Estes días recibimos varias visitas na biblioteca do Fogar. Primeiro foron Hansel e Gretel quenes protagonizaron dúas divertidas sesións de contacontos da man de Irene, Andrea, Marta, Sara Vera, Sofía e Antía, alumnas de 5º de Primaria.
Logo, foi o terrible Pelostortos quen se achegou onda nós. Grazas a el e a Lucía, Andrea, Bradley, Nico, e Osmani, estudantes de 6º de Primaria, puidemos coñecer a súa historia co álbum A figueira de Pelostortos. Recomendámosvos a todos a lectura desta obra, creada por Ana García Castellano e Mikel Mardones para OQO. Con ela os vosos pícaros pasarán un momento tan terrorífico coma divertido.
Pero, como xa dixemos, a pasada semana tamén nos visitou o arrepiante Carabuñas, protagonista do álbum homónimo creado por Margarita del Mazo e Charlotte Pardi para OQO. Uxía, Alexandra e Irene, alumnas de 6º de Primaria, foron as encargadas de amosarnos a historia deste terrible bruxo cazador de nenos, que de verdugo pasa a se converter en vítima grazas á astucia da pequena Branca.
Queremos dar as grazas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria que está a participar tan activamente nas actividades de teatro e contacontos, e que fai posible que os pícaros de Infantil poidan desfrutar cada semana dun momento máxico na súa hora de biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario