Esta semana tivo lugar a terceira sesión do Club de Banda Deseñada do Fogar, na que tivemos o pracer de recibir unha visita moi especial, que xa vos anunciamos no blog hai uns días. Esta visita non foi outra que a da ilustradora coruñesa Bea Lema, gañadora do prestixioso Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.
Neste encontro-xantar ao que convidamos a Bea, falamos con ela sobre os seus comezos no mundo da ilustración, sobre o proceso de creación dunha obra, sobre os seus gustos dentro do mundo da banda deseñada e sobre os mil e un temas que foron xurdindo ao longo da conversa.
As preguntas dos membros do Club xogaron un papel moi importante neste encontro, e Bea respondeu a todas elas coa amabilidade que a caracteriza.
Moitas das cuestións que xurdiron estiveron relacionadas coa súa obra O corpo de Cristo, cómic autobiográfico co que gañou o XII Premio Castelao de Banda Deseñada no 2017 e que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. Esta foi a obra que escollemos para ler no Club neste 1º trimestre e que nos encantou a todos.
Con Bea reflexionamos sobre o tema central da obra e sobre o papel da protagonista, unha filla que vive a patoloxía da súa nai, a cal non recoñece a enfermidade e se nega a medicarse, ao considerar que se trata dun meigallo. Un dos aspectos que máis nos impactou a todos foi a resiliencia que amosa a nena fronte aos problemas dos adultos.
Desde aquí queremos dar as grazas a Bea por regalarnos o seu tempo, por descubrirnos tantas cousas do mundo da banda deseñada, por permitirnos compartir as súas reflexións sobre o proceso creativo, e por demostrarnos que o cómic é unha ferramenta moi poderosa a través da cal podemos desenvolver calquera tema que nos interese. Todos aqueles que queirades saber máis sobre Bea e sobre a súa obra, non tedes máis que viaxar até a súa web picando aquí.
E, por suposto, grazas tamén a vós, os membros do Club de Banda Deseñada. Grazas pola ilusión que amosades en cada sesión. Vós sodes o que dá sentido ao Club.
E como despedida, non podían faltar unhas fotos do momento en que Bea nos asinou os exemplares da súa obra.
Nuns días chegan as vacacións, pero o 2019 nos traerá novas obras e novas autoras ao Club de Banda Deseñada do Fogar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario