lunes, 14 de octubre de 2019

ELAS CAMBIARON O MUNDO

Hoxe queremos compartir con vós unha actividade que está a desenvolver o alumnado de 3º de Primaria e que leva por título: "Elas cambiaron o mundo". Coordinados pola nosa compañeira Paula García Rego, e empregando os recursos existentes na biblioteca sobre o tema, os estudantes andan a achegarse a diferentes mulleres que, en eidos moi diferentes, lograron cambiar o mundo.


Así, figuras como Marie Curie, Frida Kahlo, Amelia Earhart, Coco Chanel, Dian Fossey ou Ella Fitzgerald, estanse a converter durante estes días nas grandes protagonistas de todas as conversas entre os estudantes deste curso. Para achegarnos a elas está a resultar fundamental a colección de Alba Editorial titulada Pequeña y Grande, unha verdadeira xoia que todos os que queirades podedes desfrutar na nosa biblioteca.


Ademais de favorecer que o alumnado se achegue a mulleres destacadas da historia, esta actividade pretende axudar aos estudantes a coñecerse mellor a sí mesmos. Así, partindo da base de que cada unha destas figuras logrou cambiar o mundo a partir de algo que se lle daba ben (escribir, cantar, deseñar moda...), andamos a analizar que cousas son aquelas que se nos dan ben a nós mesmos e que poden facer que, desde o noso recunchiño, logremos mellorar o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario