Esta semana comezou, como é habitual, coa visita á biblioteca dos tres grupos de 4º de Infantil, que desfrutaron de cadansúa sesión de contacontos, dirixidas esta vez por Julia González Santos e Laura Varela Anido, alumnas de 6ºB de Primaria.
Laura e Julia fixeron desfrutar aos nenos co conto O zapateiro e os trasnos (Kalandraka), escrito por Eva Mejuto e fermosamente ilustrado por Elia Manero. Esta obra nos ensina o valor de ser agradecidos e nos lembra que o traballo e o esforzo teñen a súa recompensa.
Na xornada do martes achegamos os nenos de 6º de Inf. A a Non é unha caixa (Faktoría K), de Antoinette Portis, un auténtico canto ao poder da imaxinación, no que o coelliño protagonista da historia nos amosa que unha simple caixa pode ser,en realidade, o que nós queiramos, desde unha montaña até un foguete espacial.
A segunda sesión do martes xirou arredor da obra Un vaquero con babero (SM), de Mercedes Garín, coa que continuamos a ver a importancia da imaxinación, desta vez a través da historia do vaqueiro Samuel e do seu pai.
Os pícaros de 6º de Inf. B puideron escoitar este conto na voz de tres dos seus compañeiros de grupo: Laura Sánchez Avilez, Aarón Seijas Longueira e Martina Garrido Sola.
Ao final da sesión, tamén eles tiveron ocasión de desfrutar con Non é unha caixa:
E para rematar a semana, nada mellor que unha actividade moi doce... Xoves e venres, os tres grupos de 5º de Inf. escoitaron La casita de chocolate, unha adaptación de Hansel e Gretel, famoso conto alemán recollido polos irmáns Grimm, realizada pola editorial Santillana dentro do proxecto El viaje de Suso, co que traballamos en clase. E tras a lectura do conto, na que colaboraron Icía Varela Gómez (4ºESO A) e Amanda Villamar Piñeiro (1ºESO A), cada grupo construíu a súa particular casiña de chocolate.
No hay comentarios:
Publicar un comentario