Candela e Inés, alumnas de 6ºB, volveron para achegarnos a unha nova muller xenial, a naturalista, activista e primatóloga Jane Goodall. E nesta ocasión fixérono coa axuda da súa compañeira Isabel.
Candela, Inés e Isabel realizaron para o alumnado de 2ºB de Primaria unha pequena obra de teatro baseada no álbum Yo, Jane (Océano), no que o seu autor, Patrick McDonnell, nos conta a historia de Jane, unha nena inglesa nada no seo dunha familia con escasos recursos, que soña con ir a África para coñecer os animais que ten visto nos libros. Coa axuda da súa imaxinación, a nena consegue viaxar até ese fermoso continente, sen sospeitar que, co paso do tempo, o seu soño se vai facer realidade. Esa nena non é outra que Jane Goodall, unha das mulleres de ciencia máis queridas e respeitadas na actualidade, que entregou a súa vida ao estudo dos chimpancés africanos e ao fomento do amor pola natureza.
Aquí vos deixamos unhas fotos da sesión, na que estas tres actrices e contacontos xeniais, con moitas actucións ás súas costas na biblioteca do Fogar, ademais de representar a obra, tamén explicaron ao público como comezaron a realizar contacontos na biblio, cales foron as súas razóns para centrar as súas sesións en dar a coñecer grandes mulleres, etc.
E desde aquí vos animamos a achegarvos a unha figura como Jane Goodall, un verdadeiro exemplo de xenerosidade e de amor pola natureza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario