domingo, 9 de junio de 2019

OS COCIÑEIROS DE 6º DE INFANTIL

O pasado mes de maio, os alumnos de sexto de Infantil tiveron a oportunidade de visitar o IES Fragas do Eume, en Pontedeume, e compartir unha divertida xornada cos estudantes de Hostelaría deste centro. 
Alí, desenvolvendo o traballo programado por este nivel para o proxecto das profesións, aprenderon a manexarse nos oficios de cociñeiro e cocteleiro por un día. 
Da man dos estudantes maiores, os nosos pícaros aprenderon a elaborar deliciosos cócteles e batidos. Manipularon ingredientes coma o leite, o chocolate, o amorodo ou o ananás para facer unhas saborosas bebidas que fixeron as delicias dos nosos cativos.


Unha vez catadas as bebidas que elaboraron, trasladáronse da cafetaría á cociña para poñerse mans á obra como mestres pizzeiros. Alí, cambiaron de profesores para producir unhas pizzas nas cociñas do centro. 


Cada un dos nosos alumnos recibiu un pouco de fariña con fermento, un trisco de sal e unha pouquiña de auga morna, e puxéronse a amasar para crear as pizzas que posteriormente cubriron con tomate, queixo, ourego e os ingredientes que cada un elixiu (atún, gambas, xamón cocido, touciño entrefebrado...).
Unha vez remataron, e despois de lavar as mans, trasladáronse ao comedor mentres o forno facía o seu labor. E logo, todos xuntos, degustaron as pizzas que elaboraron coa axuda dos seus amables e pacientes mestres.


Se queredes coñecer mellor o centro e botar un ollo á súa web con ligazóns de interés, picando aquí podedes encontrala.
E xa que este mes volvemos a ter pequenos almorzos de media mañá, picando aquí, podedes consultar as ideas que o experto nutricionista Aitor Sánchez, autor de Mi dieta cojea, nos dá para que estes pequenos almorzos sexan sans e fáciles de elaborar.
Antes de deixarvos máis fotos da sesión en Pontedeume, queremos agradecer ao profesorado e ao alumnado que nos acompañou a súa amabilidade, paciencia e o seu bo facer cos nosos nenos e as nosas nenas; e de maneira especial a Fátima, mamá de Iago e Brais de 6º B, que foi quen fixo posible está sesión tan diferente e divertida na que tanto aprendemos e da que tanto desfrutamos. Tamén agradecemos aos nosos acompañantes Luis, Nuria e Nerea a súa inestimable axuda que fixo posible que todos desfrutásemos da xornada. 
Moitas grazas!



    

       

 










 



No hay comentarios:

Publicar un comentario