martes, 29 de enero de 2019

COÑECEMOS O TRABALLO DUNHA PSICÓLOGA CON MAITE

Dentro do proxecto dedicado a achegarnos ao mundo das profesións, continuamos a recibir visitas de mamás e papás que nos veñen falar dos seus oficios. Esta semana pasou pola biblioteca Maite, que mantivo un encontro coa súa filla Alejandra e cos seus compañeiros de 1ºA de Primaria, no que lles explicou en que consiste o labor dunha psicóloga.



Maite falounos do seu traballo con adolescentes nun Centro de Reeducación de Menores, e conversou con nós sobre dous temas fundamentais: as emocións e as normas.



Para tratar estes temas, Maite leunos, ademais, dúas obras que vos recomendamos a todos: O Monstro de cores, a xenial obra de Anna Llenas publicada pola editorial Flamboyant.



E El buen lobito, unha divertidísima historia escrita e ilustrada por Nadia Shireen, publicada en español por Bruño.



Para rematar a sesión, Maite propúxonos facer entre todos un mural baixo o título "Los buenos lobitos en el cole". Esta actividade serviunos para falar de normas fundamentais que debemos seguir, como respectar os compañeiros, colaborar cos demais, pedir as cousas por favor ou dar as grazas.


E nós queremos facer iso, dar as grazas a Maite por todo o que nos ensinou nesa horiña que pasou con nós. Grazas, Maite, por falarnos da túa profesión e por levarnos a navegar por un mar tan necesario como é o das emocións. Grazas tamén por axudarnos a reflexionar sobre as normas e sobre valores fundamentais como o respecto ou a solidariedade. Todos desfrutamos enormemente coa túa visita. Agardamos verte moi pronto de novo pola biblioteca.


No hay comentarios:

Publicar un comentario