martes, 23 de junio de 2015

A NOITE DAS CACHARELAS

Esta noite, na do paso do día 23 ao 24 de xuño, conmemórase unha festa que se vén celebrando desde ben antigo en moitos lugares, e que está ligada aos festexos que acompañan a chegada do solsticio de verán. Xa sabedes de que estamos a falar? Pois sí, da Noite de San Xoán, unha festividade cuxas orixes se remontan aos tempos anteriores á chegada do cristianismo. Hai que dicir que, se ben o acontecemento solar ten lugar o día 21 de xuño, a festa trasladaouse ao 24 xa que, segundo a tradición, esa sería a data na que naceu San Xoán.

Moitos ritos de carácter máxico ou relixioso se asocian a esta festa: saltar as famosas lumeiradas para purificarse, pór un ramo de herbas de San Xoán nas portas da casa coa fin de protexerse das meigas, lavarse ao amencer nun manancial ou con auga de rosas, etc.

Porén, como non todo nesta data vai ser saltar lumeiradas, tamén podedes mergullarvos nas páxinas dunha das máis apaixonantes e divertidas aventuras de Os Barbanzóns, maxistralmente creada por Pepe Carreiro, e que xira arredor dunha noite tan máxica como da que estamos a falar. Esta aventura en banda deseñada leva por título A noite das cacharelas, e podédela atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña.


E á volta do verán, cando comece o novo curso, non dubidedes en acudir á biblioteca do Fogar a desfrutar das aventuras desta familia celta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario