“A min gustaríame conseguir que os galegos e as galegas tivésemos un futuro
moito máis esperanzador”
Profesora de lingua galega e literatura, escritora e deputada, Mercedes Queixas Zas ten claro que é unha docente vocacional que pode mellorar o noso sistema educativo e o futuro do pobo galego desde o Parlamento galego, do que forma parte.
Daniel García Lavandeira (1º ESO
D)
Como profesora…
Que é o que máis botas de
menos das aulas?
Este primeiro curso fóra
das aulas o que máis estrañei foi a relación co alumnado, botei moito de
menos as conversas, saber como ían levando este curso tan complexo por causa da
pandemia, os resultados que van conseguindo… A verdade é que algunhas veces
sentín que me faltaba algo no meu día a día.
Ah! Tamén estrañei o
timbre!!!! Decateime do afeita que estou a organizar o meu traballo en
sesións de 50 minutos!!!
Que prefires ensinar á
parte de lingua e literatura galega?
O que máis me ten gustado
impartir fóra das miñas materias é obradoiro de comunicación oral e escrita.
É unha boa maneira de perfeccionar a expresión en galego dunha forma
alternativa, lúdica, colaborativa, distendida… Permite traballar o coñecemento
da nosa lingua propia dunha forma máis amena e sobre todo comunicativa.
Fóra do horario lectivo
encántame facer parte do club de lectura con alumnado, profesorado,
persoal non docente e familias. É algo que me acompañou durante os últimos 10
anos polo menos e paréceme unha actividade fundamental na formación
complementaria e no reforzo da relación entre a comunidade educativa.
Cal consideras que foi o
teu mellor profesor/a e que foi iso tan importante que che ensinou?
Coido que foron varios ao
longo da vida. Vou destacar unha profesora de lingua e literatura galega que me
deu clase no último curso no Instituto de Monelos, onde estudei. Explicaba moi
ben e facía que caeses atrapada nas súas clases. Transmitía moita confianza e
empatía. Con ela souben que quería ser tamén profesora de lingua e
literatura galega. Un día, no final de curso, pregunteille que tiña que
facer. Respondeume que tiña que estudar Filoloxía Galega e logo preparar as
oposicións para ensino secundario. Así o fixen. Abriume o camiño. Estoulle moi
agradecida porque sempre gocei moito da miña profesión. O ensino é a miña
verdadeira vocación.
Como deputada…
Por que decidiches
dedicarte á política?
Hai moitos anos que
observo o que pasa ao meu arredor. Vexo moitas incoherencias e inxustizas. Eu
acredito na igualdade, na equidade, mais as decisións que se toman desde a
responsabilidade política non sempre me parecen que sexan respectuosas con eses
principios.
Tamén defendo un mundo
máis solidario, máis xusto, respectuoso coa diversidade das persoas, co
equilibrio do medio ambiente; unha sociedade tolerante que non acepte que
uns teñan que estar por riba dos outros nin que a vida das persoas teña que
estar sometida ao poder do diñeiro.
Creo que podemos
construír un mundo moito mellor con principios e valores máis humanísticos. Todo
isto favorécese desde unha forma de gobernar ou outra. A min gustaríame
conseguir que os galegos e as galegas tivésemos un futuro moito máis esperanzador.
Somos un pobo milenario, sempre fomos un pobo rexo e traballador, cunha cultura
inmensa e entre todos e todas temos que conseguir facelo aínda máis forte.
Cal é o teu compromiso
con respecto á educación galega, que podes mellorar?
Nos últimos anos creo que
o goberno galego non atendeu debidamente a escola pública galega. Comprobo cada
día o deterioro de moitos centros de ensino. Creo que urxe devolver ao
profesorado os dereitos que se lle foron suprimindo a nivel laboral e
económico. É importante, moi importante, reducir as ratios. Non é
posíbel unha atención educativa de calidade con aulas tan numerosas. Hai
que atender a diversidade debidamente para avanzar cara á inclusión.
Para min é fundamental tamén mudar programacións de contidos inmensos e
metodoloxías pouco actuais que reforzan unha aprendizaxe memorística pouco
aproveitábel.
A educación é un reto
continuo que está en transformación permanente, ao igual que a sociedade, por
iso debe ser unha profesión moi coidada por calquera goberno, porque é a nai de
todas as profesións que desenvolverá no futuro inmediato o conxunto do
alumnado.
Cres que pronto veremos a
unha presidenta na Xunta de Galicia?
Eu creo que si. Pola miña
parte farei todo o que poida, xunto con tantos compañeiros e compañeiras, co
meu traballo para que así sexa xa en 2023 en que se celebrarán as próximas
eleccións galegas.
Como escritora…
Que libro recomendarías
ler aos/ás estudantes de 1º ESO e por que?
É difícil propoñer só un
con tantos marabillosos como hai. Voume atrever con este co que me emocionei
moito cando o lin por primeira vez: Lúa en Ningures, de Beatriz
Maceda, unha escritora coruñesa. Tamén o leu o meu alumnado e compartimos unhas
tertulias moi intensas e interesantes. A ver se vos gusta a vós tamén!!! Xa me
contaredes!!!!
Cal é o teu libro
favorito?
Esta pregunta é a máis
difícil de todas!!!! Non podo dicir un só. Son moitísimos. Vou dicir o primeiro
libro que lin en galego porque me marcou moitísimo cando era nena, xa que até
ese momento pensaba que o galego era unha lingua que non se escribía. Memorias
dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Foi toda unha descuberta
reveladora para min.
Que escritor/a che
gustaría coñecer persoalmente?
Castelao. Tería unha longa conversa con el para que me axudase a construír o futuro
que merecemos como pobo galego.
E, por último, se tiveses
que elixir, con que prefires quedarte como profesora, escritora ou deputada?
Quedo coas tres porque
nelas me vexo por igual. Ben, algo menos aínda como deputada porque é
unha responsabilidade e un traballo máis recente, desde hai apenas seis meses,
mais procuro aprender día a día todo o máis rápido que podo grazas á axuda dos
meus colegas do grupo parlamentario.
Como escritora sempre
aprendín moitísimo do meu alumnado. Como escritora tamén porque me acheguei a
moita documentación que me fixo ser unha persoa máis completa. E como deputada
aprendo moito, en contacto con moitas persoas que nos trasladan as súas
problemáticas, co que podo dicir que teño os pés na terra máis que nunca e a
esperanza de contribuír á súa resolución como representante do pobo no
Parlamento galego.
Mercedes é unha gran
persoa preocupada polo pobo galego e traballa día a día para conseguir un
futuro mellor para todos/as os/as galegas. Agradecémoslle a súa amabilidade e
as súas palabras nesta entrevista.
Nove cousas máis sobre Mercedes Queixas
A túa cor: son dúas… branca e negra.
O teu postre: a torta de améndoa da miña filla.
O teu libro: Sempre en Galiza, de Castelao.
A túa canción: Matriarcas, de Guadi Galego.
O teu deporte: camiñar pola beiramar coruñesa (é deporte?)
O teu animal: a andoriña.
A túa serie: Borge.
A túa película: On.
O teu xogo: un sudoku.
No hay comentarios:
Publicar un comentario