martes, 20 de diciembre de 2022

COCORICO, UN CROCODILO E AS CATRO ESTACIÓNS PARA DESPEDIR O 1º TRIMESTRE

Para despedir o 1º trimestre, estudantes de 4º e 5º de Primaria quixeron agasallar aos pícaros de Infantil cunhas sesións de contacontos. 

Así, estes días, a biblioteca recibiu, por exemplo, a visita de Cocorico (OQO), da man de Nerea, Sofía, Yaiza e Noa, de 5ºC:



Jimena e Sofía, de 5ºB, fixeron desfrutar aos pequenos coa obra Las cuatro estaciones en un día (Bruño):



E Sofía, Andrea e Sara, de 4ºA, sorprenderon ao seu público con El cocodrilo al que no le gustaba el agua (Picarona):



Desde aquí queremos felicitar a todas estas extraordinarias contacontos, que durante semanas empregaron moitos dos seus recreos en vir ensaiar á biblioteca co obxectivo de divertir aos máis pequenos. 

viernes, 9 de diciembre de 2022

UN AGASALLO MOI ESPECIAL

Hai uns días vivimos un momento moi especial na biblioteca do Fogar. Loli sorprendeu aos seus antigos alumnos de Infantil, que actualmente xa andan a cursar 2º de Primaria, cunha divertida sesión na que, primeiro, lles leu un deses contos cos que tanto os facía desfrutar:



E logo, coa axuda de Alba, desenvolveu unha representación con dúas personaxes aos que os pícaros teñen moito cariño, Lili e Lolo, dous simpáticos monicreques creados por Loli durante a pandemia para divertir e acompañar aos seus alumnos durante eses momentos. 




Os pícaros desfrutaron enormemente neste encontro sorpresa con súa antiga profe Loli, nunha sesión que lles serviu, ademais, para lembrar algúns momentos inesquecibles do seu paso por Infantil.


viernes, 2 de diciembre de 2022

IRIA FÁLANOS DA DIVERSIDADE E DO VALOR DA DIFERENZA

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), os pícaros de 1ºA de Primaria tiveron unha sesión de biblioteca moi especial esta semana. Nela, a nosa compañeira Iria, do Departamento de Orientación, desenvolveu unha actividade na que todos puidemos achegarnos á realidade dunha serie de persoas con diferentes tipos de diversidade. 



E por suposto, Iria tamén leu un conto que fala precisamente da diversidade, e que pon en valor as diferenzas, fronte a quen as convirte en motivo de burla. Este álbum ilustrado, que vos recomendamos a todos, trátase de Orellas de bolboreta (Kalandraka), con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves.


Desde aquí queremos dar as grazas a Iria por todo o que nos ensinou durante unha sesión que nos encantou a todos.

ROSALÍA DE CASTRO, ISABEL ZENDAL, CONCEPCIÓN ARENAL, CLARA CAMPOAMOR E OUTRAS GRANDES MULLERES NAS VISITAS POLO 25 N

Estes días estamos asistindo ás últimas visitas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, grazas ás cales o alumnado está a achegarse a figuras femininas da talla de Rosalía de Castro, Isabel Zendal, Clara Campoamor, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.








Desde aquí queremos darvos as grazas pola vosa participación nesta actividade. Ademais, as familias do alumnado de Ed. Infantil e de 1º e 2º de Primaria quedades convidados a visitar a biblioteca durante este mes para contarnos como celebrades vós o Nadal ou para lernos algún conto relacionado con esas datas. 


jueves, 1 de diciembre de 2022

XA TEMOS GAÑADORAS DO CONCURSO POLA SEMANA DA CIENCIA E A INNOVACIÓN!

Como lembraredes, hai uns días celebramos na biblioteca a XXII Semana da Ciencia e a Innovación coa exposición "O Hardware", elaborada desde o Departamento de Informática. Con ela, pretendíase achegar ao alumnado os diferentes compoñentes dun ordenador.

Unha das actividades relacionadas coa devandita exposición consistía nun concurso no que os estudantes, unha vez visitada a exposición, debían dar resposta a un encrucillado que poñía sobre a mesa diferentes cuestións traballadas durante a visita.

Entre todos aqueles estudantes que cubriron correctamente o encrucillado fíxose un sorteo para escoller dous gañadores: un na categoría de Primaria e outro na categoría de Secundaria. As afortunadas foron Irene Vigo Blanco (6ºEPO A) e Laura Sánchez Avilez (1ºESO A).

Aquí podedes velas recibindo cadanseu libro como recompensa ao seu esforzo:



Desde aquí queremos dar os parabéns a Irene, a Laura e ao resto de participantes na actividade.

viernes, 25 de noviembre de 2022

VISITAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, POLA IGUALDADE, POLO PLANETA...

Estes días a biblioteca do Fogar volveu ser escenario dunha chea de visitas nas que, grazas a vós, os pícaros puideron desfrutar de contos sobre diferentes temas. Coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, esta temática foi a que ocupou a maior parte das sesións. 

Fostes moitas as mamás e os papás que nos visitastes para achegarnos a figuras femininas da relevancia de Marie Curie, Amelia Earhart, Dian Fossey ou Agatha Christie, e tamén a lecturas fundamentais como O libro dos porcos (Kalandraka), Maruxa (OQO), Até as princesas soltan peidos (Algar), A historia dos bonobos con lentes (Kalandraka) ou Unha feliz catástrofe (Kalandraka), moitas das cales continúan a percorrer as clases baixo a forma de libros viaxeiros.

E se todas e cada unha das visitas que recibimos na biblioteca son para nós máxicas, houbo unha que nos emocionou especialmente. Estamos a referirnos á visita de Puri, unha das profesoras máis queridas do noso colexio. Logo de toda unha vida educando nenas e nenos desde as aulas de Infantil, esta súper muller decidíu interromper por uns momentos a súa merecida xubilación para agasallarnos cunha sesión de contacontos que nos fixo desfrutar a todos. Desde aquí agradecémoslle enormemente que nos regalase este tempiño no regreso ao que é a súa casa. 


As visitas continuarán durante os vindeiros días, nas que as mamás e os papás que o desexedes podedes seguir vindo pola biblioteca a achegar os pícaros a algunha figura feminina que consideredes de relevancia. Estamos especialmente impacientes por coñecer a Isabel Zendal, a enfermeira galega que protagonizará unha das visitas confirmadas da próxima semana con 4ºB e 5ºB de Primaria.





miércoles, 23 de noviembre de 2022

DÍA EUROPEO DAS PERSOAS SEN TEITO

Hoxe, 23 de novembro, celébrase o Día Europeo das Persoas Sen Teito, co que se pretende dar visibilidade ás condicións de extrema pobreza e de exclusión social na que viven  as persoas sen fogar. Co obxectivo de sensibilizar o noso alumnado a respecto deste tema, estes días está a percorrer as aulas de terceiro ciclo de Primaria un libro viaxeiro creado especificamente por Kirsten Boie e Jutta Bauer para achegar esta realidade aos nenos e ás nenas. Esta interesante obra non é outra que Una vida cualquiera, publicada por Lóguez.



Esta actividade dos libros viaxeiros está dirixida a traballar co alumnado valores fundamentais como o respecto, a solidariedade ou a tolerancia a través da lectura dunha serie de obras que viaxarán polas clases durante todo o curso.