domingo, 24 de abril de 2016

OS SONS DOS LIBROS

Con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), esta semana a biblioteca viviu uns días nos que os habituais contacontos compartiron escenario cunha actividade moi especial: os "cantacontos". Grazas a eles, os alumnos de 5º e 6º de Primaria achegaron o mundo dos libros aos pequechos de Infantil e Gardería, mais fixérono dunha forma diferente, a través dunha linguaxe universal: a música. E foi precisamente nesta asignatura, a de Música, desde onde prepararon catro temas (os tres primeiros pertencentes ao grupo coruñés Pirilampo) que fixeron as delicias dos máis pequenos: Sete cores, O caracol Col, O semáforo e O polo Pepe. Os nenos gozaron especialmente coa visita do polo Pepe e do caracol Col, dúas das súas personaxes favoritas, que grazas á música, abandonaron momentaneamente os libros e viaxaron até a biblioteca do Fogar. Aquí vos deixamos algunhas fotos:

 Comezamos por 5ºA:










Seguimos con 5ºB:







E aquí tedes as de 5ºC:










Ímos agora cos grupos de 6º, comezando con 6ºA:













Aquí tedes as de 6ºB:









E rematamos con 6ºC:







Desde o blog queremos agradecervos a vós, os nenos de 5º e 6º de Primaria, e a Iria, a mestra que dirixiu a actividade desde a asignatura de Música, todo o esforzo que puxestes neste longo percorrido que comezou á volta do Nadal, cando empezastes a preparar estes concertos. Do mesmo xeito, queremos felicitarvos polo extraordinario resultado acadado, que se resume en todos os sorrisos que colleitastes nos pequenos ao longo desta semana.

E como esta mostra non estaría completa sen escoitalos, nos próximos días colgaremos vídeos dalgunhas das actuacións.

Mais, ademais do polo Pepe e do caracol Col, esta semana a biblioteca recibiu a visita doutros persoeiros igualmente famosos, como o deportista Dani Pedrosa ou os cantantes Enrique Iglesias, Justin Bieber, Malú... Todos eles foron entrevistados polos alumnos de 4ºC de Primaria, que andan a traballar as entrevistas:

Miguel entrevistando a Dani Pedrosa (Antón).

Enrique Iglesias (Óscar) e Justin Bieber (Hugo) cantando, tras ser entrevistados por Candela. 

Inés entrevistando á famosa cantante Lucía, que logo interpretou para nós unha fermosa canción en favor dos refuxiados.

Alba Seijas entrevistando a Malú (Alba Iglesias), que logo nos fixo desfrutar cun dos seus temas máis coñecidos.

Noa entrevistando á cantante Daniela, que logo tamén nos deleitou cun dos seus temas.

Muriel entrevistando a Candela.


E ademais de cantacontos, tamén desfrutamos estes días de contacontos. Unha das sesións máis divertidas e enriquecedoras estivo tamén protagonizada polos rapaces de 4ºC, que asistiron á lectura dunha obra que xa vimos con outros grupos, El oso y el piano (Blume), de David Litchfield.



Este conto permitiunos reflexionar sobre un tema fundamental, como é a amizade. O diálogo que se estableceu tras a lectura, fixo que a biblioteca se enchese de palabras como respecto, empatía... Este diálogo, no que participamos todos os asistentes, xurdiu de maneira natural, cando a mestra encargada do grupo, Tina, propuxo unha actividade na que cada alumno debía ir dicindo algún aspecto positivo de cada un dos seus compañeiros. Foi realmente emocionante ver como algúns olliños se humedecían de ledicia ante os comentarios dos compañeiros.




Tamén resultaron moi divertidas as sesións de contacontos que fixemos arredor da obra Orejas de mariposa (Kalandraka), escrita por Luisa Aguilar e ilustrada por André Neves, a cal estamos a ler a diferentes grupos de Primaria, para tratar cos nenos aspectos como a autoestima, as burlas ou o valor da diferencia.



Os rapaces de 2ºC tiveron a sorte de escoitar o conto nas voces de Carmen Cordonié Rodríguez, Silvia Cruzado Caamaño e Sara Paz Añón, alumnas de 4ºA de Primaria, que dramatizaron a obra para eles.





Que aburrido sería o mundo se todos fosemos iguais! Por sorte, as persoas somos diferentes e cada un temos as nosas particularidades. Uns temos as orellas de mariposa, como Mara, a protagonista da obra, outros téñenas pequeniñas, como formiguiñas, e outros de trasniño. Por iso, para lembrar o valor de ser diferentes elaboramos as nosas propias orellas: de robot, de pirata, de pelota e, como non, de mariposa. Aquí podedes ver os nenos de 2ºC pintando as súas.






E aquí, nestas fotos dos nenos de 2ºC e 3ºC, tedes o resultado: orellas fermosas e diferentes, como fermosos e diferentes somos cada un de nós.









E nesta semana que xa comeza estade todos moi atentos, pois se rumorea que está a piques de se estrear unha nova versión teatral dun dos clásicos que máis gustan a pequenos e grandes: Cincenta.


No hay comentarios:

Publicar un comentario