miércoles, 7 de marzo de 2018

PERCORREMOS O SENEGAL CON ADAMA

En 1ºB de Primaria andan a investigar sobre o Senegal, país de procedencia de Fatou, unha das alumnas do grupo. Para axudar aos pícaros, este pasado xoves tivemos a sorte de recibir a visita de Adama, que pasou pola biblioteca para manter un encontro coa súa filla Fatou e cos seus compañeiros, no que lles presentou o seu país natal.



Adama explicounos onde está situado o Senegal, falounos das principais tradicións do país, presentounos algúns dos persoeiros máis destacados, achegounos ao día a día dunha escola senegalesa, etc.



Non esqueceremos a descrición que nos fixo da capital do país, Dakar.



Cos seus coloridos mercados...



E as súas fermosas praias...



Tamén nos chamaron moito a atención os pratos tradicionais do país, como o tieboudienne, un pastel de peixe con herbas e arroz.



E, por suposto, nos encantou aprender palabras en wólof, a lingua máis falada do país, con algo máis de catro millóns de falantes nativos e arredor de dezaoito millóns de  falantes que a empregan como segunda lingua.



E como non podía ser menos diante dun grupo tan deportista, Adama tamén nos falou dos principais deportes que se practican no Senegal, entre os que o auténtico rei é, tal e como nos dixo, o fútbol.



Queremos dar as grazas a Adama por dedicarnos o seu tempo, por ensinarnos tantas cousas do Senegal e por dirixirse a todos nós cun eterno sorriso na cara.






No hay comentarios:

Publicar un comentario