito unha obra que ten que se chama Os fusilamientos. Está ambientada na Guerra da Independencia.


Ti cres que tes un escritor favorito?

Non, gústame moito ler pero leo de todo un pouco. Leo de todos os temas. Agora estou lendo un libro de Ildefonso Falcones. Chámase: O pintor de almas.


Cal é a túa cor favorita?

Gústame moito o azul porque me recorda ao ceo.


Cal é a túa estación do ano favorita?

Bueno, gústame moito... o inverno. Gústame, pero bueno o verán gústame porque vai máis calor. O inverno (afirma coa testa).


Cal é a túa canción preferida?

Non teño. A verdade éque me gustan todos os xéneros menos os que hai agora do reguetón e todo iso (di que non co dedo).


Cal sería a túa viaxe soñada?

Gustaríame moito ir a Exipto. Gústanme moito as pirámides e todo iso.

 

E xa descubrimos un pouquiño máis da sociedade de século XX. Non na aldea, senón na cidade e, como xa dicía na introdución, os oficios neste caso de ebanista e costureira, incluíndo tamén os gustos do meu exemplo Chelo.

lunes, 19 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Estou orgullosa de ter descuberto ese interese pola música porque pode ser unha posible carreira”

 


Carmen Pérez Rodríguez vainos falar da súa experiencia coa música, especialmente co piano.

Icía Varela Peón (1º ESO B)

 

Como comezaches a tocar o piano?

Comecei a tocar o piano porque tiñamos un teclado na casa e meu pai tocábao. Creo que ese foi o acontecemento que espertou o meu interese pola música. A verdade é que estou orgullosa de ter descuberto ese interese pola música porque pode ser unha posible carreira.


Por que decidiches comezar e cando?

A miña nai viu o meu interese pola música e decidiume apuntar a unha escola de música. Comecei con sete anos na escola de música e aos dez xa estaba no conservatorio.


Cantos anos levas tocando o piano?

Levo sete anos tocando o piano malia que os primeiros anos non era tan profesional como agora.


En que nivel estás?

Agora estou en cuarto de elemental.


Os profesores son esixentes?

 A verdade é que si. Pero deben selo porque non todo o mundo ten acceso ás ensinanzas profesionais da música e iso hai que valoralo.


Que pasa cando rematas sexto de profesional?

Cando rematas tes dúas opcións. Facer outra carreira ou seguir coa que estás.


Que plans de futuro tes coa música?

Eu quero preservar o interese que teño polo piano e se non me dedico á música profesional, quero desfrutar dela no meu tempo libre e espero chegar máis lonxe das miñas expectativas.


Tes piano na casa? Os veciños protéstanche?

Si, téñoo dende hai máis dun ano. Sorte que o comprei antes do confinamento (ri). A verdade é que os meus veciños son moi bos, non protestan nada. De feito ás veces que non toco o piano dinme: ”hai que tocar o piano, non?”


Que tipo de música tocas?

Actualmente toco música clásica pero tamén me gusta inventar cancións ou tocar outros estilos.


Que días vas ao conservatorio? Cantas horas?

Vou os luns, mércores e venres. En teoría teño que tocar una hora e media todos os días, malia que é un pouco imposible. Ás veces, non teño tempo e non o podo facer.


É moi difícil o nivel no que estás?

Depende do nivel no que mires. Se miras en sexto de profesional, é pan comido (ri). Pero dende niveles inferiores é máis complicado.


Grazas por compartir con nós a túa experiencia coa música. Que che vaia moi ben co piano e que toques moitos anos máis!!!

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“En busca de novas oportunidades”


José Gregorio Pardo (6 febreiro de 1971, Caracas) é un inmigrante vido de Venezuela pero con orixes galegas. Por iso decidiu vir a Galicia en busca de novas oportunidades, unha educación mellor e un mellor futuro para os seus fillos. É pai de dous adolecentes nacidos en Venezuela que teñen nacionalidade española e transmitida polos seus pais.

SARA SOFÍA PARDO EXPÓSITO (1ºESO C)



De que parte é vostede de Venezuela?

Eu son de Caracas, capital de Venezuela.


Por que veu para Galicia?

Porque en Venezuela había unha situación social e política moi complicada. Meus pais son galegos polo cal as miñas raíces son galegas. Por iso optei por ese país.


Cantos anos leva vivindo na Coruña?

Levo vivindo case catro anos na Coruña.


Gústalle máis Venezuela ou España? Que é o que máis lle gusta dese país?

A min gústame os dous países pero de Venezuela gústame o clima e de España a seguridade persoal.


Cal é a comida que máis lle gusta de Galicia?

A comida que máis me gusta de Galicia é o cocido galego.


Cal é o seu lugar favorito da Coruña?

O meu lugar favorito da Coruña é o Paseo Marítimo pola Torre de Hércules.


Cando veu cara a Galicia cal era o seu obxectivo?

O meu obxectivo era buscar unha mellor calidade de vida que en Venezuela non había.


Cre que conseguiu o seu obxectivo?

Eu creo que polo momento si conseguín o meu obxectivo.


Ten traballo actualmente?

Si, teño traballo actualmente.


De que traballa?

Traballo nunha administración de loterías.


Repartiu premios moi importantes?

Si, repartimos premios moi importantes. Hai un ano repartimos o premio máis grande que se deu na primitiva na Coruña: 1.600.000 euros.


Que é o que máis lle gusta do seu traballo?

O que máis me gusta do meu traballo é repartir a ilusión das persoas que soñan con gañar un premio.


Como lle afectou o Covid-19 no seu traballo?

O Covid-19 afectounos nos ingresos porque estivemos pechados dous ou tres meses e as vendas non se recuperaron.


Que medidas considera que se poderían tomar para o Covid-19?

Eu penso que deberíamos tomar unha medida de confinamiento durante un mes para dar tempo a vacinar e desta forma non temos que andar pechando e abrindo a cada pouco.


Pensaría regresar cara a Venezuela?

Eu penso que nestes momentos non, debido ás circunstancias.

 

Esta historia vese reflectida en moitos inmigrantes venezolanos debido á problemática que se presenta actualmente nese pais. É por iso que lle damos as grazas a José Gregorio Pardo por compartir a súa experiencia de vida con nós.