viernes, 19 de enero de 2018

UNS DÍAS DE INDIRAS, COCORICOS, CURUXIÑAS E PANCHOS

Estes días continuamos con dúas das nosas actividades favoritas: o teatro e os contacontos. Unha das representacións que máis nos fixo desfrutar foi a realizada por Candela, Martín, Inés, Samuel, Noelia e Jaime, alumnos de 6ºB, que puxeron en escena unha dramatización baseada na obra Indira, escrita por Jorge Miranda e Itziar Miranda, e publicada por Edelvives. Como o seu título indica, a obra preséntanos a figura de Indira Gandhi, e esta foi precisamente a finalidade desta representación: achegar aos pícaros de 4ºC a figura de Indira, unha muller loitadora que chegou a ser Primeira Ministra da India nas décadas de 1970 e 1980.














Para todos os que teñades ganas de achegarvos á figura de Indira, vos recomendamos a obra na que nos inspiramos para realizar esta dramatización: Indira (Edelvives).




Outra das sesións máis divertidas destes días foi a desenvolvida por Alba, Sara, Ainhoa e Rossana, alumnas de 6ºC, que dramatizaron para os alumnos de 4º de Infantil unha das nosas obras favoritas: Cocorico (OQO).






Aqueles que aínda non coñezades este álbum escrito por Marisa Núñez e ilustrado por Helga Bansch, non dubidedes en mergullarvos nas súas páxinas. A bo seguro desfrutaredes coas aventuras de Cocorico, un pitiño que vive feliz coa súa nai, e que se terá que enfrontar ao terrible Gato Pelado.




Os pícaros de 4º de Infantil tamén o pasaron ao grande cunha das últimas obras chegadas á nosa biblioteca: As tres curuxiñas (Kalandraka). Lucía, Ángelo e Muriel, de 5ºB foron, nesta ocasión, os encargados de lela para os pequenos. E logo de escoitar o conto, realizamos unha viaxe polo mundo dos animais a través das obras da colección "O meu pequeno animalario" (Baía edicións).








Convidámosvos a achegarvos a esta obra, con texto de Martin Waddell e ilustracións de Patrick Benson, que nos relata a inquedanza de tres pequenas curuxas mentes agardan polo regreso da súa nai.




E, por último, destacaremos outro dos contacontos destes días, desenvolvido por Ainara, Irene e Alba, de 3ºC, que leron para as nenas e os nenos de 1ºC  o álbum Pancho (Kalandraka), de Antonio Santos. Todos escoitamos moi atentos a historia de Pancho, un pequeno elefante que vivía tranquilo na selva, até que un día chegaron os homes...




E logo celebramos un concurso de debuxo no que cada un de nós debuxou o seu Pancho particular.





Recomendámosvos esta obra, gañadora do Segundo Premio Nacional de Ilustración no 2003.



No hay comentarios:

Publicar un comentario