sábado, 14 de noviembre de 2015

UNHA SEMANA CON MOITO CONTO

Esta semana os nenos do Fogar volveron desfrutar de diversas sesións de contacontos, coas que, dunha forma divertida e amena, se intentan potenciar aspectos básicos da súa educación, como a imaxinación, a creatividade, a curiosidade ou a capacidade de atención.
Así, a semana comezou cunha xirafa moi especial, cuxas aventuras, relatadas na obra Palmira busca trabajo (Planeta), de Roser Capdevila, fixeron gozar aos pequenos de 6º de Infantil B, que escoitaron o conto na voz de Elena Silveira Zas, alumna de 1ºESO A. Elena, como se dunha veterana contacontos se tratase, logrou captar a atención dos nenos desde o primeiro momento.






A xornada continuou e, xa pola tarde, recibimos na biblioteca a visita dos tres grupos de 4º de Infantil. Na primeira sesión, os rapaces de 4º Inf. B desfrutaron coa obra Me duele la lengua (Edebé), escrita por Margarita Mainé, e na que se nos conta a historia de Mariano, un neno ao que lle encanta falar, falar e falar. Mais un día, Mariano, atópase cun grave problema cando cae e morde a lingua.




Na segunda e terceira sesións, continuamos a traballar cun conto ao que xa nos achegamos a semana pasada: Hombre de color (Juventud), de Jérome Ruillier, un fermoso álbum cun claro ton crítico, mais cheo de humor e tenrura. Lucía Rodríguez Blanco e Lucía Fresco Regueira, ambas do grupo de 4ºB de Primaria, foron as encargadas de narrar este conto aos rapaces.





O martes, como acontece cada semana, comezamos a tarde recibindo os nenos de 6º Inf. A, que asistiron á lectura de dous contos moi diferentes. O primeiro deles, O coelliño branco (Kalandraka), é en realidade unha adaptación, realizada por Xosé Ballesteros, dun conto popular portugués no que un animal minúsculo lle gaña a partida a un mangallón.


A obra permitíu aos rapaces desfrutar non só co texto, senón tamén coas divertidas imaxes creadas polo ilustrador ourensán Óscar Villán.





O segundo libro, titulado Corre, corre, Mary, corre (Lumen), de N. M. Bodecker, servíunos para lembrarlles aos rapaces a importancia de compartir as tarefas da casa.



Os nenos escoitaron atentos unha e outra historia:





Na segunda sesión do martes, os alumnos de 6º Inf. B asistiron, igual de atentos, á lectura desta mesma obra de N. M. Bodecker, Corre, corre, Mary, corre, coa que, sen dúbida, traballaremos con máis grupos, pois os valores que transmite, tales como o respecto, a axuda ou a igualdade, entendémolos como fundamentais no desenvolvemento de calquera persoa.



O mércores, unha semana máis, unhas bruxas terriblemente simpáticas, alumnas de 5º de Primaria, axudaron aos nenos a perderlle un pouco o medo aos monstros. Desta vez, os afortunados que puideron desfrutar coa obra ¿Cómo machacar monstruos? (Edaf), foron os alumnos de 2ºB.









Pola tarde, tocoulles aos monstros axudar aos nenos de 3ºB de Primaria a perderlle o medo ás bruxas, por medio da lectura de ¿Cómo machacar brujas? (Edaf).








O xoves, dúas contacontos de 4ºC de Primaria, Candela Garea Veiga e Alba Iglesias Arias, achegaron unha obra xenial aos pequenos de 1ºA: A filla do Grúfalo (Patasdepeixe), escrita por Julia Donaldson e ilustrada por Axel Scheffler. 


Alba e Candela fixeron desfrutar aos nenos con esta obra chea de humor e de amor, cuxo texto rimado gustou especialmente aos pequenos. As dúas contacontos estiveron acompañadas na súa actuación por dous compañeiros de clase: Hugo Gómez Arias e Adrián Vázquez Couceiro, que acompañaron a lectura da obra cunha divertidísima dramatización.







Xa pola tarde, os nenos dos grupos A e C de 5º de Infantil escacharon coa risa coa lectura da obra Un libro (Kókinos), de Hervé Tullet, coa que xa traballamos a semana pasada con outro grupo.


Noa Rama Budiño e Cristina Posada Fernández-Ayala, de 4ºB de Primaria, foron as encargadas de lerlle a obra aos pícaros de 5º Inf. C, mentres que Nerea Muñiz Castelos e Fran Novo Rego, de 6ºA lla leron a 5º Inf A.









Xa na xornada do venres, Cynthia Tieso Guimaraes e Sara Souto Boedo, compañeiras de clase de Fran e Nerea, traballaron esta mesma obra co grupo de 4º Inf. B, facendo rir ás gargalladas aos pequenos.







E rematamos a semana con tres irmáns osiños moi entrañables, que se preguntan cal deles será o favorito de papá e mamá. Estes tres osiños, que fixeron as delicias dos nenos de 6 Inf. C, protagonizan un fermoso libro titulado Todos sois mis favoritos(Kókinos), escrito por Sam McBratney e ilustrado por Anita Jeram. 


Así rematamos esta semana, mais novos contos están agardando para voar polas mentes dos nenos do Fogar...

No hay comentarios:

Publicar un comentario