“Por que en vez de facer dous programas non facemos un no
que caiba todo?”
Xosé Ramón Gayoso, un avogado que acabou sendo presentador de televisión, alcanzou a maior popularidade co programa Luar da Televisión de Galicia.
CARLA IGLESIAS AMIAMA (1ºESO A)
Por que decidiches
traballar na televisión?
A verdade é que non
foi unha decisión miña senón da propia vida. Estudei Dereito (avogado) e cando abriu
a Televisión de Galicia fun alí pedir unha praza de avogado, porque nestas
empresas teñen gabinetes xurídicos. Dixeron que avogados xa tiñan, que o único
que lle faltaba a esa empresa para empezar a traballar era contratar
presentadores. Naquel momento dixen “bueno, e isto como é”. Respondéronme “pois
nada, aquí facemos un cásting e a xente que se queira presentar que se presente
e nós miramos aqueles que nos parece que poden servir para isto de traballar na
pantalla e os que non, pois non”.
E así foi. Convocaron o cásting. Fun alí, elixíronme e
ata o día de hoxe. Estouche falando do ano 1985. Bota contas para atrás, xa 36
anos. Xa ves. Eu non decidín traballar na tele de pronto. Eu quería traballar
na tele de avogado pero acabei traballando de presentador. Non ten nada que ver
unha cousa coa outra (ri) e así foi.
Como naceu o teu programa?
Luar naceu no ano 1992. Naceu
porque na Televisión de Galicia xa había un programa espectáculo con moita
música galega, bailes... e outro que se dedicaba máis á música de fóra. Viñan
artistas de Madrid, Rafael, Rocío Jurado, Rocío Durcal, Manolo Escobar... Ben,
aqueles cantantes que había hai case trinta anos que soaban por España. Ou
sexa, un programa que se dedicaba máis aos artistas de fóra de Galicia e outro que
se dedicaba máis aos artistas de aquí da terra.
Entón, houbo un momento en que os que empezamos a pensar
no programa Luar dixemos: “Por que en vez de facer
dous programas non facemos un no que caiba todo?; á fin e ó cabo todo é música e
a ver porqué non poden convivir”.
Así naceu Luar. Aquí cabía todo o mundo. Pero fundamentalmente Luar
nace para defender todo o que son as músicas e os bailes propios de Galicia. Expresións
como: as corais, os grupos de baile, as bandas de música, as orquestras, os
gaiteiros, as pandeiretas. E logo veñen artistas tamén de fóra e facemos unha
festa entre todos. Así o levamos facendo case trinta anos. Imos polo ano 29,
camiño dos trinta. E así naceu.
A ti paréceche fácil traballar na tele?
Ben, como todo. Supoño que se me poñen a traballar nunha
carnicería para min será sumamente difícil. Algunha xente ten habilidade para
cortar a carne. Eu non a teño. E outros dirán: “A min paréceme moi difícil iso
de poñerme diante dun micrófono e falar”. E ben, pois a min tampouco me custa
demasiado traballo.
Pero xa non é tanto se é máis ou menos difícil. Sexa o
que sexa, ó que te dediques na vida, debes de ter un mínimo de capacidade, un mínimo
de talento. Se te queres dedicar a cantar e non es capaz de colocar unha nota
ben colocada, entón cantar non é o teu e tes que buscar outra cousa. Pero unha
vez que un ten un gusto especial por algo, despois o que vén é o traballo.
É dicir, nin o que corta a carne naceu sabendo cortar a
carne nin o que se pon diante dun micrófono fala sen máis. Tes que traballar, tes
que estudar moito, tes que ler, temos que formarnos constantemente día a día. Para
todo temos que estar constantemente estudando e traballando. Non hai máis segredo.
Traballaches como avogado?
Si, cheguei a traballar como avogado antes de ir á Televisión
de Galicia pedir unha praza de avogado. Traballei en Madrid durante catro anos
e ademais preparaba tamén oposicións para o corpo de xuíces. É dicir que eu,
entre a carreira de Dereito e logo catro anos de exercicio de avogado e
preparador de oposición de xuíces, estiven como uns dez ou once anos metido no
mundo xurídico ata que empezou o da tele.
Cantos anos levas facendo Luar?
Pois agora mesmo 29 e a ver se chegamos ós trinta, que
sería así unha cifra bonita. En calquera caso, os programas de televisión son
como todo na vida. É dicir, duran o que os clientes digan. Mentres haxa xente
vendo o programa, nós tiraremos para adiante. No momento en que non haxa xente
vendo o programa, pois dedicarémonos a facer outra cousa, outro programa.
Participaches noutros programas ademais de Luar?
Si, o primeiro que fixen na televisión foi o acto de
inauguración. A Televisión de Galicia inaugurouse o 24 de xullo do ano 1985. Iso
era un sábado. E aí arrancamos a programación. Eran as sete da tarde e aparecín
por primeira vez na televisión. Despois, no mes de setembro dese mesmo ano,
empezaron as emisións normais da TVG e aí empecei o primeiro programa diario de
mediodía que chamabamos Entre nós durante case dous anos. A
continuación fixen outro programa, xa de noite, que se chamaba Lúa Nova. Seguiulle
O Veciño do Xoves. Todos eles variaban a forma pero tiñan un contido
similar de entrevistas, reportaxes e música.
Seguín con outros como: Corazonada, Adiviña
quen vén esta noite, Pensando en ti. Estes duraron aproximadamente un
ano cada un deles. E despois xa foi cando empezou Luar.
Cal foi o mellor momento que viviches no programa Luar?
Teño moitos, porque a min me gusta moito a música e tiña
a oportunidade de coñecer os artistas que eu admiraba de mozo. Poder estar alí
con eles no escenario para min eran momentos marabillosos, extraordinarios e
falar con eles. Entón, teño moitos momentos estupendos.
En trinta anos pasaron moitas cousas. Por exemplo, un día
que me deron unha sorpresa os compañeiros. Eu non sabía nada. Viñeron miña
nai, meu pai, a miña muller e a miña filla. Iso foi unha sorpresa no día do meu
cumpreanos. Foi algo moi persoal e foi un día moi bonito.
Traballaches noutras televisións ademais da Televisión Galega?
Non, non traballei en
ningunha televisión. Fixemos programas para a Televisión Española e algún
programa de cooperación con Antena 3 ou Tele 5. Mesmo coproducións con
televisións doutros países como a BBC de Inglaterra. Pero cousas moi puntuais.
Pero non, non traballei noutras televisións.
Nalgún momento tivemos a
tentación de marchar a Madrid pero non nos decidimos. Aquela televisión que me
chamaba de alí poñía empeño en que me marchara. Viñeron un día comer comigo e
dixeron: “Ben, queremos convencerte”. Pero víronme tan seguro de que non me ía marchar
de aquí que non me apretaron moito. Porque a min me gusta estar aquí.
Hai outra cousa á que lle
dou importancia na miña vida, que é a familia. Eu sabía que se marchaba a
Madrid, posiblemente sería bo a nivel profesional, pois traballas nunha
televisión nacional, gañaría máis cartos, pero tamén ía perder cousas moi
importantes como era ver crecer a miña filla, estar coa miña muller e iso non
me custou moito tempo poñelo na balanza para darme conta de por onde tiña que
ir e non me arrepinto nada.
Creo que de rapaz
practicabas atletismo, que especialidade?
Lanzaba martelo, que é unha
bóla cun cable, unha asa e dás voltas a ver canto lanzas. É rara. Non creo que
coñezas a moitos lanzadores de martelo coma min (ri) pero gustábame moito. Paseino
moi ben. Foron anos marabillosos alá metido no estadio de Riazor desde os 12
anos ata que marchei á Universidade. Foron, eu que sei, sete ou oito anos
marabillosos.
Despois, claro, o nivel de
adestramento no que eu estaba era moi alto e tiven que ir deixando porque había
que estudar, porque de lanzar o martelo aquí non ía vivir. Pero fixen deporte toda
a vida. Sempre me gustou moito e me segue gustando moito o deporte.
Segues practicando algún
deporte?
Si, sigo practicando o que
podo, porque os anos van pasando e cada día custa máis mover o corpo. Precisamente
por iso fago deporte. Corro, aínda que agora xa non tanto porque me doe unha
cadeira. Entón, vou ao ximnasio e fago natación. A min facer deporte libérame
moito. Encóntrome moi ben sempre que fago deporte. Así que procuro facer
deporte todo o que poida.
Contáronme que formaches un
dúo musical, que tipo de música tocabas?
Ah, tamén si. Ben, eramos un
dúo de voces e tocabamos a guitarra. Mais que tocar a guitarra rascabamos. Non
chegabamos á categoría de tocar. Era un pouco rascar a guitarra. Pero
pasabámolo moi ben. Faciamos música melódica. Cantabamos en galego, en castelán
e ata en francés. Nós cantabamos calquera canción que nos gustaba. Metiámola no
repertorio e cantabamos por aí.
Eu estudei desde os seis
anos na Grande Obra de Atocha da Coruña. Nese colexio formaron unha rondalla e
a min apuntáronme para tocar a bandurra. E aí empecei. Despois toquei a
guitarra, empecei a cantar cancións acompañándome da guitarra. Sempre me gustou
a música.
E formamos un dúo. Un amigo,
que tamén era atleta. El era saltador de altura. Chámase Álvaro. Formamos un
dúo e gravaramos un disco e pasabámolo moi ben.
Sacaches algún disco?
Si, un disco alá no ano 1978.
Un LP. Aqueles discos grandes negros. Claro agora xa temos outros soportes para
escoitar música. Pero daquela eran os discos negros, os de vinilo. E entón gravaramos
un disco con 10 cancións nunha multinacional. Ademais que para nós era
marabilloso iso de gravar coa CBS, unha das grandes multinacionais do disco que
había no mundo. O dúo era Keltia, que quere dicir, en grego, “celtas”.
Comentáronme que tiñas uns
cans, segues tendo?
Pois tiven dous cans: un
golden retriever, que se chamaba Golfo, e logo outro pequerrecho, que se
chamaba Fermín, era un westy.
Agora non teño pero non
descarto que volverei telos. Con isto da pandemia, xa que che vou contar, está
toda a vida así un pouco alterada. Pero o día que todo isto pase un pouquiño e
estea a vida máis ordenada, eu seguro que volverei ter un can.
Así é como Xosé Ramón Gayoso
acabou traballando como presentador e en contacto cunha das súas paixóns que é
a música.
Parabens,a enquisa a gayoso parece me moi verdadeira e interesante
ResponderEliminar