lunes, 21 de enero de 2019

BOTA A ANDAR RADIO FOGAR

O pasado mes de decembro botou a andar no noso colexio RADIO FOGAR, un novo proxecto que comezamos con ilusión e que pretende que os estudantes se mergullen no apaixonante mundo dos medios de comunicación, que melloren o seu manexo das novas tecnoloxías e que teñan oportunidades para desenvolver a súa capacidade comunicativa e a súa creatividade a través desta actividade baseada no traballo colaborativo.

A primeira emisión foi posible grazas á visita do escritor Xosé Mª Lema, que pasou polo noso colexio para manter un encontro cos alumnos de 4ºESO. Nesta cita, Lema falou da súa obra Costa do Solpor (Xerais), novela de aventuras cuxa lectura fixo desfrutar aos estudantes de 4º no 1º trimestre.

Logo deste encontro, Rebeca e Lucía, alumnas de 4ºESO, entrevistaron a Lema, deixándonos sorprendidos a todos co seu bo facer como xornalistas. Non imaxinamos tres protagonistas mellores para a primeira emisión de RADIO FOGAR.


A todos aqueles que aínda non escoitastes a entrevista, vos animamos a facelo. Non tedes máis que picar aquí.

Esta é a primeira emisión de Radio Fogar, mais xa estamos a preparar as seguintes. E tal é a febre que espertou este tema no cole, que os nenos e as nenas e 5º e 6º de Infantil xa comezaron a investigar que será iso da radio.

Despedímonos dando as grazas ao noso compañeiro Óscar Nogueiras, sen o que esta entrevista e este ilusionante proxecto non serían posibles.



No hay comentarios:

Publicar un comentario