viernes, 6 de noviembre de 2015

ALGO DE GRÚFALOS E UN POUCO DE VAN GOGH

Unha semana máis os contos volveron inundar a biblioteca e achegaron aos nenos do Fogar historias tan divertidas e monstrosas como a que se relata no libro O Grúfalo, escrito por Julia Donaldson, ilustrado por Axel Scheffler e publicado en galego pola editorial Patasdepeixe. Este clásico da literatura infantil, unha fermosa fábula sobre o poder da intelixencia, mais tamén sobre o medo, conta cunha web oficial, na que se contan as orixes deste conto publicado en 1999, se ofrece información sobre a autora e o ilustrador e mesmo se dá a posibilidade de desfrutar de entretidos xogos.



Aquí vos quedan unhas fotos do martes cos nenos de 6º de Infantil A desfrutando desta obra mestra da literatura infantil:





Na segunda sesión do martes, os alumnos de 6º de Infantil B tiveron o pracer de asistir a unha sesión de contacontos moi especial, na que escoitaron a fermosa historia ¡Hombre de color! na voz do seu compañeiro Rainier Brioso de Labra. Este libro, escrito por Jérome Ruillier e publicado por Editorial Juventud, é realmente un conto-poema cheo de humor e tenrura transmitido de xeración en xeración pola tradición oral africana, un canto contra o racismo e as ideas preconcebidas.




Aquí podedes ver unhas fotos da sesión, con Rainier contando a historia aos seus compañeiros:





O mércores foron os máis pequenos do cole, os nenos da Gardaría, quenes visitaron a bibioteca para desfrutar de ¡Hombre de color!, esta vez contado por Lucía Rodríguez Blanco, alumna do grupo de 4ºB de Primaria.



Na xornada seguinte, o xoves, iniciamos a tarde recibindo os nenos de 5º de Infantil C, que se aproximaron ao mundo da arte da man do libro Me llamo... Vincent van Gogh (Ed. Parramón), de Carme Martín e Rebeca Luciani.



Os pícaros, escoitaron primeiro a lectura da obra:



E logo decoraron unha bandeira de Holanda, país onde naceu van Gogh:





Na segunda sesión do xoves, Hugo Gómez Arias e Adrián Vázquez Couceiro, alumnos do grupo de 4ºC de Primaria, contáronlles aos nenos de 5º de Infantil A a divertida historia que se narra en Cuando nace un monstruo (libro co que xa traballamos a semana pasada con outros grupos). Hugo e Adrián contaron coa axuda de dúas compañeiras de clase: Candela Garea Veiga e Alba Iglesias Arias.


Os pícaros pasárono xenial con estes contacontos de primeira:





E entre Grúfalos e demais contos, chegamos ao venres e recibimos a visita dos alumnos de 6º de Infantil C, que se divertiron ao grande con Un libro, de Hervé Tullet (Ed. Kókinos), unha obra máxica e diferente que, a través dun baile de puntos de cores que aparecen e desaparecen, que se modifican e cambian de lugar grazas á acción do lector, invitan a este a interactuar co libro: a tocalo, a movelo a dereita e a esquerda, a soprar sobre el..., e a observar que é o que vai acontecendo cos puntos de cores protagonistas da obra.



Aquí podedes ver os nenos gozando con esta obra xenial:





E para a semana, novas viaxes por mil e un mundos de fantasía...


No hay comentarios:

Publicar un comentario