martes, 23 de octubre de 2018

UN CURSO MÁIS CHEGAN AS AVOAS E OS AVÓS! (2º PARTE)

Estes días continuamos a recibir a visita de avoas e avós que pasaron pola biblioteca para lernos contos, para ensinarnos lendas e para falarnos de moitos temas. Xa que o tema central que estamos a traballar este curso é "As profesións", moitos dos visitantes nos falaron precisamente disto.

Así, a semana pasada, Mariluz, avoa de Alicia, de 4ºInf. A, e de Daniela, de 6º Inf. A, achegounos ao mundo da enfermaría, ámbito no que leva a traballar desde hai moitos anos.



Mariluz amosounos diferentes utensilios propios da súa profesión e mesmo nos ensinou a realizar unha vendaxe.





Esta semana, os pícaros de 6ºInf. A volveron ter visita, xunto cos seus compañeiros de 1ºB de Primaria. Nesta ocasión foi Lourdes, avoa de Nico e de Jimena, quen nos regalou o seu tempo para achegarnos ao mundo da hostalaría, no que traballou moitos anos. Con ela, tamén coñecemos o ámbito da lotaría, ao que tamén se dedicou.




Lourdes non quixo deixar pasar a ocasión e na súa visita nos agasallou cun almorzo que durante os seus anos na hostalaría preparou para moitos pícaros: un delicioso colacao que, como podedes comprobar pola faciana dos nenos e das nenas nas fotos, estaba ben rico! Desde aquí queremos dar as grazas a Cristina, mamá de Nico e de Jimena, e auténtica veterana nas visitas ao cole, por virnos axudar neste encontro e por amosar sempre tanta implicación neste tipo de actividades.




Tamén os pícaros de 6ºInf. B tiveron o pracer de compartir un tempiño cos avós grazas a Germán, avó de Thiago, que nos relatou a súa experiencia realizando o Camiño de Santiago e nos descubriu as mil e unha marabillas que nos pode achegar esta aventura.



Germán, axudado por Thiago, nos amosou algúns dos itinerarios que se poden realizar, nos explicou onde poden quedar a durmir durante a noite aqueles que se aventuren a realizar o Camiño, nos decribiu algúns dos lugares que máis lle impactaran durante o percorrido, nos ensinou o diploma que recibe aquel peregrino que logra acabar o Camiño, e, sobre todo, nos transmitiu a maxia dunha experiencia única.




E, por suposto, tamén o grupo de 6ºInf. C volveu desfrutar dunha visita dos avós, neste caso, a de Mari e Suso, avós de Diego, que nos falaron dunha zona que lles encanta e que coñecen ben: o sur de Francia. Con eles paseamos polas rúas de Toulouse e aprendemos que é unha cidade mundialmente coñecida pola súa potente industria aeroespacial. Ademais, Suso e Mari nos levaron de viaxe até a época medieval, a través das rúas da cidade de Carcassonne, coa súa fermosa ciudadela e a súa impresionante catedral do s.XIII.



Ademais, Mari quíxonos achegar a unha figura que admira: Marie Curie. Para falarnos desta destacada científica, a primeira persoa que recibiu dous premios Nobel, leunos unha obra que nos encanta, o álbum que Alba Editorial lle dedicou na súa colección "Pequeña y Grande".




Outro dos grandes momentos destes días o vivimos coa visita de Manolo, avó de Manuel, de 4ºInf. B, e de Daniela, de 2ºA de Primaria. No encontro que mantivo o avó Manolo cos pícaros de 4ºInf. B realizamos unha emocionante e divertida viaxe polos camiños da fantasía, grazas a un xenial contador de historias como Manolo. Queremos dar as grazas a Daniela e á súa mamá Cristina por axudarnos durante a visita e por facelo con tanto cariño e coa amabilidade e cercanía que as caracteriza.





Igual de emocionante foi o encontro que a avoa María mantivo coas súas netas Andrea e Lucía e cos demais pícaros de 1ºA de Primaria, no que nos achegou ao apaixonante mundo dos trens, eido no que traballou durante moitos anos. María leunos ademais un conto que nos encanta: Azul y Bertie (Blume), de Krystina Litten. Animámosvos a que vos acheguedes a esta xoia que nos fala da diversidade, do medo ao diferente, da necesidade de abrirnos ao descoñecido e de rachar coa rutina para enriquecer as nosas vidas. Vos recomendamos este fermoso álbum, ideal para falar cos pequenos de temas como a diversidade ou a integración. Ademais, queremos dar as grazas a Sole, mamá de Lucía e de Andrea, por axudarnos unha vez máis a facer posible este encontro.





Nos vindeiros días seguiremos a recibir a visita de avoas e avós para que nos falen das súas profesións, para que nos conten historias, para que nos describan como se divertían cando eran nenos ou como era a escola á que ían, e, en definitiva, para que compartan un momentiño agradable cos seus netos e os seus compañeiros na biblioteca do Fogar.


No hay comentarios:

Publicar un comentario