Estes días seguimos a recibir a visita de avoas e de avós que viñeron pola biblioteca para pasar un tempiño cos seus netos e cos compañeiros destes. Léronnos contos, faláronnos de como era iso de ser neno cando eles eran pequenos, lembraron con nós os seus anos de escola, e até nos fixeron viaxar ao pasado amosándonos obxectos cotiás que nos falaban dun tempo no que a maioría dos xoguetes eran de madeira e se fabricaban na casa; no que os nenos xogaban xuntos no campo ou na rúa, pois a televisión era un luxo só accesible para uns poucos, e palabras como ordenador ou tablet nunca chegaran aos seus oídos.
Aquí vos deixamos algunhas fotos, como as de Asunción, que, ademais de falarnos da súa infancia e de responder as mil e unha preguntas que lle fixeron os pícaros, trouxo ao cole algúns dos tesouros antigos do museo do seu marido Manolo. Tesouros que os nenos ollaron con admiración, e que estes dous superavós, Asunción e Manolo, amosaron con agarimo á súa neta Enma e aos seus compañeiros de 1ºA.
Tamén Lourdes, avoa de Nico e de Jimena, quixo vir pasar un tempiño con nós, e compartiu cos seus netos e cos seus compañeiros de 5ºInf. A e de 6ºInf. B un dos nosos contos favoritos, A figueira de Pelostortos, publicado por OQO con texto de Ana García Castellano e ilustracións de Mikel Mardones.
Outra das nosas nenas que pode presumir de que a súa avoa nos veu visitar é Antía, de 5º de Inf. C, que, xunto aos seus compañeiros de grupo, escoitou os contos que nos leu Esther.
Emilia, avoa de Irene, tampouco quixo deixar pasar a oportunidade de vir desfrutar coa súa neta e cos seus compañeiros de 3ºB, e nos fixo viaxar cunha das personaxes máis entrañables da literatura infantil: Elmer.
Moncho, avó de Cristian Aneiros, que xa nos visitara o curso pasado, quixo repetir experiencia co seu neto e cos seus compañeiros de 1ºA, e nos fixo desfrutar a todos coa lectura do álbum Os tres bandidos, de Tomi Ungerer, un auténtico clásico da LIX, publicado xa nos anos 60, e recuperado por Kalandraka no 2008.
Tonecho avó de Antón, de 6º de Infantil B, e de Lucía, de 3ºB de Primaria, divertiunos a todos con varias historias da colección "Cuentos para sentir", escrita por Begoña Ibarrola e publicada pola editorial SM.
E non podemos esquecernos de Isabel, avoa de Inés, que falou para a súa neta e para os seus compañeiros de 2ºB de como era a vida nos anos da súa infancia. Isabel describiunos esa Coruña na que en moitas zonas da cidade a cor verde da herba aínda non fora engulida polo gris dos edificios; na que nas casas se consumían productos frescos, do día, pois a neveira aínda non era de uso común; na que se podía xogar sen perigo na rúa, pois os coches non o inundaban todo. Con ela, desfrutamos enormemente cunha viaxe ao pasado.
Desde aquí queremos dar as grazas a todas as avoas e a todos os avós que nos regalaron estes encontros tan marabillosos. Grazas por ensinarnos tanto e por permitirnos desfrutar de/con vós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario