Dos
xogos na rúa e “maquiniñas de marcianos” ao 4K
As novas tecnoloxías cambiaron totalmente a forma de divertirse dos rapaces. Javier Edreira Couceiro lembra cales eran os xogos da súa infancia. Serían semellantes aos de agora?
Roi Edreira Leis (1º ESO E)
A que
xogabas de cativo?
Xogabamos
a moitas cousas. Os nosos xogos basicamente desenvolvíanse na rúa entre todos
os amigos.
Os
xogos eran tradicionais galegos?
Pódese dicir
que si, eran xogos basicamente populares. Eran xogos da rúa, na que xogaban todos
os nenos con independencia dos barrios nos que vivisen.
Como
eran eses xogos?
Pois
mira, eran xogos que iamos improvisando por tempadas. Había unha tempada que nos
adicabamonos a xogar sempre ó mesmo xogo. Nalgúns momentos eras as canicas,
outros intres xogabamos pois ao trompo, outras veces ao ioió e despois
xogabamos nun descampado que había detrás de onde viviamos todos. Alí xogabamos
a distintos deportes, fundamentalmente ao fútbol, e despois, sobre todo no
verán cando xa estabamos de vacacións, aproveitabamos o bo tempo e iamos andar
en bicicleta. Dabamos voltas arredor do barrio, uns detrás doutros.
Quen
poñía as regras?
Normalmente,
como che explicaba antes, eran xogos populares nos que xa había unhas regras
preestablecidas por transmisión entre as distintas xeracións de nenos.
Normalmente non improvisabamos as regras.
E non
discutiades?
Ás veces
si. Sucedía igual que pode suceder agora. Pois había diferenzas ou xente que
non sabía ás veces compartir nos xogos.
E
cando xogabades na rúa, eran seguras?
Si, non
había tanto coche como hai hoxe en día, nin había tanta circulación nas rúas.
Como dixen anteriormente, no barrio no que crecín tiñamos un descampado na
parte de atrás e iamos para alí. Faciamos con pedras as porterías, cando non
tiñamos pedras, pois poñiamos xerseis, roupa ou botellas mesmamente para poder
xogar. Claro, alí a vantaxe que tiñamos era que non había circulación. Tamén é
verdade que tiñamos pequenos problemiñas, pero eran doutro tipo, eran os
vecinos que saían ás ventás e berrábannos “estades a dar golpes na ventá co
balón”. Outras veces o balón quedaba nos tendais de roupa e xa non volvía e dicíannos:
“Voullo dicir ós vosos pais”.
Eran
as rúas moi distintas a como son agora?
As rúas
eran distintas. Non estaban urbanizadas do mesmo xeito que hoxe en día. As
beirarrúas eran máis cativas, había máis baches, buracos e todo… Pero a zona onde
eu vivía daquela sigue estando máis ou menos igual.
Non
viades a televisión?
Si que viamos
a tele pero non como a vemos hoxe. A tele, naquel momento, era moi distinta.
Había unicamente dúas canles de televisión. Cando era máis pequeno só había a “Primeira”
e a “Segunda”. Despois veu a TVG e xa de adolescente empezaron a aparecer as
canles privadas, “Telecinco”, “Antena 3” e tamén “Canal +”, que tiña só unhas
horas en aberto. Na televisión non había programas específicos para nenos como
hoxe en día, nin canles temáticas.
Non
existían os videoxogos?
Os
videoxogos empezaron naquela época e os que chegamos a ter un ordenador pódese
dicir que eramos uns privilexiados. Inicialmente tiñamos unhas maquiniñas
pequenas “Nintendo” que eran pantallas fixas cun xogo fixo. As máquinas un
pouco máis “sofisticadas” atopábanse nos salóns recreativos ou nos bares que
cando iamos cos nosos pais nos daban cinco pesos, vinte e cinco pesetas, para
gastalas naquelas máquinas. Despois empezaron a vir os ordenadores. Eu tiña
algún xogo que para cargar lle levaba media hora e mentres cargaba tiña que
estar esperando. Ía á casa dos meus amigos, ou eles á miña, e pasabamos alí o
día xogando a videoxogos. Eran videoxogos moi rudimentarios e simples
comparados cos de agora.
Ves
moita diferenza entres os xogos de agora e os da túa época?
Totalmente.
É dicir, había moitos que eran gráficos en branco e negro e tan só había que
moverse cara ós lados esquivando por exemplo, “naves de marcianiños”. Os de
agora son máis realistas, teñen unha historia e podes facer máis cousas.
E
cales che gustan máis?
Son
mellores os de agora, están máis desenvolvidos, permítenche máis participación.
Pero para nós, aqueles xogos xa eran unha marabilla porque eran os primeiros.
Ti pensa que no futuro haberá uns xogos mellores que os de agora e ti tamén dirás:
“Cando eu empecei a xogar aos videoxogos eran unha porquería comparados cos de
agora”. Pois é así a evolución da tecnoloxía.
Estas
son as lembranzas de Javier Edreira sobre os seus xogos cando era neno, o que
nos permite coñecer un pouco mellor como se divertía e pasaba o tempo cando
tiña a nosa idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario