lunes, 6 de marzo de 2023

CON BELÉN E ISABELLA PREGUNTÁMONOS DE QUE COR É UN BICO

Estes días, Isabella e Belén, alumnas de 4ºB de Primaria, agasallaron aos pícaros de 6º de Infantil cunhas divertidas sesións de contacontos arredor do álbum De que cór é un bico?, creado por Rocío Bonilla e publicado por Algar. Todos o pasamos en grande averiguando a resposta a esta pregunta que tanto inquietaba a Minimoni, a protagonista do conto.









E logo da lectura, Isabella e Belén falaron cos pequenos sobre o sentido da obra e lles realizaron unha serie de preguntas para afondar nela.


 

martes, 28 de febrero de 2023

Á VOLTA DO ENTROIDO... UN POUCO DE SOPA VERDE!

Logo das filloas e as orellas, as xornadas de Entroido deixaron paso a novas historias, que visitaron a biblioteca para facernos rir, pensar, debater... Entre os contos aos que nos achegamos estes días, gustounos especialmente Sopa verde, un divertido álbum creado por Angela Madeira e Till Charlier, e publicado por OQO. Alma, Alexia, Nerea, Naiala, Arantxa, Alba, Fatou e Alejandro, de 6ºB de Primaria, puxeron en escena esta obra para os pícaros de 4º e 5º de Infantil, que desfrutaron enormemente co bo facer destas contacontos de primeira.







Desde aquí, recomendámosvos a historia deste teimudo coello que, malia insistencia dos seus amigos, só quere comer alimentos de cor verde. Será o moucho, porén, quen elabore nunha enorme ola unha sopa á que lle botará todo o que encontra. E cando o coello a proba..., encántalle! Sen dúbida, estamos perante un conto ideal para traballar cos pequenos aspectos como as cores, a repetición, a alimentación, os sabores..., e para animar aos pícaros a comerde todo.






viernes, 10 de febrero de 2023

MONSTRO ROSA E COCORICO VISITAN A BIBLIOTECA

Esta semana os pícaros de 6ºA e 6ºB de Infantil desfrutaron cun fantástico contacontos desenvolvido por Sofía, Andrea e Sara, alumnas de 4ºA de Primaria. 



A obra escollida para esta sesión foi Monstruo rosa, un fermoso álbum creado por Olga de Dios e publicado por Apila Ediciones, que resulta ideal para amosar aos pequenos o valor da diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade



Pero tamén os nenos e as nenas de 6ºC de Infantil tiveron a súa oportunidade para divertirse co mundo dos contos, grazas a unha sesión desenvolvida por Candela, Noa, Uxía e Alexandra, de 5ºB de Primaria. 


Estas contacontos xeniais puxeron en escena unha das obras favoritas dos pequenos: Cocorico. Todos o pasamos en grande con este álbum publicado por OQO, con texto de Marisa Núñez e ilustracións de Helga Bansch, que conta as aventuras dun pitiño moi lambón que se ten que enfrontar ao terrible Gato Pelado.




lunes, 6 de febrero de 2023

RECIBIMOS AO COELLIÑO BRANCO E DESPEDIMOS Á CEBRA CAMILA

A pasada semana, os pícaros de Infantil recibiron a visita dun novo conto: O coelliño branco. Este fermoso álbum, creado por Xosé Ballesteros e Óscar Villán, e publicado por Kalandraka, fixo desfrutar enormemente aos nenos e as nenas de 4º de Infantil grazas ao bo facer de Paula, Claudia, Cloe e Daniela, alumnas de 5ºC de Primaria.






E se a pasada semana recibimos novos contos e personaxes, tamén nos despedimos doutros como A cebra Camila, un álbum publicado igualmente por Kalandraka, con texto de Marisa Núñez e ilustracións de Óscar Villán, co que Claudia e Irene, de 5ºB, e Iria, Sofía, Marian e Alba, de 5ºC, nos divertiron enormemente a todos durante varias semanas. Aquí vos deixamos algunhas fotos da última sesión na que estas contacontos de primeira fixeron gozar aos pícaros de 6ºC de Infantil:






miércoles, 1 de febrero de 2023

CON IRENE, MARTA E ANTÍA FALAMOS DUNS AMIGOS MOI ESPECIAIS: AS NOSAS MASCOTAS

Esta semana, na biblio, os nenos e as nenas de 6º de Infantil viviron unha sesión de contacontos na que Antía, Marta e Irene, alumnas de 4º de Primaria, leron para eles Cosas que me gustan de mi mascota (SM), de Trace Moroney. 


Esta fermosa obra serviunos para reparar sobre a cantidade de cousas positivas que nos achegan as nosas mascotas: fannos compañía, dannos cariño, regálannos a súa amizade, acompáñannos nos momentos de tristeza, ensínannos a ser responsables e a coidar dos demais... Todos tivemos a oportunidade de falar sobre eses compañeiros tan especiais.





Desde aquí vos recomendamos este álbum, pertencente á colección "Cosas que me gustan de...", unha serie publicada pola editorial SM que axuda a que os pícaros vaian creando un pensamento positivo arredor de diversos elementos da súa vida cotiá.






lunes, 30 de enero de 2023

UNHA VIAXE ATA OS CLÁSICOS: A RATIÑA PRESUMIDA

Aínda que desde a biblioteca tratamos de dar a coñecer aos pícaros obras actuais, non nos olvidamos de achegalos aos clásicos. Precisamente estes días un grupo de estudantes de 5ºA de Primaria, formado por Xabier, Alejandra, Dani, Aroa, Sara, Andrea, Lucía e Claudia, andan a representar para os nenos e as nenas de Infantil A ratiña presumida.  


Todo o esforzo levado a cabo nos ensaios viuse reflectido na posta en escena dunha obra que fixo desfrutar enormemente aos pícaros de 4º de Infantil:








Desde aquí queremos dar as grazas a este grupo de actores e actrices xeniais pola súa xenerosidade e entrega á hora de preparar a actividade para os pequenos.





viernes, 27 de enero de 2023

TRABALLAMOS A EMPATÍA E A AUTONOMÍA COA CEBRA CAMILA

Esta semana continuamos coa posta en escena do álbum A Cebra Camila, de Marisa Núñez e Óscar Villán. As encargadas de levalo a cabo foron Claudia, Irene e Ariadna, de 5ºB, e Iria, Sofía e Marian, de 5ºC. Tan ben o fixeron, que ao rematar a actuación, os pícaros de Infantil quixeron ser eles os que representasen a obra.





A próxima semana A Cebra Camila continuará divertindo a novos grupos de Infantil, axudándoos a achegarse a conceptos como a empatía e a autonomía.





Desde aquí vos recomendamos esta fermosa obra, convertida xa nun verdadeiro clásico da literatura infantil.