jueves, 25 de enero de 2018

COÑECEMOS VENEZUELA E A ARXENTINA CO ALUMNADO DE 6ºA

En 6ºA levan investigando desde o comezo de curso sobre Venezuela e a Arxentina, países dos que proceden os pais de varios alumnos do grupo. Logo de todo o que aprenderon, quixeron ensinárnolo a nós. Así, a semana pasada comezaron a amosárnolo a través de exposicións ante diferentes grupos, nas que puidemos contemplar fermosas maquetas e degustar saborosas receitas.

A primeira destas sesións estivo dedicada a Venezuela, e nela Silvia, Mateo, Ainhoa e Oihane nos falaron de aspectos como a súa localización xeográfica, a bandeira, a moeda, a flora, a fauna, etc. Ademais, degustamos un delicioso arroz con leite, elaborado seguindo unha receita venezolana, e viaxamos até a capital do país, Caracas, e por unha das rexións máis fermosas do planeta: o Amazonas.






Unha das partes que máis nos gustou a todos foi a que dedicaron ao Delta do Orinoco, formado pola desembocadura do río do mesmo nome, un dos máis grandes do mundo. Situado no estado Delta Amacuro, ao leste de Venezuela, o Delta do Orinoco constitúe un lugar dunha enorme riqueza paisaxística, cunha destacada variedade de flora e fauna.



Tal e como nos contaron, no Delta do Orinoco viven diferentes comunidades, entre as cales nos chamaron especialmente a atención os warao, un pobo indíxena amerindio composto por máis de 36.000 persoas.



A segunda das sesións tivo como protagonista á Arxentina. Nesta ocasión foron dous grupos os que nos achegaron a este país, un composto por Daniel, Nicolás, Ángela e Sara, e outro por Óscar, Joel, Paula e Malena.

Ao igual que acontecera co grupo que nos achegou a Venezuela, os encargados de falarnos da Arxentina tamén nos informaron sobre aspectos como a súa localización, a súa moeda, os traxes tradicionais ou o clima.







O primeiro dos grupos, ademais de agasallarnos cuns deliciosos alfajores arxentinos, nos levou até un lugar dunha beleza impactante, as Cataratas do Iguazú, situadas no límite entre a provincia arxentina de Misiones e o estado brasileiro de Paraná. Aquí vos deixamos unha foto destas fermosas cataratas, declaradas Patrimonio da Humanidade e incluídas entre as Sete Marabillas Naturais do Mundo.



E cando pensabamos que igualar a beleza desta paisaxe era imposible, apareceu o segundo grupo, que, coas súas palabras e a súa maqueta, nos levou de viaxe pola impresionante Patagonia Arxentina e o Perito Moreno.






Aquí vos deixamos unhas fotos para que desfrutedes da paisaxe que nós percorremos da man deste grupo de 6ºA, nas que podedes observar a beleza da Patagonia e a dun dos glaciares máis impresionantes do planeta: o Perito Moreno.





Sen dúbida, o alumnado de 4º e o de 6º que asistiu a estas sesións aprendeu e desfrutou co marabilloso traballo realizado polos seus compañeiros.






No hay comentarios:

Publicar un comentario